venres, 28 de xaneiro de 2011

Moitas apertas para Coristanco

Quero enviarvos unha grande aperta a todos os que me botades en falta na fermosa terra bergantiñá de Coristanco. Foron tres meses inesquecibles que deixaron unha fonda pegada na miña vida, de cotío tan pelegrina, e nembargantes, tan permanente en cada terra que pisei. Non vos esquezo, meus queridos, aquí estou, un pouco máis lonxe, pero sigo aquí, acompañándovos desde a rede, como sigo perto dos meus focegos, dos meus cruceños ou dos monfortinos. Nunca me marcho para sempre, nunca para non volver. Quérovos!

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Noite de Reis

"Buenas entradas de Reices tenghan vuestras señorías,
tenghan vuestras, y otras tales, mui alegres y festivas,
De Oriente salen tres Reices, todos tres en compañía...
...no preguntan por posada, ni menos por menorquía,
Preguntan por los portales, donden Cristo nado había
y llevan por capitana, a la estrella que los ghía..."

Así da comenzo o Cantar de Reices máis laureado nos certames populares dos últimos anos; é dos Reiceiros de Pontecarreira, e foi recuperado hai xa 25 anos. A cantiga ten orixe antiquísima, mesmo puidera ser herdada do último medievo, xa no renascimento, tal e como fai pensar o cantar da Madama, que soen interpretar xusto despois, e que sen dúbida é unha prosopografía feminina, que segue o canon de beleza da doncela renacentista, loira, delgada, branca... e a descripción comenzando dende a cabeza ata os pes:

"...tus ojos madama son como luceros
que alumbran de noche a los caballeros...
tus pechos madama, fuentes de agua clara
si tu me los dieras, yo me los tomara..."

Este Nadal cúmprense as vodas de prata da recuperación deste cantar de Reices, e cada ano, en tal data coma hoxe, un grupo de homes e mulleres recorre a comarca de Ordes traendo a boa nova e desexando a todos sorte para o ano novo, despedíndose sempre cas seguintes palabras:

"quédense con Dios señores, hasta el año que volvamos
si pa'l año no volvemos, que en el cielo nos veamos,
que en el cielo hay muchos buenos, nosotros con ellos vamos."