domingo, 5 de febreiro de 2012

Tomamos un café?



Acabo de tomar un café. Un café caseiro, da cafeteira italiana, (nada cool, comparado co da Nespresso), lixeiro e aromático. Unha infusión de café para aquecer o corpo nesta tarde de domingo cincenta.

Dende sempre gustei de compartir cafés; todas as miñas amizades pasaron comigo horas de café en bares, tabernas, cafeterías chic ou enxebres, de vila ou de cidade; de sobremesa ou de máñá, sempre as citas nos cafés; non podería vivir sen ter un café perto da casa. Compartimos un café e un poema de Verlaine?:


Ti cres no ron do café, nos presaxios,
e cres no xogo;
eu non creo máis que nos teus ollos azulados
Ti cres nos contos de fadas, nos días nefastos e nos soños;
eu creo somentes nas túas belas mentiras.

Ti cres nun vago e quimérico Deus , ou nun santo especial,

e, para curar males, nalgunha oración.

Mais eu creo nas horas azuis e rosadas

que ti a mín me procuras

e en voluptuosidades de fermosas noites brancas.
e tan profunda é a miña fe

e tanto es para mín,

que en todo o que eu creo só vivo para ti.

Verlaine


domingo, 22 de xaneiro de 2012

Castro de Viladonga, voltar a Lugo


Non era a primeira vez que ía a Viladonga, pero descubrín algo novo: a lenda da princesiña-troita na fonte do Couto de A, na parroquia de Ramil, en terras de Castro de Rei. Na fonte hai unha troita que está alí dende tempos remotos, (alguén se encargará de repoñela...) e polo visto é unha princesiña moura encantada. Non me extraña que estea encantada, porque o lugar é ben bonito. Estou a falar de Castro de Rei, vila xeitosa, e se non coñecedes a zona, perdédevos e disfrutade da paisaxe do interior de Lugo, que sempre me resultou fascinante.
As fotos de hoxe son do castro de Viladonga; lugar de interese arquelóxica, pois ademáis da propia excavación, o conxunto ten un museo aberto desde o 1983 e reformado no ano 94 no que se expoñen os achádegos de todo tipo, útiles, ferramenta, adobíos para persoas e cabalería, xogos, amuletos, etc., que se foron atopando dende os anos 70. O castro é un asentamento da época tardorromana, (entre os séculos III e V da nosa era), e consta de varias murallas e foxos, xunto con dous antecastros e unha gran coroa central ou acrópole interior, onde están a maioría das construccións descubertas ata agora, articuladas á beira de dous camiños que cruzan o castro de Norte a Sur e de Leste a Oeste e unha rolda interior paralela á muralla principal.
Se vos apetece ir, é sinxelo, dende o km 70 da estrada N-640 de Lugo a Asturias, a 23 kms da cidade lucense.

xoves, 19 de xaneiro de 2012

Para os amig@s


Non será esta a foto máis fermosa do blogue, pero é unha das máis queridas para min. Esta é a miña homenaxe ós amigos que compartiron comigo o tempo, as risas e o traballo. Vós que fixestes de irmáns na lonxanía do fogar, estaredes sempre no corazón.
Estas verbas son para dar grazas a todos. Cada quen sabe cántos contos rimos xuntos. E cada un sabe que sempre estou.
En calquera momento da miña vida sumei unha man amiga. Quén me dera non deixar nunca de sentir o calor que me dades! Ata pronto compañeiros!

venres, 6 de xaneiro de 2012

Isaac Díaz Pardo, a ollada asombrada



Hoxe dixemos adeus ó artista que formou parte da nosa vida diaria a través da pintura e da experimentación. Cánto lle debemos os galegos a este home de rostro engurrado e delgada figura! A través de Sargadelos, el rescatou a Historia con maiúscula de Galicia e conseguiu xunto con Seoane, impulsar un novo concepto empresarial e artístico impregnado de esencia galega. Encarnar ideas en obxectos. Cada deseño, cada peza, leva a dobre lectura estética e histórica que alude a un lugar, unha personaxe, un acontecemento ou un monumento galego. Todo coa depuración de liñas e cores. Coa finura da porcelana e o simbólico azul cobalto que se converteu en arte identitaria do noso país.
Coincidín con el nalgunhas ocasións. Lembro a última, na cafetería dun hotel santiagués, onde dúas persoas do mundo do business, tentaban convencelo de tomar medidas contundentes na propia empresa emblemática, ó que el, un pouco duro de ouvido, pero coas ideas firmes, se negaba rotundamente.
A amizade que lle uniu a algúns achegados meus fixo que sentira a Díaz Pardo de maneira case familiar. Os ollos abertos de todas as figuras da súa arte parecen exprimir a ánima do espectador, nunha actitude hierática, asombrada e inocente.
A túa obra estará sempre con nós. A túa visión foi a renovación da nosa Galicia.

domingo, 1 de xaneiro de 2012

Benvido 2012!


Cantos tedes resaca hoxe? A Noitevella foi unha xornada de contrastes para a navegadora: pola tarde nun enterro e de noite brindando pola vida e por cen esperanzas que se poñen no ano novo. Agardamos que a estrea anual nos traia a renovación e unha choiva de momentos felices, pero no fondo sabemos que a loita continúa, que non haberá que descoidarse e que precisamos todo o apoio da nosa xentiña para cumplir eses desexos que pensamos antes das uvas. Apertas a todos, que estades nas miñas preces para anonovo.
A nota chic da noite: un cóctel de cava, pétalos de rosa e unha flor de hibiscus. Nin se me subiu o cava nin me deitei ó amencer; estou perdendo facultades...

sábado, 24 de decembro de 2011

Nadal, pan e tranquilidade para tod@s


Mentres escribo estas liñas, na casiña están a bulir as potas no lume, as bandexas con doces e os adornos resplandecentes, colocados onte ás presas e coa desgana de sempre pola miña parte. É Noiteboa, e hai un anaco, estiven a envolver algún agasallo para a afillada que me pide colo e que lle ensine o belén. O que se di, un Nadal en familia!
Só pido un pouco de tranquilidade para todos, para vos tamén, meus amigos, que coma min andades apurados cada día, pelexando con elementos de toda caste, buscando abrir as portas da felicidade que ás veces son ben pequenas. Quero que teñades o que desexedes, que a vida nos permita seguir xuntos, e que nunca falte de nada nos nosos fogares, sobre todo, pan e amor.
Bo Nadal amigos!

sábado, 10 de decembro de 2011

Valdeorras terra gigvrrorvm




Estaban sendo horas de falar do Barco de Valdeorras e de convidarvos á visita deste recuncho galego que ten xa aires leoneses nas casas vellas da vila e na fala onde os nenos son "ninos" e onde por fin escoitei dicir o plural en -ois (pantalois), que xa pensaba que era unha lenda no tema das isoglosas! "Sentaivos" un momento comigo no Malecón, que non é o da Habana, e veredes voar os últimos parrulos que quedan no Sil; veredes a montaña de enfrente cambiar de cor conforme esvaece a tarde, e se pechades os ollos, o rumor constante do río lembraríanos a ondas mainas das rías, que morren unha tras doutra na area.
O Barco ten forma de X. Son dúas rúas formando unha grande tixeira, máis o longo paseo do río. Cruzo a pasarela que me leva á outra ribeira e observo cada día a cor do Sil, uns días gris e avolta, e outros clara e verdosa coma a pedra esmeralda. Todo envolto e rodeado por altísimas montañas que me parecen propias para vivir a miña adorada Heidi da infancia.
O topónimo ven dos seus antigos habitantes, os guigurros (Gigvrri no orixinal, tamén con derivación "cigurros"), e eu que non quería afondar na etimoloxía, so vos deixo caer que no protocelta, esta raiz significaba "parrulo salvaxe", animal totémico quizais destes pobos, pero tamén hai a opinión de que o sufixo -urros, se relacionaría con río, zona fluvial. Así os romanos, cando chegaron a esta terra, deron conta da existencia do Forum Gigurrorum, na Vía XVIII que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta, perto da Rúa, como un lugar de comercio no seu convento astur. Os guigurros ocupaban tamén o suroeste do Bierzo. Na Alta Idade Media, chamóuselle Vallem de Iorres. E ata hoxe: Valdeorras.
Debo confesar que a primeira vez que cheguei ó Barco e fun tomar algo a un local chamado Guigurri, o primeiro que pensei é que era unha franquicia vasca de pintxos... ejem...


domingo, 4 de decembro de 2011

Pequena serenata nocturna


Son as tres da mañá. Agardo o sono; xa non digo os soños, que fuxo deles cada noite, porque case nunca son tranquilos e esperto case sen folgos, de tantos contratempos... Supoño que coma case todo o mundo. Nese reseteo do noso cerebro todo se volve posible e todos temos os nosos demos particulares. Sempre me custou adormecer, así que me vexo outra vez desvelada. Cando estudaba os tópicos barrocos, chamábame a atención o somnis imago mortis. Durmir e non soñar debe ser igual ó non ser, ó non existir, e por iso Morfeo sempre tivo que loitar moito comigo para renderme. Os meus visitantes "sospeitosos habituais" quéixanse de que me estou volvendo guía de viaxes no canto de bardo ossianista; que me escondo detrás de roteiros insípidos sen miga de espírito de meu. Puxéstesme mala conciencia. Isto é debido a certa abulia de fin de estación. Estes días teño a sensación de inquietude que provoca o remate do ciclo anual, as calendas que me desacougan cada decembro para comezar de novo. E sei que non son a única. Quén non tivo un día atravesado nestes últimos tempos?
Pois hoxe sinto o peso dos días, das noites, das vidas vividas que me trouxeron ata aquí. Vou ser eu nesta vegada; non me vou ocultar detrás da pura obxectividade. Velaquí me tedes, como libro aberto de sentimentos cara vos, que disfrutades espreitando os recantiños do meu corazón, e me queredes cando recoñecedes nas miñas letras un pouco de min.
De Alberti, para vos, agradecendo o voso interese desinteresado:
NOCTURNO

Toma y toma la llave de Roma,
porque en Roma hay una calle,
en la calle hay una casa,
en la casa hay una alcoba,
en la alcoba hay una cama,
en la cama hay una dama,
una dama enamorada,
que toma la llave,
que deja la cama,
que deja la alcoba,
que deja la casa,
que sale a la calle,
que toma una espada,
que corre en la noche,
matando al que pasa,
que vuelve a su calle,
que vuelve a su casa,
que sube a su alcoba,
que se entra en su cama,
que esconde la llave,
que esconde la espada,
quedándose Roma
sin gente que pasa,
sin muerte y sin noche,
sin llave y sin dama.
Despois de saír por Roma, deixando un regueiro de cadáveres ó meu paso, agora só me resta apagar a luz.

venres, 25 de novembro de 2011

O outono na fraga



Son moitos os camiños que andamos a descubrir nesta andanza por terras de Valdeorras. Nas estribacións da Serra da Enciña da Lastra paseamos nunha tarde fría á procura das últimas castañas e dalgunha seta, máis polo pracer de pisar a alfombra de follas que pola colleita. Esta zona montañosa ten unha fauna fascinante (aguia real, falcón peregrino, e outras aves rapaces, ademáis de colonias de morcegos nas covas agochadas que aquí chaman "palas"). É un paraíso para naturalistas e para amantes da paisaxe coma nós.

martes, 15 de novembro de 2011

Montefurado. Unha de romanos


Montefurado é o vestixio doutra explotación mineira romana. Xa que vos levei ás Médulas, agora non podía deixar o roteiro sen vos ensinar outro recuncho SPQR da época de Traxano.
A febre do ouro nas terras de Auria, aló polo século II, trouxo unha nova forma de extracción: construir canalizacións para desviar o curso dos ríos. Unha vez enxoito o leito, extraíase o ouro da area depositada lavando o lodo; foi o caso do río Sil en Montefurado, concello de Quiroga, xa perto do límite coa Rúa. O túnel da Boca do Monte ten uns 52 metros de longo por 12 de profundidade, tras o seu derrubamento coa riada do 1934, pero na súa orixe chegaba aos 120 metros, e ten unha altura media de 17 metros. No curuto dese monte existiu unha fortaleza, o castelo da Pena do corvo, que aparece nalgúns grabados de mediados do século XIX, e puido ser unha soa torre de vixiancia. A cor turquesa do Sil, e a luz da tardiña filtrándose a través do túnel, dan como resultado a visión dunha auga esmeralda que emociona.
 Confirmo a miña admiración polos enxeñeiros e a miña compaixón polos escravos que tiveron a desgraza de nacer nese tempo e polos que están a nacer agora.

venres, 11 de novembro de 2011

As Médulas: a paisaxe con maiúscula




Non terei que facer moitos comentarios da foto de hoxe. Sen dúbida a visión desta dourada montaña deixa pampo a calquera. Subín tres veces na miña vida. A última foi a máis custosa porque subir a pé nunha das últimas tardes de calor de outubro, deixoume esgotada. Pagou a pena. De novo aspirei o aire máis fresco do cumio e permanecín queda no mirador ata que a imaxe quedou fixa na miña memoria.

Os meus coñecidos saben que sempre andiven fascinada cos romanos. Como dixo Borges, todos os occidentais somos uns romanos no desterro. Estou segura de que, de ter nacido nunha tribo galaica, poñamos por caso "Supertamarci", cando chegaran os invasores, eu era das primeiras en cambiar de bando! Pois outra vez voltei a ler cómo os invasores desfixeran a montaña na busca do ouro. O proceso: conducir a auga con canles durante kilómetros, embalsala e cavar túneis e galerías baleirando o monte. Logo abrir as presas (piscinae) e deixar que a auga rachara o ventre da montaña con forza titánica. É o que chamaban "ruina montium". Plinio, nos seus escritos, afirmaba que o ruido era estarrecedor; unha bomba no val berciano. Moveron máis de 240 millóns de metros cúbicos de terra.
Abandonaron o xacemento cando no século III o aurífero deixa de ser rendible. O tempo foi o encarregado de deixarnos esta paisaxe terrosa, acesa en ocres, a favorita dalgúns amigos meus, e no top ten da que suscribe.

venres, 28 de outubro de 2011

Autumnal


Hoxe que volto ó fogar, nunha tarde fría e dourada, despois da choiva, despois de 200 kms en coche, cansa e case sen folgos, quero enredarme un pouco lembrando ó xenio de Rubén Darío, prócer de todo Modernismo, traendo á memoria un anaquiño dos seus versos "Autumnales", que tanto me fan pensar en temps jadis; con gusto exquisito, como só el sabe fiar palabras en versos para que a música ecoe no tempo.

En las pálidas tardes
Yerran nubes tranquilas en el azul;
en las ardientes manos
se posan las cabezas pensativas.
¡Ah los suspiros! ¡Ah los dulces sueños!
¡Ah las tristezas íntimas!
¡Ah el polvo de oro que en el aire flota,
tras cuyas ondas trémulas se miran
los ojos tiernos y húmedos, las bocas inundadas de sonrisas,
las crespas cabelleras
y los dedos de rosa que acarician!
[...]