domingo, 23 de xuño de 2013

Que a deusa Fortuna che sexa favorable


 No solsticio de verán ocorren sucesos marabillosos. Como é ben sabido, cando o sol alcanza o seu cénit no trópico de Cáncer, no hemisferio Norte estamos festexando o tempo da sensualidade, a exaltación da terra e a colleita. Os ritos pagáns volven baixo a festividade do San Xoán, que tanto festexan as bruxas, que irán á Lanzada facer o aquelarre, como o resto dos mortais, que achegados ás cacharelas, botarán fóra as tristuras e as malas querencias, renovándose co lume novo das fogueiras.

 O 24 de xuño é unha data especial dende a Antigüidade. Os romanos celebraban a festa de Fors Fortuna, a quen Servio Tulio lle mandou construir un templo, pois sendo el fillo dunha escrava de guerra, chegou a convertirse en rei de Roma. Ovidio, nos Fasti VI, 773, deixa testemuña sobre esta festividade, na que se celebraba unha procesión a pé ou en barcas engalanadas polo Tíber, ata o templo, para facer na súa honra diversos sacrificios e o gran Cicerón tamén da conta desta festividade popular, na que o viño corría e os amos tiñan dádivas  cos seus escravos.

  Hoxe quero facer eu un agasallo; un agasallo en forma de poema para este tempo de amores e festa.
  Escollín estes versos de Catulo, por ser unha exaltación do amor, unha advocación á paixón e á inocencia desasosegada dos bicos dos amantes, que foxen dos ollares alleos para vivir intensamente un presente certo fronte ás tebras da morte. A vida simbolizada nas verbas "breve luz", escintila na escuridade do "non ser", e desbócase no desesperado intento dos amantes por vivir o seu amor.

 Para ti, que sentes coma min a vida en cada latexo, vai este poema de Caio Valerio Catulo, nacido no século I a. C. a rentes do río Po, en Verona. e que cantou os seus amores tumultuosos con Clodia (Lesbia).

Vivamus mea Lesbia, atque amemus,
rumoresque senum severiorum
omnes unius aestimemus assis.
Soles occidere et redire possunt;
nobis cum semel occidit brevis lux,
nox est perpetua una dormienda.
Da mi basia mille, deinde centum,
dein, cum milia secunda centum(...)

"Vivamos, miña Lesbia, o amor
e as faladurías dos vellos severos
estimémolas en nada,
 O sol cada día pode morrer e rexurdir.
 Nós, cando dunha vez esmoreza a breve luz,
unha noite perpetua teremos que durmir.
 Dame mil bicos, logo un cento,
logo, cando teñamos unha morea de miles,
enguedellémolos, para que non saibamos cantos,
ou para que ningún malfadado poida enmeigarnos
se sabe que houbo tanto bico".

Que Fors Fortuna che sea favorable!
(A Juan Carlos Lueiro Villaverde no seu aniversario)

domingo, 7 de abril de 2013

Omar Jayyan: un Zaratustra iraní, un poeta do viño e os praceres

 
  
Este poeta medieval que viviu entre os séculos XI e XII en Persia (Irán), foi un filósofo moderno que cantou á brevidade da vida, e ó disfrute da efímera existencia humana. Nos seus versos, robayyat, que son estrofas de catro versos dodecasílabos rimando entre sí, e deixando solto o terceiro, expresouse de modo descarado, sendo un insumiso dos dogmas islámicos e un libertino hedonista que busca non deixar escapar nin un instante da súa prezada vida.
 Gustei de ler estes poemas, tan rompedores dos nosos estereotipos occidentais respeito ó mundo árabe, e tan actuais, polo menos para o meu modo de ver. Reivindicar un paraíso real e próximo, un xardín interior, persoal, hedonista, é unha maneira de vivir sen agardar un Ceo prometido pola relixión.
 Ofrézovos algunhas mostras, a ver qué vos parecen.


"Érguete miña vida, que xa apunta a aurora;
bebe moi suave o viño, puntea a harpa e toca
daqueles que marcharon, non voltará ningún.
E, para para os que fican, a estancia será curta".

 

"Non escoites o discurso de sabios ilustrados,
pero bebe o viño daqueles que teñen renegado.
Un a un foron partindo os nosos antergos
e ninguén ten indicio de que teñan regresado".


"Todo canto che pasou onte, quede todo olvidado
e que non te inquede o día non chegado.
Nin onte nin mañá deben ser os teus alicerces;
non malgastes a túa vida, e vive disfrutando".


"Xa que resulta efímera a nosa estancia no mundo,
vivir sen pracer e sen viño é absurdo.
Discutir os principios do universo, importa?
qué máis da, tras da miña morte, se non é eterno o mundo?"

domingo, 17 de marzo de 2013

Akiko Yosano, "Cabelos revoltos"


 Estos días descubrín á poeta xaponesa Akiko Yosano. Veredes, ela revolucionou a poesía coa súa obra Midaregami, ("cabelo revolto") unha colección de textos na que deixa a súa forte pegada como muller, nunha sociedade, a xaponesa de principios do século XX, na que non era fácil romper estereotipos. Este libro, xuvenil e fresco, moderno e atrevido, marcouna para sempre como a "poeta da paixón". Ela asumiu a vangarda contra unha sociedade que relegaba á muller a ser obxecto de desexo, nai e esposa sumisa.  A través dos seus 399 tankas, Midaregami envólvenos na sensualidade da muller que desexa, que reivindica a súa propia liberdade para amar, ainda mellor, para ser amante.

 Déixovos unha mostra, esperando que gostedes deles tanto coma min.

"Murmurios amorosos
tras da cortina da noite
constelada de estrelas;
lonxe do mundo e da xente,
arranxo o meu cabelo desordenado."

"Pregúntalle ó poema
quén se atreve a negar
o vermello das flores...
oh! qué conmovedoras
as mociñas pecando na primavera!"

"Ninguén ignora que o branco
distingue á camelia e á ameixa,
pero este color melocotón
que acende as miñas meixelas
non fala de pecado..."

"el xa non volverá...
vaise a primavera,
e a soas, esta noite, coa miña pena
deixo caer sobre o pequeno koto
o meu enmarañado, enmarañado cabelo"

"Aquí e agora,
cando me paro a recordar
a miña paixón, paréceme
que eu era coma un cego
que non teme á escuridade"

"sostendo os meus peitos
entre as mans, silenciosamente,
descorro o veo do misterio:
aquí hai flores
dunha intensa cor escarlata!" 

(Eu, muller de melena despeiteada diante a difícil tarefa de facer a escolma, recomendo Poeta de la pasion, ed. Hiperión para que sigades disfrutando destes versos sublimes).

domingo, 3 de marzo de 2013

Amenceres sen presa



Rúas, viños, paseos, cafés, amigos e... Santiago la nuit. Agradecín o silencio da mañá do sábado mentres me revolvía nas sabas  mornas e disfrutaba da ausencia do reloxo. Esas persianas baixadas, matizando a luz do amencer, eses zapatos de tacón tirados polo chan, e o resto do perfume que levei a noite anterior...

 Ah! adoro esta cidade! faga frío ou chova... que por moitos anos poidamos disfrutar destas noites de Compostela!

Por fin o domingo descansei.

sábado, 16 de febreiro de 2013

Ibn-Hazm, O colar da pomba








"Conságroche un amor puro e sen mácula:

nas miñas entrañas está visíbelmente gravado e escrito o teu cariño

Se no meu espírito houbese outra cousa que non foras ti,

eu tería que arrincala e esgazala coas miñas propias mans.

De ti non quero outra cousa que amor;

fora del, non pido nada.

Se o acadara, a Terra enteira e a Humanidade

serán para min coma lixos, e os habitantes do país, insectos".


Ibm-Hazm

Así comeza uns dos libros de lírica amorosa máis deliciosos que coñezo. Paseando polos xardíns do Alcázar sevillano, vin pombas bebendo nas fontes, entre as laranxeiras, e voltei a pensar naqueles versos que falan dos sofridos amadores, dos efectos do amor, dos sinais do enamoramento.

 Por se algún ou algunha non se percatou, desconfía, ou non está seguro dos sentimentos, velaí vos deixo un abreviado catálogo de Ibm-Hazm, que igual vos pode servir de axuda.
"Os ollos son a porta aberta da alma. O amante non pestanexa e muda o seu ollar a onde o mudou o ser amado";  o estar animados, moi xuntos en espazos amplos, tocarse as mans durante a conversa, a tendencia a achegarse un ó outro, e beber do vaso no que bebeu o seu amado, son sinais inconfundibles para os bos observadores.
 Se isto non é suficiente, está o insomnio, o converterse en "apacentador de estrelas", ou a tendencia á soidade e decaimento na ausencia do amado.
 Como son moitos os detalliños que se engarzan do colar de versos do Ibn-Hazm, e outro día penso retomalos para seguir comentando, remato este post con unha qasida do mesmo autor na que afirma: "cando as pálpebras deixan fluir as súas fontes, é que no corazón hai un doloroso tormento de amor"

 Qué mágoa que neste mundo xa non queden pombas nin colares polos que pague a pena enfermar de amor... ou si? quén sabe?

luns, 21 de xaneiro de 2013

Aniversario de navegacruz


A vosa Navegacruz  está de aniversario: xa ten tres aniños!
Non vou dicir que o tempo fugit, porque estades de volta diso. So quixera brindar con vós, meus compañeiros de viaxe na vida, todos vos, os que compartides comigo vagón e os que me agardades no andén. Agradecida pola vosa compaña, pídovos que brindemos e tiremos xuntos as copas de cristal pola fiestra, e que a resaca non nos prive de seguir sorrindo pola mañá!
 Apertas a tod@s!

luns, 24 de decembro de 2012

Nadal 2012


 Despois desta semana "da fin do mundo", que non foi senón un cambio de era maia, (que nos cae un pouco lonxe), chegamos ó día de Noiteboa con unha meteoroloxía terrible. Quero aproveitar para mandar os meus mellores desexos a todas as amizades, e ós viaxeiros cibernéticos que pasan de casualidade por este navegacruz ó longo do ano. Hoxe envío unha aperta a tod@s os que compartirán mesa con quen máis queren, pero tamén a quen a pasará nun hospital. Haberá ausencias que recordar, pero iso débenos facer pensar que nalgún momento da nosa vida compartimos a nosa felicidade cos seres que amamos e nos amaron. Disfrutemos o tempo concedido sen desprezar un so minuto.

domingo, 9 de decembro de 2012

Fervenza das Hortas nun conto de fadas





A terra de Arzúa garda segredos tan fondos como os desta fervenza tamén chamada de Santa Marta por unha lenda que non é do caso. Esta entrada da bitácora é para quen compartiu comigo confidencias e inquedanzas, pero tamén para quen cree coma min na esperanza e no cambio, porque o río non leva nunca a mesma auga. Este da foto chámase Ufa, igual que un río da conca do Volga, alá en Rusia. Pero o noso río arzuano, está en Dombodán, que nada ten que envexar á paisaxe da terra dos zares.
 Quixen coñecer ese lugar e leváronme as súas pasadas por un vieiro costento, por unha baixada que se ía internando na fronda conforme nos achegábamos ó río e ós muíños. Pensaba no decurso da vida, cando descubrín a magnífica caída de auga de vinte metros, que me fixo abrir os ollos e pararme nun dos travesaños que forman a escada descendente. As cores do inverno tinguían as abeleiras centenarias. A catarata bruaba no fondo do sendeiro, mentres os nosos pasos se apagaban nas follas mortas do camiño, molladas pola choiva dos días pasados.
 Enfeitizada pola imaxe, fiquei ollando un intre, e a certa distancia, o conxunto. Puiden  velo sorrindo, formando parte daquel espazo. A súa figura lanzal estaba envolta no misterio arborescente. Quixen achegarme mainiño, tocar a súa pel, acariñar o seu rostro e verme reflexada nos seus ollos silvestres; mais os seres de auga, na súa proteica figura, nunca son tanxibles.
 Eu vin como as fadas, fillas da miña ilusión, se mollaban naquela tarde de decembro. Esvaraban pola fervenza desfeitas en millóns de minúsculas partículas acuosas e xélidas.
 Busquei a man daquel mítico ser. Seguín a súa estela pola encosta do monte e perdeuse entre as miñas verbas, cantos de serea para un Ulises sen Ítaca.
 Quixen aquecer as miñas mans naquela tarde de inverno, pero a pel de fada, como a da serea, sempre estará fría e suave porque é de cristal. No entanto, o meu corazón ardía coas faíscas de Hécate. O meu corazón sempre entregado á ilusión de vivir, sempre a carón do lume da esperanza, da risa fresca e da música dos soños.
Quén non soñou con un mundo de fadas, inda que non se deitara con elas?

domingo, 2 de decembro de 2012

No frío de Compostela sempre hai versos




 Vai frío. Moito frío nas rúas da cidade. Paseaba ocultándome detrás da bufanda e quedei ollando as pedras no día gris, lembrando palabras de Rosalía que eu imaxinaba pensadas detrás dos cristais da súa casa da rúa do Vilar. Nesa casa perto do Casino, onde criou fillos entre apuros económicos e versos preñados de amargos sentimentos, fiquei un intre parada mirando e lembrei aquel poema:

   III
Tal coma as nubes
...............que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
...............así as ideas
...............loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estranas feituras, de cores incertos,
...............agora asombran,
...............agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.


   Agora que regresei á casa, e no salón entro en calor, aproveito estas últimas horas de luz para mirar pola fiestra "as nubes que leva o vento" e dalgunha maneira convirto o inverno que non chegou en esperanza de primavera prometida.

luns, 15 de outubro de 2012

San Paio de Narla: vixía feudal en Friol



 Os que gustades da historia medieval, da paisaxe e de certa soedade; os amigos das lendas e da Galicia interior tedes que pasar por Friol, terra luguesa enxebre, e menos coñecida  do que merece. Érguese, a non moita altura, esta fortaleza de San Paio de Narla, que pertenceu ó famoso nobre do S. XIV Vasco das Seixas, coñecido pola súa participación na guerras sucesorias a favor de Enrique de Trastámara, e polo seu descendente e señor das Torres tamén Vasco das Seixas, que xa entrado o século XVI fixo famosa a lenda negra que o convirte en asasino alevoso da súa muller, a virtuosa dona Catalina de San Tirso, amiga de favorecer ós pobres, e vítima dos ciúmes do seu marido, envelenada e apuñalada, que fica soterrada incorrupta, na capela da Madalena no mosteiro de Sobrado dos Monxes, sen pedra nin epitafio que indique a sepultura.
Cito texto pertencente ó Tumbo de Sobrado, priorato que dista tres leguas de Friol:
"­El padre de esta señora aviendo sabido la muerte de su hija, que le dió su marido violentamente, y que éste se avía escapado a Portu­gal, refugiado en la casa del Duque de Verganza, acudió a la Real Audiencia de La Co­ruña, y se proveyó que viniesena la averiguación el Licenciado Briviesca, uno de los Al­caides mayores de dha. Audiencia. Llegó este Señor a este Monastt.° acompa­ñado de Ministros y Alabarderos, miércoles 21 del mismo mes de Noviembre del mismo dho. año, estando la Comunidad en víspera. Decretó que se desenterrase el cuerpo, y aviéndose executado, vieron y admiraron todos los que presenciaron este acto, que tenía el rostro tan hermoso, tan blanco y colorado como leche y rosa, y tan sereno, que parecía que dormía, sin rastro de olor malo, en medio de aver pasado 21 días debajo de tierra.- Después de visto esto, descubriénrole el pecho i vieron que sobre él tenía los brazos cruzados para cubrir las heridas de las mortales puñaladas, que su marido la dió; las quales con particular advertencia estaban embutidas con estopas. Sacaron las estopas para reconocer las heridas, y al mismo punto que las sacaron, corrió tanta cantidad de sangre, tan fresca y colorada como si al sacar las estopas fuera lo mismo que sacarle el puñal, luego que la hirió.- Este prodigio o este milagro, calificó la inocencia, la castidad y la virtud de aquella señora cuio cuerpo con mucho respeto y veneración, volvieron a la misma sepultura, consoló a los cincunstantes y condenó de inhumano y traidor a su marido Vasco das Seixas, el qual no quedó sin el pago de su alevosía; porque un mes después que el executó esta maldad con su muger, le mataron a estocadas algunos de los del Duque de Verganza, donde se avía acogido” ( Tumbos de Sobrado).

 É famosa tamén a lenda da Cova da serpe, que se desenvolve perto do castelo e que ten como protagonista unha monstruosa cóbrega xigante. A lenda, da que hai polo menos dúas versións, conta como a filla do Señor de Miraz (segundo Carré, é a filla do señor da fortaleza de San Paio), namórase dun mozo labrego, e debido á oposición dos pais, os dous fuxen;  chegada a noite acaban por agocharse nunha cova, habitada por unha serpe espantosa que intenta devorar á doncela. O mozo consegue matala co seu coitelo pero é ferido de morte, envelenado, e morre nos brazos da fermosa namorada.

 O castelo hoxe é un museo da Deputación de Lugo, e conta con unha ampla mostra etnográfica, ademáis de curiosidades varias, como arreos de cabalgaduras, armas, mobiliario antigo, xoias..., e dende logo, as magníficas vistas da campiña lucense dende as ameas. Ata onde se nos perde a mirada todo é verde e azul!

xoves, 4 de outubro de 2012

Outono entre as risadas dos castiñeiros




 Optimista. Leda.
 Este outono hai outras cores. Inda parece que o verán está loitando por deixar unha estela de luz ó mediodía. Fai  frío pola mañá pero unha dozura morna acompaña o xantar. Percorrendo as mil e unha pistas da comarca arzuana cara o cerne de Galicia, empezan a sorrir os ourizos dos castiñeiros ó meu paso. Hai algo no ambiente que me fai rexuvenecer; sinto coma se retrocedese no tempo e o meu corazón estivese anovado no aire fresco, entre as néboas matinais, ó ritmo trepidante da vida.

domingo, 23 de setembro de 2012

Luz en Boimorto



 A noite de onte foi máxica. Luz Casal cumpliu un soño: cantar na aldea dos seus antergos, tendo a casa onde naceu xusto fronte a ela; acompañada de 6.000 persoas que estaban desexando escoitala e aplaudir cada tema. Ela saiu cando aínda os últimos raios do día tinguían de cores pastel o Oeste, detrás do escenario. Escureceu entre as notas de cancións como "Entre mis recuerdos", e ela lucía espléndida con un vestido negro e unha diadema vermella, como coroa de plumas que daba máis vida ó seu rostro resplandecente de anxo do rock&roll.
 Eu sorría entre a multitude, acompañando coa miña voz rompida e apagada cada canción.  Adicounos, ás mulleres "Y no me importa nada.."; todos cantamos repetidamente o estribillo de "un nuevo día brillará..." "quiero ver... el rojo del amanecer..." tantas gorxas acariñando cada nota... foi un meigallo!.
 "Es por ti". Non sei cantos fotogramas da miña vida foron sucesivamente pasando pola miña mente mentres Luz ía esfollando cada letra con modulada voz. Fun consciente de que, en calquera momento da miña existencia, algo da súa estivo presente a través da música. "Me emociono al volverte a ver... y aun pregunto... quién dejó a quién!"... "Piensa en mí... cuando sufras...".
 Non faltou unha chamada en directo a Manolo García, ausente por enfermidade, e a actuación de Chris Barron de Spin Doctors, que animou ainda máis o ambiente estupendo que alí había.
 A xente tan varia que se xuntou nese recinto de Andabao dáballe un carácter distinto a calquera outro festival: señoras con toquilla, e cabaleiros con boina; nen@s no carrito e xogando, máis ou menos indies-rock, neohippies, novos e vellos xuntos... ata miña bis tía de 79 anos tamén foi coas amigas!

 E Luz brillou máis que nunca no ceo de Boimorto...