luns, 7 de xuño de 2010

Felicidades Lúa!


Hoxe cumpre un ano a miña Lúa. Este aniversario ven acompañado dunha xornada de entrenamento con codornices na que a cadeliña non fallou unha. Estamos sorprendidos coa capacidade olfativa e o instinto que ela ten. Asombrosa demostración de habilidade coa que esperamos seguir disfrutando na tempada cinexética deste outubro.
A pequecha ten un pedigree excelente, pois é neta de Radentis España, nada menos que o campión internacional de traballo, campión trialer/ internacional de gran busca e campión de caza práctica. Por outra banda é descendente de Líder de Playabarri, outro campión, e por liña materna, da casa de Bosende. Como se di en Galicia, "só lle falta falar", porque ben é certo que comprende todas as ordes, busca, porta e para como os grandes. Na foto podedes apreciar que é blue belton con pintas marróns ( Belton é o nome especial utilizado para descreber o moteado característico do pelaxe do setter inglés. Belton é unha vila de Northumberland. Esta denominación foi creada por Edward Laverack, criador influinte no aspecto actual da raza). Espero que siga con nós moitos anos, é unha máis da familia!
http://www.club-caza.com/

venres, 4 de xuño de 2010

"Todo pertence a quen sabe disfrutalo"

Con esta afirmación de A. Gide, quero animar a todos os que ledes estas pobres páxinas a disfrutar das pequenas viaxes. Cada espazo ten o seu encanto, e se sabedes mirar con asombro, sempre poderedes disfrutar de calquer lugar no que vos atopedes. Esta que escribe, sempre está in itinere, e anda aprendendo a vivir con entusiasmo en cada recuncho que vai coñecendo. Non desaproveites nin un paseo de media hora para descubrir algo novo nas vosas pasadas, ainda que só sexa o seu son.

xoves, 3 de xuño de 2010

Castropol, o encanto decadente



Xa hai días que fun a Castropol, vila asturiana sita xusto enfrente de Ribadeo, que toda ela parece un mirador sobre a ría. Hai tempo que tiña anceios de ir cando tomando o té no Parador de Ribadeo ollaba ese promontorio poboado de tellados no que destacaba o afilado campanario dunha igrexa que me lembrou a Santa María de Tyn, en Praga. A panorámica era, cando menos, pintoresca, e a visita a Castropol non me decepcionou. Rúas e balcóns descolgados sobre o Eo, ademáis de moitas casas señoriais dos séculos XVII e XVIII que durmen o soño dos esquecidos. Polas rúas empinadas conseguin aparcar onde o consultorio médico, e dalí camiñei ata a casa consistorial, que segundo rezaba unha placa, foi un lugar emblemático na loita contra os franceses, ademáis de ser confirmada segunda capital do Principado.
A vila ten un aire indiano, como non podía ser menos, pois a emigración sobre todo a Arxentina e Cuba, deixou fonda pegada. Un monumento a Fernando Villamil, importante mariño que morreu na guerra de Cuba, preside o parque decimonónico onde está o Casino, de estilo modernista e aire decadente. A estatua, feita por suscrición popular é de bronce; ten a efixie do heroi, e tras del, unha figura feminina representa a "patria". Qué terrible fracaso o do 98! sempre os mesmos malos gobernos sobre bos súditos! Cántos mártires da nada houbo e haberá sempre neste país ós que nunca se lles ha de adicar un monumento!
E seguindo por Castropol, descubriredes o pazo dos marqueses de Santa Cruz, o das Catro torres, ou Villarosita, unha casona con torre e orixe no XVI. Marabilloso paseo polo século XIX.

martes, 1 de xuño de 2010

Penélope


Hoxe o día segue igual de anubrado que onte, as néboas non teñen presa por marchar de Foz, e eu pasarei o día entre Burela e Ribadeo, comendo con amigas e indo de compras. Aparte dos meus plans, quero compartillar con vós este poema fantástico de Xohana Torres, que lin onte:

PENÉLOPE:

DECLARA o oráculo:
"Que á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima
QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten
QUE un sumario de xerfa polos cons"

Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A qué tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR."


luns, 31 de maio de 2010

Ferreira do Valadouro


Ferreira e Alfoz distan 3 kms, por iso nun mesmo paseo visitei as dúas vilas. De Alfoz xa vos teño falado, pero Ferreira chamoume a atención por ser un pobo urbanisticamente máis concentrado e con sabor antigo, un pouco finisecular, con edificios de pedra, balcóns e galerías que falan dun pasado florecente e dun "presente histórico". O río Ouro percorre a vila, aínda pequeno, antes de baixar cara Alfoz. A tarde presentábase tranquila: Dúas monxiñas con un radiocedé baixaron dun coche para entrar nun convento-residencia; un can palleirán quedouse mirando ó pasar pola beirarrúa, e un silencio absoluto, de pobo de interior en día domingo, era a tónica desta visita. E falando de tónica, fun tomar unha á terraza do hotel Vila do Val, que está na prazaonde se fai a feira, e é un edificio restaurado que ocupa tres fachadas: antigo por diante e de deseño moderno pola parte traseira, onde está a terraza que da ó río, no que vin tres troitas pequeniñas, quedas na corrente, sobre o dourado fondo do Ouro. Gustoume o hotel pola súa decoración cun aire sinxelo e señorial a un tempo, e a súa colección de porcelana de Sargadelos antiga que mostran na recepción. Moi agradable, e como se di agora: "con encanto". Noutra ocasión que estiven en Ferreira fun a unha viñoteca chamada Asturias, que me gustou moito, moderna, e cunha variedade máis que aceptable de Riojas. Enfrente hai unha confitaría que se cansa de vender roscóns. Esto coméntoo por se hai algún larpeiro entre vos.
Noutra orde de cousas, Ferreira é unha zona de asentamento castrexo, destacando o Castro d'Ouro, Santa Cilla ou Santa Cruz. Hoxe en día esos lugares repoboáronse, e a pedra das construccións foi reutilizada, perdéndose moitos vestixios, inda que nalgún deles, como o de Santa Cruz, foron atopadas moedas romanas, cerámica e outros restos que confirman a existencia de romanización no Valadouro. Na Idade Media, a comarca estivo ligada ó mítico Mariscal Pardo de Cela, e xa na etapa moderna, destaca a importancia comercial deste lugar, no que se asentaron comerciantes maragatos e mercaderes de Castela, sendo un foco importante para a economía da zona, potenciada polos emigrantes cubanos que invertiron na mellora da vila.
Unha última curiosidade: en 1894, a raíña rexente María Cristina, otorgoulle o título de "villa".
Este enlace móstravos a etapa indiana da vila:
http://elvalledeoro.blogspot.com/2007_08_01_archive.html

xoves, 27 de maio de 2010

Mondoñedo é arte


Mondoñedo outra vez


Ó final estiven en Mondoñedo onte, e volvín a pasear polas rúas ata a catedral. A praza estaba ateigada de coches, e entrei no edificio para recordar as fermosas pinturas da parte do coro e o rosetón multicolor. Estaban rezando o rosario e ó rematar comenzaba a misa, por iso decidín rodear a xirola e sair do templo para tomar algo nunha terraza cos meus amigos, xa que un cartaz indicaba que durante as misas, non se permitía a visita turística. Chamoume a atención que por tres veces me saudaron uns xubilados e funme sorrindo porque creo que me confundían con algúen. Despois tomamos un viño contando historias e regresei a Foz pensando en que a amistade é un bálsamo para os momentos nublados. Grazas a todos os amigos que estades ahí e facedes que sempre saia o sol.

mércores, 26 de maio de 2010

Cerca de Celeiro, a praia de Esteiro


A praia de Esteiro é paradisíca: salvaxe, solitaria e con unha auga limpa e azul. Queda cerca de Celeiro, pero indo da Punta Roncadoira cara Viveiro. Ten mesas para comer pero fáltalle sombra. De todos modos, a temperatura actual permite estar ó sol, non sei no medio do verán. O outro día había unha parella surfista e toda a praia para nos. Repaso estas fotos da semana pasada para alegrarme o día, mentres penso na sesta que botarei esta tarde gris. Despois igual vou a Mondoñedo, a pasar o resto da tarde e a pensar nas miñas cousas, como di María a coruñesa "onde nunca pasa o tempo". Xa vos contarei mañá.

martes, 25 de maio de 2010

De San Cibrao a Burela: a Rueta e a Marosa


Cóntovos que a semana pasada estiven recorrendo a costa entre San Cibrao e Burela pola estrada antiga, a que vai pegada ó mar, e descubrín un recuncho na desembocadura do río Xunco que lle chaman a praia Rueta e que está moi oculta da vista porque hai que baixar andando 50m. por un camiño asfaltado ata a area. É unha praia moi recollida que apenas ten oleaxe, porque o mar entra calmo nunha pequena bahía. Chamoume a atención que haxa duchas, unha fonte e uns bancos en semellante miniatura de praia, o que considero nestes tempos un derroche económico inútil e degradante desta paisaxe que apenas acolle unha ducia de persoas. A seguinte praia é a Marosa, praia colonizada polos de Burela, moi bonita e limpa, pero co feísmo dun cutre-estadio de fútbol ó seu carón. A praia ten un aparcadoiro e están facendo obras. Non quero nin saber para qué.

Esperando na ventá un soño de verán


Cando xa parecía que por fin se alonxaran os nebulosos días do inverno e o sol triunfante chegara como un veraneante máis, a tardiña chuviosa de onte e esta mañá fresca con charcos no chan, voltan a traer o repouso dos días invernais. Agardo a primavera detrás dunha fiestra. En palabras de Silvio Rodríguez: "como esperando abril".
Sempre me gustaron as rosas amarelas, a pesar da súa simboloxía negativa. Hoxe estou tan poética! Será que non durmín en toda a noite por mor dos pesadelos! Algún me dirá que non teño a conciencia tranquila...

luns, 24 de maio de 2010

A bahía de Ha-Long galega


Viveiro (a 40 kms de Foz) lémbrame o encanto das vilas coruñesas como Betanzos, das galerías da Marina da Coruña, Ferrol Vello, e a paisaxe das Rías Altas. Tres visitas lle fixen neste tempo que levo polo Norte lucense e sempre descubro algo novo que me encanta. A xente, arregladiña como na Coru, a pasear polas rúas de pedra. As tendas, ideais para quitarse o "mono" de compras que empezaba a padecer en Foz, e a temperatura moi agradabe ó atardecer. A Semana Santa chama a atención, (moi andaluza), pero disfrutei moito máis da vila nestes últimos días. Recomendo os bombóns da confitería Vale, (sobre todo os de chocolate e améndoa, que lembran á pedras de Santiago) sita intramuros, ó lado do arco da muralla Oeste, adicado a Carlos V por ter redimido á vila de impostos despois dun grande incendio.
Recorrín a praia de Covas e o grupo de pequenas illas lembroume a bahía de Ha-Long vietnamita, en miniatura. A foto adícolla a todos os Pacos que conocín na miña vida, sempre bos homes.

venres, 21 de maio de 2010

Os días de primavera dan para moito



Dende Foz e con un bocata saimos na procura das últimas fronteiras septentrionais galegas e alá chegamos ó faro da punta Roncadoira. Qué inmensidade! qué sensación de liberdade e qué vento! A costa é diferente á focega, máis granítica, lembra os riscos da costa atlántica. Antes de subir ó faro pasamos por Portocelo, un portiño encantador, ó que entra o mar despois de pasar unha garganta de pedra, cunha pequena praia ó fondo, e unhas augas azul turquesa que invitaban ó baño. As fotos teñen un efecto "azul Avatar" que non foi intencionado, pero tampouco queda tan mal.
Despois de comer nunha praia na que só había dous surfeir@s, subir a un monte que domina a ría de Viveiro e baixar por Celeiro, aínda me quedaron ganas de baixar á praia en Foz (do libro de Nietzsche nin falamos).