mércores, 14 de setembro de 2011

Ponte Maceira, parada para xantar e respiro dos camiñantes.




Ponte Maceira é un locus amoenus entre Ames e Negreira, non lonxe de Compostela. Tiven o pracer de compartir mesa con boa compaña e pasear en distintas ocasións cruzando esa ponte medieval marabillosa que está chantada no Tambre para gozo dos camiñantes. Ponte Maceira é un conxunto conformado pola aldea, que se debruza a ambos lados do río, un antigo muíño, a presa que fai saltar a auga, a igrexa de Portor, e un pazo moderno, que non desentona na paisaxe. A ponte foi construida no século XIII sobre os peares dunha dunha ponte romana, e consta de cinco arcos amplos e dous máis pequenos. Pasa por ela o camiño xacobeo que leva ós pelegríns a Fisterra, última estación espiritual galego-europea. Lendas cristiás adornan o lugar, coma a fuxida de apóstolos perseguidos por lexionarios romanos que afogan no río, pero tamén acontecementos bélicos con base histórica, coma o da batalla entre os partidarios de Diego Xelmírez, primeiro arcebispo compostelán, e as tropas de Pedro Froilaz de Traba e os seus fillos Fernando e Bermudo, polos límites da Terra de Santiago e a fronteira natural do Tambre. Aquí vos transcribo un texto da Historia Compostelá:
...Por este tempo o conde Pedro, aio do rei, cos seus fillos Bermudo e Fernando e os seus auxiliares, molestaba a Compostela e asaltaba frecuentemente aos homes e os gandos. Unhas veces saía ben, outras dáballe as costas ás frechas, segundo as visicitudes da guerra. Como o pasou en Ponte Maceira, e os moitos homes e armas que perdeu, sería longo de contar...

Chégase desde Santiago collendo a autovía de Noia, saída Negreira e ós cinco minutos de coche, xa vemos un cartaz a man dereita anunciando o lugar. Recomendo o restaurante do mesmo nome para xantar ben e con un toque moderno, de cociña con gusto e certo aire nouvelle cuisine, que sabe a gloria no íntimo comedor ou na terraza sobre o río.

Ponte Maceira forma parte do itinerario do río que me adormentou na nenez, cando nas últimas tardes do verán pechaba os ollos á luz do crepúsculo frente á presa doutra Ponte, río arriba, no mesmo Tambre.

martes, 6 de setembro de 2011

O verán vaise...


Adeus verán! xa nos queda pouco do estío e xa o meu cestiño coa toalla e as cremas vai repousar no cuartiño dos descatalogados (entre estos tamén quedan algúns libros vellos, chanclas, unha pamela branca, e as lembranzas de veráns pasados).
A praia da foto é a Reira; está perto do faro Vilán, na costa de Camariñas. Alí remata a terra. A imensa tranquilidade e o isolado do lugar regaloume unha tarde única. Unha paréntese en agosto.
O mar quedaba gris cando marchei.