xoves, 30 de setembro de 2010

O mundo nunca é suficiente


Durante as festas do Apóstolo 2009, puidemos ver esta curiosa imaxe tomada no Pazo de Fonseca, sede da Universidade compostelana. É tan suxestiva como inédita, e hoxe, revisando o meu arquivo, pensei que esta podía ser a alegoría do que supón en ocasións a nosa vida, tan pesada e complexa, con tanto en que pensar que ás veces parece que todo o peso do mundo estivera enriba dun, como a Terra sobre Atlas. Pero o que non se ve, é precisamente a imaxe positiva que puiden admirar en directo: o mundo era un globo xigante e luminoso que saiu voando na noite máxica de Santiago. Eis como todo é relativo: a carga sobre Fonseca era ficticia. As nosas dificultades son efímeras. Deixemos voar os nosos pensamentos!
(Graciñas a Luz Infinda pola súa aportación gráfica, pola torta de Mondoñedo e por estar sempre ahí, tan cerca).

xoves, 23 de setembro de 2010

"Verxel de Bergantiños e terra da pataca"

Isto é o que di o cartel que da a benvida a Coristanco. Ata esta terra me levou o vento Nordés, que virou a Suroeste o día do San Mateo. Hoxe empezo a normalizar a rutina despois de tanto movemento estival. Agora con prudencia, direi que este é un lugar que "parece" tranquilo, se todo segue como esta semana. Un dato revelador: nunca vin nunha vila tan pequena, tantas patrullas da Garda Civil... Outro día falaremos das patacas...
Quero ter un momento especial para mandar afectuosas apertas á xente da Mariña, que tan ben me tratou, e que estes días está interesándose pola miña singladura e mandándome mostras de cariño e invitacións a regresar.

luns, 13 de setembro de 2010

Leonard Cohen ou a elegancia atemporal


Onte viaxei a Ourense para o ver ó poeta que canta con voz grave e susurrante. Desde as 9.10 da noite ata a 1 da madrugada disfrutei de todo un repertorio clásico, e cada tema ía acompañado dos aplausos dun público entregado dende o primeiro momento: non merecía menos. Eu tiña certo reparo en facerme ilusións con este artista porque os seus setenta e... non llos quita ninguén, pero asegúrovos que non perdeu un ápice do seu bo facer e o seu encanto. Sorprenderon as irmás do coro que no segundo tema e na seriedade da canción fixeron unha acrobacia inesperada, e digoo textualmente.
Leonard Cohen parece que está cantando a soas para cada un dos asistentes. Cando che di "if you want another kind of love,... I'm your man..." É tan íntimo que semella cantar só pra ti. O mítico Suzanne, e todos os seus éxitos, cantados como por primeira vez. El é elegante na voz, nas presentacións ou no modo de quitarse o sombreiro. Xeonllo en terra, entregaba os seus poemas como un gentleman que regalaba o mellor de sí. "First, we take Manhattan, then we take Berlin...". Cando sonaron os primeiros compases do vals "Now in Viena there is ten pretty women, there's a shoulder where dead comes to cry...", regresei ós meus 17 anos, cando por primeira vez descubrin a Cohen, a través desta canción, mentres estudiaba ó Lorca de Poeta en Nueva York.
"Good night, darling".

venres, 10 de setembro de 2010

Clausuramos o verán

Facendo un balance deste verán, quero destacar a cantidade de concertos nos que disfrutei ou me aburrín, pero sen dúbida foron unha experiencia máis que inolvidable: o primeiro e máis impactante: Mark Knopfler; cando os primeiros compases de Sultans of swing empezaron a sonar, tiña a pel de ghaliña. Tiven a sorte de estar sentada e en primeira fila, tan cerca que case lle podía sentir a respiración. Único.
Segundo: concerto de Jean Michel Jarre; ata o cuarto tema, moi ben; no décimo case me da unha volta, ata quixemos abandonar o Obradoiro antes de rematar; non nos deixou a policía, que se non... Menos mal que a noite non acabou tan mal.
Terceiro: Miguel Bosé. Sí, dame igual o que pensen a maioría de machos; ainda que sexa da outra banda, de ilusión tamén se vive. En Noia estivo marabilloso.
Cuarta: Mañá se non hai novidade, veremos a Carlos Núñez e The Chieftains, coa Sinfónica de Galicia; e de gratis. E o domingo, ainda teño a posibilidade de ir a Ourense a ver a Leonard Cohen. Qué planazo non?
Seguindo o meu lema: Carpe Diem

martes, 7 de setembro de 2010

Rianxo (II)

"E cazaremos a vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión"

Con estes versos de Manuel Antonio regreso a Rianxo para comentar algunha sorpresa máis que descubrín desta vila: por exemplo, que na zona do naútico houbo un pequeno campo de concentración para "rojos", ou que o hórreo máis grande do mundo, non é o de Carnota, senon o do Araño, que é a parroquia máis grande do concello rianxeiro. As ruinas do Castelo da Lúa lembran que houbo un tempo de cabaleiros que gardaban desde as torres os segredos dunha terra fértil en ilusións e misterios. As rúas manteñen o engado mariñeiro de sempre, e non poido imaxinar que exista alí outra estación que non sexa o verán.

venres, 3 de setembro de 2010

Rianxo (I)


Entre as viaxes do verán, hai unha especial, pola súa cercanía e o sorprendente descubrimento dunha nova paisaxe. Cando menos o esperas aparece... un color novo no mar, unha luz distinta a todas e un vento salgado que te devolve á vida.
Rianxo deitadiño frente á ría, a mesma ría que lle da a personalidade e que está na raigame do seu nome: Rivi Angulum, (a faculdade ó menos serviume para algo), e un longo paseo mostroume o por qué do topónimo. Ata a desembocadura do río Te cheguei camiñando, conversando e aprendendo que se pode ver bailar o sol desde o castelo da Lúa.