sábado, 16 de febreiro de 2013

Ibn-Hazm, O colar da pomba








"Conságroche un amor puro e sen mácula:

nas miñas entrañas está visíbelmente gravado e escrito o teu cariño

Se no meu espírito houbese outra cousa que non foras ti,

eu tería que arrincala e esgazala coas miñas propias mans.

De ti non quero outra cousa que amor;

fora del, non pido nada.

Se o acadara, a Terra enteira e a Humanidade

serán para min coma lixos, e os habitantes do país, insectos".


Ibm-Hazm

Así comeza uns dos libros de lírica amorosa máis deliciosos que coñezo. Paseando polos xardíns do Alcázar sevillano, vin pombas bebendo nas fontes, entre as laranxeiras, e voltei a pensar naqueles versos que falan dos sofridos amadores, dos efectos do amor, dos sinais do enamoramento.

 Por se algún ou algunha non se percatou, desconfía, ou non está seguro dos sentimentos, velaí vos deixo un abreviado catálogo de Ibm-Hazm, que igual vos pode servir de axuda.
"Os ollos son a porta aberta da alma. O amante non pestanexa e muda o seu ollar a onde o mudou o ser amado";  o estar animados, moi xuntos en espazos amplos, tocarse as mans durante a conversa, a tendencia a achegarse un ó outro, e beber do vaso no que bebeu o seu amado, son sinais inconfundibles para os bos observadores.
 Se isto non é suficiente, está o insomnio, o converterse en "apacentador de estrelas", ou a tendencia á soidade e decaimento na ausencia do amado.
 Como son moitos os detalliños que se engarzan do colar de versos do Ibn-Hazm, e outro día penso retomalos para seguir comentando, remato este post con unha qasida do mesmo autor na que afirma: "cando as pálpebras deixan fluir as súas fontes, é que no corazón hai un doloroso tormento de amor"

 Qué mágoa que neste mundo xa non queden pombas nin colares polos que pague a pena enfermar de amor... ou si? quén sabe?

luns, 21 de xaneiro de 2013

Aniversario de navegacruz


A vosa Navegacruz  está de aniversario: xa ten tres aniños!
Non vou dicir que o tempo fugit, porque estades de volta diso. So quixera brindar con vós, meus compañeiros de viaxe na vida, todos vos, os que compartides comigo vagón e os que me agardades no andén. Agradecida pola vosa compaña, pídovos que brindemos e tiremos xuntos as copas de cristal pola fiestra, e que a resaca non nos prive de seguir sorrindo pola mañá!
 Apertas a tod@s!

luns, 24 de decembro de 2012

Nadal 2012


 Despois desta semana "da fin do mundo", que non foi senón un cambio de era maia, (que nos cae un pouco lonxe), chegamos ó día de Noiteboa con unha meteoroloxía terrible. Quero aproveitar para mandar os meus mellores desexos a todas as amizades, e ós viaxeiros cibernéticos que pasan de casualidade por este navegacruz ó longo do ano. Hoxe envío unha aperta a tod@s os que compartirán mesa con quen máis queren, pero tamén a quen a pasará nun hospital. Haberá ausencias que recordar, pero iso débenos facer pensar que nalgún momento da nosa vida compartimos a nosa felicidade cos seres que amamos e nos amaron. Disfrutemos o tempo concedido sen desprezar un so minuto.

domingo, 9 de decembro de 2012

Fervenza das Hortas nun conto de fadas





A terra de Arzúa garda segredos tan fondos como os desta fervenza tamén chamada de Santa Marta por unha lenda que non é do caso. Esta entrada da bitácora é para quen compartiu comigo confidencias e inquedanzas, pero tamén para quen cree coma min na esperanza e no cambio, porque o río non leva nunca a mesma auga. Este da foto chámase Ufa, igual que un río da conca do Volga, alá en Rusia. Pero o noso río arzuano, está en Dombodán, que nada ten que envexar á paisaxe da terra dos zares.
 Quixen coñecer ese lugar e leváronme as súas pasadas por un vieiro costento, por unha baixada que se ía internando na fronda conforme nos achegábamos ó río e ós muíños. Pensaba no decurso da vida, cando descubrín a magnífica caída de auga de vinte metros, que me fixo abrir os ollos e pararme nun dos travesaños que forman a escada descendente. As cores do inverno tinguían as abeleiras centenarias. A catarata bruaba no fondo do sendeiro, mentres os nosos pasos se apagaban nas follas mortas do camiño, molladas pola choiva dos días pasados.
 Enfeitizada pola imaxe, fiquei ollando un intre, e a certa distancia, o conxunto. Puiden  velo sorrindo, formando parte daquel espazo. A súa figura lanzal estaba envolta no misterio arborescente. Quixen achegarme mainiño, tocar a súa pel, acariñar o seu rostro e verme reflexada nos seus ollos silvestres; mais os seres de auga, na súa proteica figura, nunca son tanxibles.
 Eu vin como as fadas, fillas da miña ilusión, se mollaban naquela tarde de decembro. Esvaraban pola fervenza desfeitas en millóns de minúsculas partículas acuosas e xélidas.
 Busquei a man daquel mítico ser. Seguín a súa estela pola encosta do monte e perdeuse entre as miñas verbas, cantos de serea para un Ulises sen Ítaca.
 Quixen aquecer as miñas mans naquela tarde de inverno, pero a pel de fada, como a da serea, sempre estará fría e suave porque é de cristal. No entanto, o meu corazón ardía coas faíscas de Hécate. O meu corazón sempre entregado á ilusión de vivir, sempre a carón do lume da esperanza, da risa fresca e da música dos soños.
Quén non soñou con un mundo de fadas, inda que non se deitara con elas?

domingo, 2 de decembro de 2012

No frío de Compostela sempre hai versos




 Vai frío. Moito frío nas rúas da cidade. Paseaba ocultándome detrás da bufanda e quedei ollando as pedras no día gris, lembrando palabras de Rosalía que eu imaxinaba pensadas detrás dos cristais da súa casa da rúa do Vilar. Nesa casa perto do Casino, onde criou fillos entre apuros económicos e versos preñados de amargos sentimentos, fiquei un intre parada mirando e lembrei aquel poema:

   III
Tal coma as nubes
...............que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
...............así as ideas
...............loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estranas feituras, de cores incertos,
...............agora asombran,
...............agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.


   Agora que regresei á casa, e no salón entro en calor, aproveito estas últimas horas de luz para mirar pola fiestra "as nubes que leva o vento" e dalgunha maneira convirto o inverno que non chegou en esperanza de primavera prometida.

luns, 15 de outubro de 2012

San Paio de Narla: vixía feudal en Friol



 Os que gustades da historia medieval, da paisaxe e de certa soedade; os amigos das lendas e da Galicia interior tedes que pasar por Friol, terra luguesa enxebre, e menos coñecida  do que merece. Érguese, a non moita altura, esta fortaleza de San Paio de Narla, que pertenceu ó famoso nobre do S. XIV Vasco das Seixas, coñecido pola súa participación na guerras sucesorias a favor de Enrique de Trastámara, e polo seu descendente e señor das Torres tamén Vasco das Seixas, que xa entrado o século XVI fixo famosa a lenda negra que o convirte en asasino alevoso da súa muller, a virtuosa dona Catalina de San Tirso, amiga de favorecer ós pobres, e vítima dos ciúmes do seu marido, envelenada e apuñalada, que fica soterrada incorrupta, na capela da Madalena no mosteiro de Sobrado dos Monxes, sen pedra nin epitafio que indique a sepultura.
Cito texto pertencente ó Tumbo de Sobrado, priorato que dista tres leguas de Friol:
"­El padre de esta señora aviendo sabido la muerte de su hija, que le dió su marido violentamente, y que éste se avía escapado a Portu­gal, refugiado en la casa del Duque de Verganza, acudió a la Real Audiencia de La Co­ruña, y se proveyó que viniesena la averiguación el Licenciado Briviesca, uno de los Al­caides mayores de dha. Audiencia. Llegó este Señor a este Monastt.° acompa­ñado de Ministros y Alabarderos, miércoles 21 del mismo mes de Noviembre del mismo dho. año, estando la Comunidad en víspera. Decretó que se desenterrase el cuerpo, y aviéndose executado, vieron y admiraron todos los que presenciaron este acto, que tenía el rostro tan hermoso, tan blanco y colorado como leche y rosa, y tan sereno, que parecía que dormía, sin rastro de olor malo, en medio de aver pasado 21 días debajo de tierra.- Después de visto esto, descubriénrole el pecho i vieron que sobre él tenía los brazos cruzados para cubrir las heridas de las mortales puñaladas, que su marido la dió; las quales con particular advertencia estaban embutidas con estopas. Sacaron las estopas para reconocer las heridas, y al mismo punto que las sacaron, corrió tanta cantidad de sangre, tan fresca y colorada como si al sacar las estopas fuera lo mismo que sacarle el puñal, luego que la hirió.- Este prodigio o este milagro, calificó la inocencia, la castidad y la virtud de aquella señora cuio cuerpo con mucho respeto y veneración, volvieron a la misma sepultura, consoló a los cincunstantes y condenó de inhumano y traidor a su marido Vasco das Seixas, el qual no quedó sin el pago de su alevosía; porque un mes después que el executó esta maldad con su muger, le mataron a estocadas algunos de los del Duque de Verganza, donde se avía acogido” ( Tumbos de Sobrado).

 É famosa tamén a lenda da Cova da serpe, que se desenvolve perto do castelo e que ten como protagonista unha monstruosa cóbrega xigante. A lenda, da que hai polo menos dúas versións, conta como a filla do Señor de Miraz (segundo Carré, é a filla do señor da fortaleza de San Paio), namórase dun mozo labrego, e debido á oposición dos pais, os dous fuxen;  chegada a noite acaban por agocharse nunha cova, habitada por unha serpe espantosa que intenta devorar á doncela. O mozo consegue matala co seu coitelo pero é ferido de morte, envelenado, e morre nos brazos da fermosa namorada.

 O castelo hoxe é un museo da Deputación de Lugo, e conta con unha ampla mostra etnográfica, ademáis de curiosidades varias, como arreos de cabalgaduras, armas, mobiliario antigo, xoias..., e dende logo, as magníficas vistas da campiña lucense dende as ameas. Ata onde se nos perde a mirada todo é verde e azul!

xoves, 4 de outubro de 2012

Outono entre as risadas dos castiñeiros




 Optimista. Leda.
 Este outono hai outras cores. Inda parece que o verán está loitando por deixar unha estela de luz ó mediodía. Fai  frío pola mañá pero unha dozura morna acompaña o xantar. Percorrendo as mil e unha pistas da comarca arzuana cara o cerne de Galicia, empezan a sorrir os ourizos dos castiñeiros ó meu paso. Hai algo no ambiente que me fai rexuvenecer; sinto coma se retrocedese no tempo e o meu corazón estivese anovado no aire fresco, entre as néboas matinais, ó ritmo trepidante da vida.

domingo, 23 de setembro de 2012

Luz en Boimorto



 A noite de onte foi máxica. Luz Casal cumpliu un soño: cantar na aldea dos seus antergos, tendo a casa onde naceu xusto fronte a ela; acompañada de 6.000 persoas que estaban desexando escoitala e aplaudir cada tema. Ela saiu cando aínda os últimos raios do día tinguían de cores pastel o Oeste, detrás do escenario. Escureceu entre as notas de cancións como "Entre mis recuerdos", e ela lucía espléndida con un vestido negro e unha diadema vermella, como coroa de plumas que daba máis vida ó seu rostro resplandecente de anxo do rock&roll.
 Eu sorría entre a multitude, acompañando coa miña voz rompida e apagada cada canción.  Adicounos, ás mulleres "Y no me importa nada.."; todos cantamos repetidamente o estribillo de "un nuevo día brillará..." "quiero ver... el rojo del amanecer..." tantas gorxas acariñando cada nota... foi un meigallo!.
 "Es por ti". Non sei cantos fotogramas da miña vida foron sucesivamente pasando pola miña mente mentres Luz ía esfollando cada letra con modulada voz. Fun consciente de que, en calquera momento da miña existencia, algo da súa estivo presente a través da música. "Me emociono al volverte a ver... y aun pregunto... quién dejó a quién!"... "Piensa en mí... cuando sufras...".
 Non faltou unha chamada en directo a Manolo García, ausente por enfermidade, e a actuación de Chris Barron de Spin Doctors, que animou ainda máis o ambiente estupendo que alí había.
 A xente tan varia que se xuntou nese recinto de Andabao dáballe un carácter distinto a calquera outro festival: señoras con toquilla, e cabaleiros con boina; nen@s no carrito e xogando, máis ou menos indies-rock, neohippies, novos e vellos xuntos... ata miña bis tía de 79 anos tamén foi coas amigas!

 E Luz brillou máis que nunca no ceo de Boimorto...


mércores, 5 de setembro de 2012

O castelo da Palma dende San Felipe. As garitas da ría de Ferrol.





A ría de Ferrol esconde moitos engados, non deixa de ser sorprendente. Ferrol, que vive de costas ao mar, dependeu sempre del. Estaleiros, militares, marisqueo... é unha amalgama de vidas e mundos que conviven e fan que a comarca sexa un crisol que atrae o interese do viaxeiro, ben sexa pola paisaxe, a historia, a terra e o mar. As rúas do bairro da Madalena, (a "tableta de chocolate"), tan medidas, tan neoclásicas..., o porto e as praias da contorna, a industria e as xentes, co seu característico sentido do humor, ben coñecido por mor d@s amig@s ferrrolás, e da experiencia laboral propia, fan de Ferrol unha cidade aparte do resto do país.
Aquel día fomos percorrer as fortalezas que pechaban de lado a lado a bocana da ría cunha cadea cuxos restos mostramos nos amarres da penúltima foto. San Felipe foi un baluarte construido no 1598, para actuar de modo defensivo perante os ataques especialmente ingleses. Xunto co castelo da Palma, xusto enfrente, na terra de Mugardos, e o de San Martiño, poñían difícil a penetración por mar de buques inimigos. No 1800 tivo lugar un episodio bélico notable, con máis de 100 barcos e 15000 homes, no que a Armada británica tenta a destrución dos estaleiros e a conquista do territorio. Na batalla de Doniños, e despois de tres intentos do almirante Warren por traspasar a ría, foi vencido grazas á estratéxica posición do Castelo da Palma, que coa súa batería potente de canóns, repeliu o ataque inglés. Cousa que aledou moito a Napoleón, quen brindou polos "valentes ferroláns", xa que esta armada posteriormente ía dirixida para combatelo en Exipto.
Durante a Guerra Civil, no 1938, foron moitos os Republicanos fusilados en San Felipe. Nos anos 80, o Castelo da Palma foi o cárcere militar no que estivo Tejero. Hoxe en día, ironías dos Tempos, esta prisión foi vendida á cadea hoteleira "Diana Grandes Hoteles" para facer alí un Spa de luxo en primeira liña de mar. O caso é que o proxecto, con 15 millóns de euros previstos para o investimento, leva cinco anos na neveira debido a catas arqueolóxicas e papeleos de tres administracións distintas.
Case me alegro.

domingo, 26 de agosto de 2012

Castelo de Moeche cercado por Irmandiñas...



Pasamos esta semana cubrindo de Sur a Norte a costa atlántica, de Panxón a Ferrol, parada e fonda en Compostela. Percorremos os camiños de Moeche en busca do famoso castelo no que se acababa de celebrar a festa irmandiña.
Pola estrada que sae de Narón a Ortigueira, saíndo de Ferrol, chegamos a Moeche, topónimo que se remonta ao século X, cando aparece a fundación dunha "Vila Modesti", nome do cabaleiro en cuestión que decideu instalarse nese vilar escondido entre os montes. O castelo parece que foi levantado por Fernán Pérez de Andrade "o Bo", de todos sabido, potente señor feudal, enterrado na igrexa de Santa María de Betanzos nun cadaleito considerado obra capital da escultura mortuoria gótica na Península. Falamos do século XIV. Mais os Irmandiños, na segunda revolta de 1467, botaron abaixo a fortaleza, pero afogada a revolución, o conde de Lemos, propietario do momento, obrigounos á súa reconstrución. A duquesa de Alba, tan desprendida ela, subastouno coma se fora un montón de pedra... con todo, hoxe puidemos rodeala e imaxinar como era o foxo e a vida no lugar algúns centos de anos atrás.
O máis curioso foi atopar ao chegar, fronte á portada, como se estivesemos nunha ficción cunqueiriana, ós ananos do castelo. Unha sorte de mordomos que nos deron a benvinda co seu baño de cor, tan rechamante no gris do entorno. Quixen fotografalos para o meu asombro e o voso.
O horario de apertura na web non coincide co que aparecía nas portas do castelo, así que, se pensades ir, o mellor é un domingo ou un festivo... e sorte!
Non puiden evitar sentirme irmandiña ao marchar do lugar, e pensar que tal e como nos vai nestes tempos, o día menos pensado collemos o galleto ou a forcada e prendemos lume ás institucións.

sábado, 11 de agosto de 2012

Barizo, o abrazo das pedras ao mar


Para os amantes da natureza e do mar, e para os amantes en xeral..., aquí temos un recuncho íntimo e salvaxe a un tempo. Ben perto de Malpica, en dirección a Ponteceso, antes de chegar ás torres de Mens, collemos a pista á dereita onde un indicador avisa desta localización. Porto Barizo é outro finisterrae onde atopamos esta imaxe dunha bahía oculta, unha lingua fría e salgada de mar que lambe unha media lúa de area branca e pouco concurrida. Alí a harmonía das ondas faime esquecer que existe máis mundo que aquel onde uns ollos claros permanecen suspendidos no tempo e regresan do pasado para lembrarme que sempre que o meu corpo estea batido polo vento Nordés, sentiréi un abrazo invisíbel que terme da miña inconsistencia.

Parada e fonda no restaurante As Garzas. Estrela Michelin.