domingo, 26 de agosto de 2012

Castelo de Moeche cercado por Irmandiñas...



Pasamos esta semana cubrindo de Sur a Norte a costa atlántica, de Panxón a Ferrol, parada e fonda en Compostela. Percorremos os camiños de Moeche en busca do famoso castelo no que se acababa de celebrar a festa irmandiña.
Pola estrada que sae de Narón a Ortigueira, saíndo de Ferrol, chegamos a Moeche, topónimo que se remonta ao século X, cando aparece a fundación dunha "Vila Modesti", nome do cabaleiro en cuestión que decideu instalarse nese vilar escondido entre os montes. O castelo parece que foi levantado por Fernán Pérez de Andrade "o Bo", de todos sabido, potente señor feudal, enterrado na igrexa de Santa María de Betanzos nun cadaleito considerado obra capital da escultura mortuoria gótica na Península. Falamos do século XIV. Mais os Irmandiños, na segunda revolta de 1467, botaron abaixo a fortaleza, pero afogada a revolución, o conde de Lemos, propietario do momento, obrigounos á súa reconstrución. A duquesa de Alba, tan desprendida ela, subastouno coma se fora un montón de pedra... con todo, hoxe puidemos rodeala e imaxinar como era o foxo e a vida no lugar algúns centos de anos atrás.
O máis curioso foi atopar ao chegar, fronte á portada, como se estivesemos nunha ficción cunqueiriana, ós ananos do castelo. Unha sorte de mordomos que nos deron a benvinda co seu baño de cor, tan rechamante no gris do entorno. Quixen fotografalos para o meu asombro e o voso.
O horario de apertura na web non coincide co que aparecía nas portas do castelo, así que, se pensades ir, o mellor é un domingo ou un festivo... e sorte!
Non puiden evitar sentirme irmandiña ao marchar do lugar, e pensar que tal e como nos vai nestes tempos, o día menos pensado collemos o galleto ou a forcada e prendemos lume ás institucións.

sábado, 11 de agosto de 2012

Barizo, o abrazo das pedras ao mar


Para os amantes da natureza e do mar, e para os amantes en xeral..., aquí temos un recuncho íntimo e salvaxe a un tempo. Ben perto de Malpica, en dirección a Ponteceso, antes de chegar ás torres de Mens, collemos a pista á dereita onde un indicador avisa desta localización. Porto Barizo é outro finisterrae onde atopamos esta imaxe dunha bahía oculta, unha lingua fría e salgada de mar que lambe unha media lúa de area branca e pouco concurrida. Alí a harmonía das ondas faime esquecer que existe máis mundo que aquel onde uns ollos claros permanecen suspendidos no tempo e regresan do pasado para lembrarme que sempre que o meu corpo estea batido polo vento Nordés, sentiréi un abrazo invisíbel que terme da miña inconsistencia.

Parada e fonda no restaurante As Garzas. Estrela Michelin.