sábado, 16 de abril de 2011

Despedida en Tui

Hoxe escribo dende a tristura porque sospeito que é a miña derradeira visita a San Bartolomé en Tui. Frente á pequena igrexa románico-visigótica, hai unha praciña con un palco da música e un cruceiro. Na praza, unha casona de pedra coas xanelas abertas e un portalón que da entrada a un xardín con emparrados e frutais. Na casa vive unha dona de 98 anos que conserva un ollar de zafiro e parte da historia do país. Chonchiña foi a compañeira de Paco Comesaña, a muller que inspirou a novela de Manolo Rivas, O lápis do carpinteiro, que todos recordaremos; ela sempre sorrinte e amable, sempre hospitalaria e perfecta anfitriona recibe as incontables visitas de amigos no seu salón. Perdeu ó seu fillo estes días e hoxe os seus ollos azuis desdibuxábanse en bágoas. Tomamos limonada. Sempre nesa casa hai limonada, costume mexicana traída dos seus anos de exilio azteca, e que ofrece ós convidados como refrixerio nas tardes douradas do verán tudense, na galería ou nas mesas de pedra da horta. Son tantas as historias cáseque incribles que lle sucederon na vida e que contaba coa maior naturalidade que eu podía botar días enteiros escoitándoa. Coñeceu e tratou a xente extraordinaria, persoeiros da política internacional, do mundo da cultura, da arte, da música... Poetas coma León Felipe, Ángel González ou Celso Emilio, eran amigos lembrados nesa casa, onde unha pintura de Quesada que recolle a escea do prendemento de Comesaña e o debuxo que Camilo Díaz Valiño lle fixo no cárcere de Compostela, presiden o salón. Hoxe é un día tristre para min; hoxe despedinme dela e penso que quizais non a volva a ver. Regresa a México para vivir coa filla que lle queda e déixanos "una temporadita"; con ela esvaécense as últimas raigames familiares e a miña árbore perde outra folla.
Nunca esquecerei a última aperta que nos demos, cando no xardín virou o rostro de novo e cravoume a súa ollada tan azul dicíndome: "adiós! adiós!"

sábado, 9 de abril de 2011

Na ribeira do Miño

O calor dos días pasados, consecuencia caprichosa do vento africano, trouxo a Ourense un ambiente irrespirable, unha transpiración constante dos corpos e a envolvente sensación de estar nadando en vapor de auga. Barra de Miño, con este nome tan pouco poético para un lugar idílico, situada a uns oito kms. da cidade, río arriba, é unha terraza sobre as augas. Breve aldea con unha estación de ferrocarril ruinosa derramada ó lado dun enorme remanso do Miño. Como son muller de ollos sorprendidos diante calquera paisaxe, non podía deixar pasar a ocasión de recrear a postal. Do outro lado das vías aparece un recinto pechado, e no medio da parede un portón aberto con un cartel de neón: "Gaddaffi". Sorpresa número 1: nos tempos que corren o nome do establecemento non podía ser máis axeitado. Sorpresa número 2: é un extraño local aberto ó río, con unha estética mistura de prostíbulo, restaurante de bodas e bautizos, discoteca e clube naútico. Non pensedes mal. Digo só estética. Ó final ven sendo un xardín con mesas e antucas. Un camareiro do país, xente sentada parolando e o río lambendo a ribeira, sen traer a frescura agardada. Inquedantemente inmóvil, as augas non se ven correr, xerando a miña eterna desconfianza diante o aparentemente inofensivo. Bo lugar para fumar un cigarro que non acendín, perder o tempo e vixiar o crecemento dos piñeiros mansos galegos que tan sequera se ven do outro lado da enormidade fluvial.

mércores, 6 de abril de 2011

Praza de Santa Eufemia

Onte á tardiña saín pasear pola cidade. Ourense inauguraba a tempada de calor a pesares de estar estreando a primavera. Camiñando cheguei ata a praza de Santa Eufemia. Deixei atrás esmolantes na porta da catedral e rostros indiferentes nos viandantes cos que me cruzaba. No lugar proliferan as terrazas. Senteime e mentres Eloísa estaba debaixo dun almendro, eu estaba debaixo do parasol do Latino co libro de Jardiel na man para distraerme mentres me servían o café.
A praza é recollida, pechada, con unha certa inclinación que parece empuxarnos cara a fachada da igrexa que ás sete da tarde recortaba a súa silueta no azul desvaído do ceo. De repente as badaladas sonaron. As oito. Levantei a vista da lectura. Responden doutro campanario, e beatos saen da misa. As rúas áureas son unha almoneda humana que observo desde a transparencia do anonimato. Sigo sentíndome allea ó palpitar desta vila grande que é un escaparate de xente ociosa nas rúas de pedra.

martes, 5 de abril de 2011

Iacobus


Semella ás veces que navegar nunha lancha de pedra non da para unha longa singladura, mais non ten por que ir a barca a pique cando cremos na física. Sorprendida quedei, vendo flotar tal embarcación, co Xacobe de pálpebras pechadas para non ollar a miña expresión abraiada. Este Santiaguiño de pedra aboia entre a tenrura inocente da fe e o descreimento das moedas enferruxadas.