luns, 31 de maio de 2010

Ferreira do Valadouro


Ferreira e Alfoz distan 3 kms, por iso nun mesmo paseo visitei as dúas vilas. De Alfoz xa vos teño falado, pero Ferreira chamoume a atención por ser un pobo urbanisticamente máis concentrado e con sabor antigo, un pouco finisecular, con edificios de pedra, balcóns e galerías que falan dun pasado florecente e dun "presente histórico". O río Ouro percorre a vila, aínda pequeno, antes de baixar cara Alfoz. A tarde presentábase tranquila: Dúas monxiñas con un radiocedé baixaron dun coche para entrar nun convento-residencia; un can palleirán quedouse mirando ó pasar pola beirarrúa, e un silencio absoluto, de pobo de interior en día domingo, era a tónica desta visita. E falando de tónica, fun tomar unha á terraza do hotel Vila do Val, que está na prazaonde se fai a feira, e é un edificio restaurado que ocupa tres fachadas: antigo por diante e de deseño moderno pola parte traseira, onde está a terraza que da ó río, no que vin tres troitas pequeniñas, quedas na corrente, sobre o dourado fondo do Ouro. Gustoume o hotel pola súa decoración cun aire sinxelo e señorial a un tempo, e a súa colección de porcelana de Sargadelos antiga que mostran na recepción. Moi agradable, e como se di agora: "con encanto". Noutra ocasión que estiven en Ferreira fun a unha viñoteca chamada Asturias, que me gustou moito, moderna, e cunha variedade máis que aceptable de Riojas. Enfrente hai unha confitaría que se cansa de vender roscóns. Esto coméntoo por se hai algún larpeiro entre vos.
Noutra orde de cousas, Ferreira é unha zona de asentamento castrexo, destacando o Castro d'Ouro, Santa Cilla ou Santa Cruz. Hoxe en día esos lugares repoboáronse, e a pedra das construccións foi reutilizada, perdéndose moitos vestixios, inda que nalgún deles, como o de Santa Cruz, foron atopadas moedas romanas, cerámica e outros restos que confirman a existencia de romanización no Valadouro. Na Idade Media, a comarca estivo ligada ó mítico Mariscal Pardo de Cela, e xa na etapa moderna, destaca a importancia comercial deste lugar, no que se asentaron comerciantes maragatos e mercaderes de Castela, sendo un foco importante para a economía da zona, potenciada polos emigrantes cubanos que invertiron na mellora da vila.
Unha última curiosidade: en 1894, a raíña rexente María Cristina, otorgoulle o título de "villa".
Este enlace móstravos a etapa indiana da vila:
http://elvalledeoro.blogspot.com/2007_08_01_archive.html

xoves, 27 de maio de 2010

Mondoñedo é arte


Mondoñedo outra vez


Ó final estiven en Mondoñedo onte, e volvín a pasear polas rúas ata a catedral. A praza estaba ateigada de coches, e entrei no edificio para recordar as fermosas pinturas da parte do coro e o rosetón multicolor. Estaban rezando o rosario e ó rematar comenzaba a misa, por iso decidín rodear a xirola e sair do templo para tomar algo nunha terraza cos meus amigos, xa que un cartaz indicaba que durante as misas, non se permitía a visita turística. Chamoume a atención que por tres veces me saudaron uns xubilados e funme sorrindo porque creo que me confundían con algúen. Despois tomamos un viño contando historias e regresei a Foz pensando en que a amistade é un bálsamo para os momentos nublados. Grazas a todos os amigos que estades ahí e facedes que sempre saia o sol.

mércores, 26 de maio de 2010

Cerca de Celeiro, a praia de Esteiro


A praia de Esteiro é paradisíca: salvaxe, solitaria e con unha auga limpa e azul. Queda cerca de Celeiro, pero indo da Punta Roncadoira cara Viveiro. Ten mesas para comer pero fáltalle sombra. De todos modos, a temperatura actual permite estar ó sol, non sei no medio do verán. O outro día había unha parella surfista e toda a praia para nos. Repaso estas fotos da semana pasada para alegrarme o día, mentres penso na sesta que botarei esta tarde gris. Despois igual vou a Mondoñedo, a pasar o resto da tarde e a pensar nas miñas cousas, como di María a coruñesa "onde nunca pasa o tempo". Xa vos contarei mañá.

martes, 25 de maio de 2010

De San Cibrao a Burela: a Rueta e a Marosa


Cóntovos que a semana pasada estiven recorrendo a costa entre San Cibrao e Burela pola estrada antiga, a que vai pegada ó mar, e descubrín un recuncho na desembocadura do río Xunco que lle chaman a praia Rueta e que está moi oculta da vista porque hai que baixar andando 50m. por un camiño asfaltado ata a area. É unha praia moi recollida que apenas ten oleaxe, porque o mar entra calmo nunha pequena bahía. Chamoume a atención que haxa duchas, unha fonte e uns bancos en semellante miniatura de praia, o que considero nestes tempos un derroche económico inútil e degradante desta paisaxe que apenas acolle unha ducia de persoas. A seguinte praia é a Marosa, praia colonizada polos de Burela, moi bonita e limpa, pero co feísmo dun cutre-estadio de fútbol ó seu carón. A praia ten un aparcadoiro e están facendo obras. Non quero nin saber para qué.

Esperando na ventá un soño de verán


Cando xa parecía que por fin se alonxaran os nebulosos días do inverno e o sol triunfante chegara como un veraneante máis, a tardiña chuviosa de onte e esta mañá fresca con charcos no chan, voltan a traer o repouso dos días invernais. Agardo a primavera detrás dunha fiestra. En palabras de Silvio Rodríguez: "como esperando abril".
Sempre me gustaron as rosas amarelas, a pesar da súa simboloxía negativa. Hoxe estou tan poética! Será que non durmín en toda a noite por mor dos pesadelos! Algún me dirá que non teño a conciencia tranquila...

luns, 24 de maio de 2010

A bahía de Ha-Long galega


Viveiro (a 40 kms de Foz) lémbrame o encanto das vilas coruñesas como Betanzos, das galerías da Marina da Coruña, Ferrol Vello, e a paisaxe das Rías Altas. Tres visitas lle fixen neste tempo que levo polo Norte lucense e sempre descubro algo novo que me encanta. A xente, arregladiña como na Coru, a pasear polas rúas de pedra. As tendas, ideais para quitarse o "mono" de compras que empezaba a padecer en Foz, e a temperatura moi agradabe ó atardecer. A Semana Santa chama a atención, (moi andaluza), pero disfrutei moito máis da vila nestes últimos días. Recomendo os bombóns da confitería Vale, (sobre todo os de chocolate e améndoa, que lembran á pedras de Santiago) sita intramuros, ó lado do arco da muralla Oeste, adicado a Carlos V por ter redimido á vila de impostos despois dun grande incendio.
Recorrín a praia de Covas e o grupo de pequenas illas lembroume a bahía de Ha-Long vietnamita, en miniatura. A foto adícolla a todos os Pacos que conocín na miña vida, sempre bos homes.

venres, 21 de maio de 2010

Os días de primavera dan para moito



Dende Foz e con un bocata saimos na procura das últimas fronteiras septentrionais galegas e alá chegamos ó faro da punta Roncadoira. Qué inmensidade! qué sensación de liberdade e qué vento! A costa é diferente á focega, máis granítica, lembra os riscos da costa atlántica. Antes de subir ó faro pasamos por Portocelo, un portiño encantador, ó que entra o mar despois de pasar unha garganta de pedra, cunha pequena praia ó fondo, e unhas augas azul turquesa que invitaban ó baño. As fotos teñen un efecto "azul Avatar" que non foi intencionado, pero tampouco queda tan mal.
Despois de comer nunha praia na que só había dous surfeir@s, subir a un monte que domina a ría de Viveiro e baixar por Celeiro, aínda me quedaron ganas de baixar á praia en Foz (do libro de Nietzsche nin falamos).

Tardes na praia

mércores, 19 de maio de 2010

Schopenhauer na Rapadoira

O luns á tarde aproveitando o anticiclón baixei á praia da Rapadoira en Foz, para sentarme un pouco ó sol e levei comigo A Metafísica do amor, de Schopenhauer. Dúas cousas me quedaron claras:
1. A Natureza embauca ó individuo , que ve, iluso, na súa propia ventura o que en realidade é o ben da especie. Ou sexa: o amor é só "o xenio da especie que se aproveita da satisfacción dese desexo". Xa non creo no amor.

2. Xa non estou en idade de merecer.
De qué ven isto: pois segundo o filósofo, os homes só dan preferencia ás mulleres comprendidas entre os 18 e os 28 anos, por cuestións fisiolóxicas: "la juventud sin belleza tiene siempre atractivo; ya no lo tiene la hermosura sin juventud"
ai! qué pena! só me quedaba seguir lendo, por se atopaba algún elemento de ánimo para continuar... aliviome saber que a segunda consideración (a saúde) e a terceira (el esqueleto) permítenme continuar na loita, grazas a Deus, non teño "una conformación defectuosa ni un talle desviado"!!
O mellor do conto é que "a beleza da cara non se toma en consideración" así me explico eu ese refrán de "la suerte de la fea, la guapa la desea".
Por último, tamén me deixou claro que na muller non é perdoable o adulterio e que o home ten a necesidade de ir na busca de outras mulleres, así como que á muller non lle importa estar con un necio, prefire a un tipo "cachas" que non ten cerebro, porque a intelixencia xa a pon ela. ( Ai Señor!!!!! inda por riba aturar a un parvo!!!).
Este Schopenhauer acabou con lustros de lírica na miña cabeza. Paxariños, que diría meu pai.
"O espírito da especie é o único que dunha soa mirada pode ver qué valor teñen os amantes para el e cómo lle poden servir para os seus fins" Qué triste non?
Quédome con unha cita que fai de Shakespeare "Who ever lov'd, that lov'd not art firsts sight? (Ten amado quen non amou á primeira vista?)

venres, 14 de maio de 2010

paloma - andres calamaro

Andrés Calamaro "Mi Gin Tonic"

Mi Enfermedad

Un paseo a carón do río Ouro




Nas aforas da vila de Alfoz atopamos a Finca Galea. Un lugar rodeado polos meandros do río Ouro e onde se celebran banquetes; O río ten o fondo de cor cobriza, dourada, e caín na conta do senso do seu nome. Un locus amoenus no que destacaría o muíño e un batán, artiluxio curioso utilizado para tratar o liño e que me lembra aquelas páxinas do Quijote, tan entrañables para min. Unha lagoa, árbores singulares, flores, e moitos paseos nos que a auga é a protagonista. Mostrareivos máis imaxes e recomendo a visita, a pesares dos tres euros.

Alfoz e Pardo de Cela



A tarde de onte adiqueina a Alfoz, cámara en ristre para poder facer algunha foto dos restos da fortaleza, que lle chaman de Pardo de Cela, pero hai opinións que afirman que era propiedade dun fidalgo vasalo do Mariscal; é unha construcción cúbica de tres plantas construida en sillería de granito e almenada. A porta é arqueada e está flanqueada por dúas fiestras xeminadas. No segundo piso a fiestra é adintelada. Saiu o sol pero facía frío. É fermosa a vista sobre o val. A torre érguese sobre unha aldeíña medio deserta pola que paseaba unha velliña con sombreiro de palla. Ó carón da torre hai unha capela pequena. a primavera vai chegando pouco a pouco.

xoves, 13 de maio de 2010

O mar é diferente cada día


Eu que son de terra adentro, necesito saber que o mar está preto, aínda que non vaia a velo con frecuencia. O saber que está ahí é suficiente para min. Por iso desde que cheguei á beira do Cantábrico, todos os días, sin fallar un, chova ou faga sol, vou ver o mar paseando cara a praia de Llas, ou mesmo no coche. Necesito saber que cor ten cada día: sexa gris, turquesa, azul marino, azulón ou orlado de escumas. Deixo unha imaxe primaveral deste mar desde San Cibrao. Moitos saúdos a todos, e "mente positiva": ainda nos peores momentos "de todo se aprende".

martes, 11 de maio de 2010

San Cibrao


a

Un dos poucos días soleados que viñeron neste mes de maio, pilloume na fermosa vila mariñeira de San Cibrao. Unha comida con amigos ó lado da praia, nun sinxelo restaurante e a bó prezo, e un paseo pola praia ata o faro, e polas rúas estreitas, descubriume un lugar dos máis auténticos e fermosos da Mariña. O peor é ver ó lonxe a industria que afea enormemente a paisaxe, pero é unha vila inesquecible. Despois de subir ó faro, descubrimos na baixada Oeste a excavación dun castro no medio do pobo. Seguimos de paseo entre casiñas con moitas flores e chegamos a unha capela e dalí de novo ó porto e á praia. Quiteille unha foto á Maruxaina, esa serea que da nome a unha festa do verán, e contáronme que é unha celebración moi vistosa e divertida onde se vai buscar en lancha á serea (unha boneca) e se leva para a vila para enxuizala por ter provocado a morte de mariñeiros co seu canto enganoso. Escollina para a foto do meu perfil, inda que eu non son nin medio peixe, nin canto, nin mato homes... de momento. Bromas aparte, recomendo a visita a San Cibrao a todos os amantes do mar e do auténtico. Mágoa do incipiente feismo urbanístico que non perdoa.

luns, 10 de maio de 2010

Casamento en Salamanca


Esta fin de semana foi vertixinosa: Desde Foz a Trastámara o venres: peluquería e estecienne. De Trastámara ata Salamanca o sábado e de regreso a Galicia o domingo para poñer rumbo a Foz ás 6.30 da mañá. Todo isto sen apenas ir á cama; pero síntome orgullosa de ter deixado o pavillón galego ben alto en Salamanca, e disfrutar da noite e da compañía ata o amencer. Divertinme moito e estou superando o sono a base de cafés; nunca me arrepinto de trasnoitar. Valoro a amistade como un dos mellores agasallos que che pode dar a vida, e síntome emocionada de poder compartir coa miña amiga un dos momentos máis importantes da súa vida. Salamanca é para min unha cidade marabillosa. Esta era a cuarta vez que a visito e sigo sorprendéndome das súas rúas. Teño ganas de voltar con tempo para pasear tranquilamente e sen choiva.

martes, 4 de maio de 2010

Sargadelos, arte e artesanía


Sentindo que hai gustos para todo, non vou avogar por Sargadelos afirmando que é a mellor porcelana do mundo, mais é innegable que o deseño da última etapa, xa con Seoane e Díaz Pardo, é único no panorama nacional e internacional; e a pesares dos intentos de outras fábricas, é inimitable; non hai máis que ver as imitacións de firmas como Lladró ou Galos. A resposta é ben sinxela: non é só a forma senon tamén as IDEAS. Esta cerámica ten ALMA. Cada peza ten un senso e un por qué. Non se deixa nada ó azar, senón que cada figura, cada gravado ou cada pintura nun prato, está inspirada na Historia de Galiza, nas mostras de arte que existen desde a cultura castrexa, a etapa medieval e ata as galerías da Marina da Coruña, (unha vaixela reproduce esas vidreiras) ou no cine galego (remítovos á unha das últimas creacións da fábrica que é "Mamasunción", homenaxe ó curto de Chano Piñeiro sobre o drama da emigración). Podedes consultar as últimas liñas de creación na páxina de . Estarei sempre prendada desta illa creativa que inda podemos atopar na nosa terra.