sábado, 22 de outubro de 2011

Ribeira Sacra, entre Taboada e Escairón





O Miño e os seus afluentes entre Taboada e O Saviñao ofrecían estes días un aspecto extraño. As fotos que vos traio amosan o que facía tempo que non se vía: centos de terrazas ocres, de mortos eirados nos que inda aparecían viñas secas, asolagadas durante anos para o aproveitamento enerxético de xa sabemos quen. O encoro de Belesar que tanto cambiou a paisaxe dende hai décadas, lucía unha imaxe lunar, barrosa e un pouco cincenta por mor das obras e da pouca choiva que houbo ó longo do ano.
Velaí tedes a Ponte de Ferro que une os dous concellos referidos; paga a pena pararse nese mirador un anaco e ollar a paisaxe do río que esvara cara o Sur. Traio tamén unha imaxe do lugar co cauce cheo. Certa tristura da ver o traballo en balde de xeracións de labradores que fixeron do viño un medio de vida e que hoxe inda asoma intacto coas escadiñas, casetas e cepas inertes, testemuñando que houbo vida da Ribeira Sacra do Norte.
Hoxe todo é silencio.
Esquecía dicirvos que no lugar das fotos, hai tamén un Clube Náutico, o do Concello de Taboada. Se vos digo que case daban ganas de chorar as "infraestructuras"... creerédesme, non?

Ningún comentario:

Publicar un comentario