domingo, 23 de setembro de 2012

Luz en Boimorto



 A noite de onte foi máxica. Luz Casal cumpliu un soño: cantar na aldea dos seus antergos, tendo a casa onde naceu xusto fronte a ela; acompañada de 6.000 persoas que estaban desexando escoitala e aplaudir cada tema. Ela saiu cando aínda os últimos raios do día tinguían de cores pastel o Oeste, detrás do escenario. Escureceu entre as notas de cancións como "Entre mis recuerdos", e ela lucía espléndida con un vestido negro e unha diadema vermella, como coroa de plumas que daba máis vida ó seu rostro resplandecente de anxo do rock&roll.
 Eu sorría entre a multitude, acompañando coa miña voz rompida e apagada cada canción.  Adicounos, ás mulleres "Y no me importa nada.."; todos cantamos repetidamente o estribillo de "un nuevo día brillará..." "quiero ver... el rojo del amanecer..." tantas gorxas acariñando cada nota... foi un meigallo!.
 "Es por ti". Non sei cantos fotogramas da miña vida foron sucesivamente pasando pola miña mente mentres Luz ía esfollando cada letra con modulada voz. Fun consciente de que, en calquera momento da miña existencia, algo da súa estivo presente a través da música. "Me emociono al volverte a ver... y aun pregunto... quién dejó a quién!"... "Piensa en mí... cuando sufras...".
 Non faltou unha chamada en directo a Manolo García, ausente por enfermidade, e a actuación de Chris Barron de Spin Doctors, que animou ainda máis o ambiente estupendo que alí había.
 A xente tan varia que se xuntou nese recinto de Andabao dáballe un carácter distinto a calquera outro festival: señoras con toquilla, e cabaleiros con boina; nen@s no carrito e xogando, máis ou menos indies-rock, neohippies, novos e vellos xuntos... ata miña bis tía de 79 anos tamén foi coas amigas!

 E Luz brillou máis que nunca no ceo de Boimorto...


mércores, 5 de setembro de 2012

O castelo da Palma dende San Felipe. As garitas da ría de Ferrol.





A ría de Ferrol esconde moitos engados, non deixa de ser sorprendente. Ferrol, que vive de costas ao mar, dependeu sempre del. Estaleiros, militares, marisqueo... é unha amalgama de vidas e mundos que conviven e fan que a comarca sexa un crisol que atrae o interese do viaxeiro, ben sexa pola paisaxe, a historia, a terra e o mar. As rúas do bairro da Madalena, (a "tableta de chocolate"), tan medidas, tan neoclásicas..., o porto e as praias da contorna, a industria e as xentes, co seu característico sentido do humor, ben coñecido por mor d@s amig@s ferrrolás, e da experiencia laboral propia, fan de Ferrol unha cidade aparte do resto do país.
Aquel día fomos percorrer as fortalezas que pechaban de lado a lado a bocana da ría cunha cadea cuxos restos mostramos nos amarres da penúltima foto. San Felipe foi un baluarte construido no 1598, para actuar de modo defensivo perante os ataques especialmente ingleses. Xunto co castelo da Palma, xusto enfrente, na terra de Mugardos, e o de San Martiño, poñían difícil a penetración por mar de buques inimigos. No 1800 tivo lugar un episodio bélico notable, con máis de 100 barcos e 15000 homes, no que a Armada británica tenta a destrución dos estaleiros e a conquista do territorio. Na batalla de Doniños, e despois de tres intentos do almirante Warren por traspasar a ría, foi vencido grazas á estratéxica posición do Castelo da Palma, que coa súa batería potente de canóns, repeliu o ataque inglés. Cousa que aledou moito a Napoleón, quen brindou polos "valentes ferroláns", xa que esta armada posteriormente ía dirixida para combatelo en Exipto.
Durante a Guerra Civil, no 1938, foron moitos os Republicanos fusilados en San Felipe. Nos anos 80, o Castelo da Palma foi o cárcere militar no que estivo Tejero. Hoxe en día, ironías dos Tempos, esta prisión foi vendida á cadea hoteleira "Diana Grandes Hoteles" para facer alí un Spa de luxo en primeira liña de mar. O caso é que o proxecto, con 15 millóns de euros previstos para o investimento, leva cinco anos na neveira debido a catas arqueolóxicas e papeleos de tres administracións distintas.
Case me alegro.