luns, 16 de agosto de 2010
Mil flores en Amsterdam
Navegando polas canles de Amsterdam
martes, 27 de xullo de 2010
Amsterdam
Tras da pista do Holandés errante, puxemos rumbo ós mares do Norte, chegamos a Amsterdam e perdémonos nos incontables canais desta cidade fascinante pola súa identidade marcadamente europea e a sensación de seguridade que un sinte paseando polas rúas. Amsterdam pode ser destino para os que buscan os "paraísos artificiais" da maría, ou mellor, simplesmente un sorprendente paseo por un urbanismo único e unha forma de vida libre sobre unha bicicleta. Xente nova, e cannabis... todo é fume!
xoves, 15 de xullo de 2010
Arousa Sur

Fantástica semana no Sur galego, en praias con pouca afluencia e un mar azul turquesa, frío, pero ben apetecible. San Vicente, O Grove, a Toxa, sen dúbida, todo un clásico do veraneo en Galicia, pero non por iso desprezable. Recomendamos o restaurante Culler de Pau para os amantes da nouvelle cuisine, en Reboredo, minimalista e con vistas ó mar.
martes, 6 de xullo de 2010
Nordesía

Navegamos con Nordés e chegamos para descansar a praias bergantiñás. Non estaba moi fría a auga; digo isto, porque o habitual é a friaxe nestas latitudes. Razo, Malpica, Barizo, e todas as marabillosas praias da Costa da Morte proporcionan calma, paz e natura salvaxe para o cansado viaxeiro. Moitos saúdos e continuamos a singladura.
mércores, 30 de xuño de 2010
Nunca nos imos para sempre

Non me despido desta costa porque normalmente teño o costume de voltar. Penso que mentres estamos neste mundo sempre existe a ocasión de volverse a ver. De todos os xeitos, marcho contenta de coñecer tanta xente estupenda e de aprender moito da xeografía do país, que sempre é motivo para congratularse. Hoxe o mar está calmo. A travesía promete ser tranquila, e eu seguirei contando cousiñas de outros lugares, novas rotas, novos camiños, pero sempre coa mesma ilusión.
martes, 29 de xuño de 2010
Navegamos cara outros mares

Estos días son de despedida desta costa lucense na que tan bos momentos e tantas paisaxes sorprendentes descubrimos nunha estadía inolvidable. Agora preparámonos para soltar amarras e guiar o noso barco rumbo ó Sur. Seguiremos xuntos.
martes, 22 de xuño de 2010
As gaivotas

As compañeiras inevitables de todo residente costeiro son estas aves non sempre de fiar: sospeitosas sempre de achegarse máis da conta con intencións avesas. O seu nome en latín é "Larus ridibundus", apelativo este referente ó seu característico grallo, que lembra unha risa un pouco maléfica. En todas as linguas indoeuropeas achegadas a nos alúdese a esta acepción: en catalán chámase "gavina riallera", en francés "movette rieuse", en inglés "laughing gull", en alemán "lachmöwe", pero en galego é... "gaivota chorona": será que os galegos resaltamos con frecuencia o negativo? A verdade é que a min tampouco que parece que rían, quizais o fagan amargamente.
luns, 21 de xuño de 2010
Chegou o verán

Hoxe 21 de xuño, podemos dicir que chegou o verán. O sol brilla no ceo e unha brisa do Norte indica que non choverá nos próximos días. a Mariña parece espertar.
A praia de Llas non presentará este aspecto tan solitario esta semana nin nos meses de estío, pero para os que foxen da aglomeración da praia da vila focega, é unha porta máis salvaxe aberta ó mar aberto. Sen dúbida, a miña preferida.
xoves, 17 de xuño de 2010
Filosofía para durmir a sesta

Hoxe empeza a mellorar o tempo, e aínda que as temperaturas non subiron, a tarde foi bastante soleada. Fun ata a Rapadoira a durmir a sesta ó sol tenue que rompía as nubes, e de paso levei un libro para entreterme un pouco: As Confesiones de San Agustín, unha disquisición acerca da natureza do tempo. Confeso que non o rematei de ler. É terriblemente aburrido. A foto que vos mostro é do que hoxe chaman "Porto Chico" e sempre foi Tupide. Os que son de Foz saben que isto era un areal. Agora é un embarcadoiro de lanchas de recreo, que para iates non da. Saúdos desde a Mariña.
martes, 15 de xuño de 2010
Foz está gris, para variar

"Foz es señor de esa luz tenebrosa que al hombre terreno sorprende siempre cuando va a la Marina"... Esta frase non é miña, senon do grande Álvaro Cunqueiro. A verdade é que levo tempo dándolle voltas á luz da Mariña luguesa, tan gris, tan fonda.
Hoxe, despois de tantos días ruíns, seguimos a ter o ceo escuro e o mar tamén está gris plomo.
Resulta chocante ese cartel que desde o alto de Foz recibe ó visitante e parece anunciar un lugar fascinante, no que poden ocorrer trepidantes aventuras, no que sempre é vacacións... Hollyfoz!
A realidade é que ó pé dese cartel está o cemiterio. Sí, o que ledes: o camposanto. Curiosa metáfora da vida! Seica foi un alcalde que tivo esta brillante idea; agora o letreiro ten a z rompida, outra metáfora do xoguete urbanístico que foi esta vila hoxe sembrada de edificios a medio facer que agardan outro boom: o da fin da crise.
xoves, 10 de xuño de 2010
Navegando a Malpica

"Malpica de Bergantiños, o rei te quixo vender... para comprar a Malpica, moitos cartos hai que ter".
Aquí estiven o fin de semana pasado, navegando do porto de Foz ó de Malpica: nunha xornada, dous mares. Malpica é o meu Finisterrae desde sempre. Esta vila mariñeira, en plena Costa da Morte é un istmo entre praia e porto. A praia de Area Maior soe estar ateigada de xente nas fins de semana estivais, pero a outra tarde "estabamos sós, o mar, o barco e máis nos". É unha vila valente, que desafía ó Atlán
tico desde a Atalaia, a pesar de que nos últimos tempos, parece que chegou a decadencia á súa actividade portuaria, a pesares dos fortes investimentos realizados. Contábanos un mariñeiro que se foron indo os barcos para A Coruña, e que xa só van quedando os máis pequenos. Non poido evitar recoñecer que teño debilidade por Malpica, pois foron moitos veráns de pasar polas súas rúas estreitas en chancletas, comendo un xeado e subindo a buscar unha empanada de pulpo á panadería Forno Novo.Encontro un pouco cambiada a paisaxe: algúns edificios novos, algunha casa menos; falta A Roda, pero segue O Cornecho, e algunha variante máis hosteleira: o Isidoro xa non se chama así, pero o Burato segue no mesmo calexón sobre o porto. Hai un monumento xunto ó bar O Pescador que representa unha balea de bronce, e está adicada ós lobos de
mar de Malpica, que nos tempos pasados surcaban os mares en barcos baleeiros. Nos tempos pasados... toda unha metáfora do que é hoxe a pesca en Galicia.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)