martes, 22 de febreiro de 2011

Soñando na praia



Como ainda falta moito para a tempada estival, e o tempo segue gris, inda que xa non chove, entráronme ganas de alegrarme o día soñando con voltar á praia. A imaxe é do areal de Cee, alumea Corcubión, e alá ó lonxe, ben ó lonxe, claro, América. Hoxe que estou en terra de secano, o post é un capricho para recordarme que despois do inverno virá a primavera, e que o mar segue agardando por nós.

xoves, 17 de febreiro de 2011

Extraño Compostela



Cando chove, e estes días chove de veras, extraño Compostela, máis que ningún outro lugar no mundo. A choiva na pedra das rúas sona distinto. De natural é unha choiva gris que canta ó caer. As tuberías que desaugan con forza, os pequenos saltos sobre as baldosas para non encher de humidade o calzado e a breve carreira entre soportal e soportal, fan que chover sexa un interesante estado de graza na cidade. oh! tempora oh! mores... volverá algún día o tempo no que fun feliz na explosión inocente da incipiente xuventude?

venres, 28 de xaneiro de 2011

Moitas apertas para Coristanco

Quero enviarvos unha grande aperta a todos os que me botades en falta na fermosa terra bergantiñá de Coristanco. Foron tres meses inesquecibles que deixaron unha fonda pegada na miña vida, de cotío tan pelegrina, e nembargantes, tan permanente en cada terra que pisei. Non vos esquezo, meus queridos, aquí estou, un pouco máis lonxe, pero sigo aquí, acompañándovos desde a rede, como sigo perto dos meus focegos, dos meus cruceños ou dos monfortinos. Nunca me marcho para sempre, nunca para non volver. Quérovos!

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Noite de Reis

"Buenas entradas de Reices tenghan vuestras señorías,
tenghan vuestras, y otras tales, mui alegres y festivas,
De Oriente salen tres Reices, todos tres en compañía...
...no preguntan por posada, ni menos por menorquía,
Preguntan por los portales, donden Cristo nado había
y llevan por capitana, a la estrella que los ghía..."

Así da comenzo o Cantar de Reices máis laureado nos certames populares dos últimos anos; é dos Reiceiros de Pontecarreira, e foi recuperado hai xa 25 anos. A cantiga ten orixe antiquísima, mesmo puidera ser herdada do último medievo, xa no renascimento, tal e como fai pensar o cantar da Madama, que soen interpretar xusto despois, e que sen dúbida é unha prosopografía feminina, que segue o canon de beleza da doncela renacentista, loira, delgada, branca... e a descripción comenzando dende a cabeza ata os pes:

"...tus ojos madama son como luceros
que alumbran de noche a los caballeros...
tus pechos madama, fuentes de agua clara
si tu me los dieras, yo me los tomara..."

Este Nadal cúmprense as vodas de prata da recuperación deste cantar de Reices, e cada ano, en tal data coma hoxe, un grupo de homes e mulleres recorre a comarca de Ordes traendo a boa nova e desexando a todos sorte para o ano novo, despedíndose sempre cas seguintes palabras:

"quédense con Dios señores, hasta el año que volvamos
si pa'l año no volvemos, que en el cielo nos veamos,
que en el cielo hay muchos buenos, nosotros con ellos vamos."

luns, 20 de decembro de 2010

Bo Nadal a todos


Desde a praza do Obradoiro quero desexarvos a todos unhas felices festas. Disfrutade destes días e pensade en facer felices tamén a quen vos rodea, non deixedes nin un milímetro de espazo no voso corazón á nostalxia dos tempos vividos e seguide adiante no camiño, que vos agardan momentos fermosos que botar na vosa mochila.
Feliz Nadal!

xoves, 9 de decembro de 2010

Castelo de Vimianzo. A pegada da Historia.


O castelo de Vimianzo foi construido a finais do XII e comenzos do XIII, inda que apenas quedan vestixios da primeira construcción. O aspecto actual data do S. XIV. Foi a familia Mariño de Lobeira a que comezou esta obra, que no 1348 confiscou o rei Afonso XI a Roi Soga Mariño de Lobeira para venderlla ó arcebispo de Compostela Xoán García de Manrique.
Cara 1429 pasou a mans dos Moscoso de Altamira, parentes dos Traba; de ahí o escudo coa cabeza de lobo que se atopa no castelo.
Pedro Álvarez de Sotomayor, de quen teremos ocasión de tratar outro día, o famoso "Pedro Madruga", tivo preso nesta fortaleza ó bispo de Tuy, Diego de Muros. Tamén sofreu cativerio no 1465 o arzobispo Alonso de Fonseca II, encarcelado nunha gaiola durante dous anos. O castelo sucumbeu baixo a furia dos Irmandiños no 1467. Será reconstruído por orde deste Fonseca, e finalmente pasa a mans dos Moscoso pola esixencia do Conde de Altamira. Ata o século XVI será Vimianzo o centro xurisdiccional de Camariñas, Laxe, Zas e Muxía.

mércores, 8 de decembro de 2010

Parabéns a todas as Concepcións

Hoxe non é un festivo indiferente; un día de descanso sen máis. Quero felicitar desde aquí a todas as Concepcións, Conchis, Conchitas e Chitinas que seguides o meu blog. Desde a terra ou desde o Ceo, onde estarán sen dúbida algunhas das persoas máis especiais na miña vida. Despois de tantos anos sigo botándovos de menos. Sinto que nunca se encherán esos espazos do meu corazón. Felicidades desde este recuncho sentimental.

martes, 30 de novembro de 2010

Muller con sombreiro en Cee


Cando tiña dez anos regaláronme un sombreiro coma o da foto. É un sombreiro de palla cunha cinta negra, ó estilo do país, que lucín con ilusión vestida como unha labradora nalgúns festivais folklóricos; Despois viñeron os tempos en que pensaba que había moito por cambiar e que en Galicia agromaban os vellos carballos con follas novas. Hoxe, non estou tan segura.

luns, 22 de novembro de 2010

Cee cara a fin do camiño


Fai unha lúa estiven en Cee e aquí vos traio unha foto do plenilunio de outubro que puiden observar mentres paseaba pola beira do mar. O fascinante Oeste galego ten o engado da última fronteira. Máis aló o mar infindo, este océano que nos une ó resto do mundo.

martes, 16 de novembro de 2010

Zas medieval


As Torres do Allo. Esta é a miña proposta de hoxe, para un paseo por un camiño de carballos que remata diante desta construcción de arquitectura renacentista a cal se ergue onde na Idade Media houbo unha fortaleza, destruída no século XV por orde dos Reis Católicos. Está situada no Concello de Zas, na estrada C-552, km 58, antes de chegar a Baio en dirección Fisterra. Construída a comenzos do XVI polo fidalgo Gómez de Rioboo, este dato queda rexistrado no escudo da familia (unha torre con motivos vexetais). Son fermosos os dinteis das xanelas, con arcos apuntados góticos, ademáis do seu aspecto pacego: as dúas torres ós lados, unidas por un corpo principal. Hoxe en día é un museo e un punto de información da Deputación. Fermosos tamén son os hórreos de pedra asentados ó redor.

luns, 8 de novembro de 2010

" Le cimetière marin" Paul Valery


Velaí tedes un fermoso camposanto que fotografiei en Cee. Lembroume un poema de Paul Valery, "Le cimetière marin": transcriboo aquí para que disfrutedes del aqueles que tedes ganas de practicar a lingua diplomática por excelencia.
Deixovos con Valery:
LE CIMETIÈRE MARIN
Ce toit tranquille, où marchant des colombes
entre les pins palpite, entre les tombes;
midi le juste y compose de feux
la mer, la mer, toujours recommencée
o récompense aprés une pensée
qu'un long regard sur le calme des dieux.
(...)
Le vent se léve...il faut tenter de vivre
làir immense ouve et referme mon livre
la vague en poudre ose jaillir des rocs!
envolez-vous; pages tout éblouies!
Rompez, vagues! Rompez d'eaux réjouies
ce toit tranquille où picoraint des focs!

martes, 2 de novembro de 2010

Sinfonía nº 34 de Mozart

Este outono é tempo de música. A música que nos acompaña en cada minuto da nosa vida ten o valor de facernos sentir, medrar cada instante en intensidade; e cando temos a oportunidade de sentarnos nun patio de butacas para disfrutar dunha orquestra sinfónica e dun bo programa, eu podo dicir que merece a pena deixar que o ritmo cardíaco siga a batuta do director. Disfrutade moito da música, namorádevos do clasicismo.