jueves, 17 de mayo de 2012

Parabéns, Chonchiña!


Hoxe é o día das Letras, tamén a Ascensión en Santiago. Hoxe é un día especial no que quero felicitar á tía Chonchiña, a fermosa dona de ollos azuis que acaba de estrear os seus 99 anos o primeiro de maio, en México DF co resto da familia. Ela, a inmortalizada Marisa da novela de Manuel Rivas, O lápis do carpinteiro, está outra vez vivindo do outro lado do Atlántico, na terra que a acolleu nos seus máis de 30 invernos de exilio. Despois de 33 anos na Terra, rodeada de amizades na casa de Tuy, a vida doulle outra volta no aire, e regresou ó calor azteca desa cidade inmensa. Ela ten o seu sangue alí, ten amigos, ten familia; mais, nós, privilexiados, desde a mesma terra que nunca tivemos que deixar, pensamos nela, e aquí segue presente. As súas flores, as súas macetas, teñen fortes raigames. Agromaron nesta primavera para ela. Querémoste, Chonchiña. Estás entre nós. Unha aperta enorme para a familia mexicana!

domingo, 13 de mayo de 2012

Rosalía na primavera do Sar


Hai tempo que non abría a edición que Marina Mayoral fixo de En las orillas del Sar, esta romántica obra que lin por primeira vez nos meus primeiros andares universitarios, e que me fascinou pola súa variedade e profundidade. Esta tarde de calmizo, despois dun paseo polo campo, buscando un pouco de fresco por vellas corredoiras case esquecidas, sentei no salón e revisei este libriño. Pensei en Rosalía e pensei tamén no engano vivido durante anos con respeito á figura desta muller insigne de quen sempre nos dicían que estaba triste, e que a súa, fora unha desgrazada vida; de quen sempre nos dicían que era morriñenta, mimosa e digna de lástima; houbo un grande cambio; Rosalía ben lida, resultoume unha muller valente, forte, madura e loitadora. Arriscada e coraxuda. Quero brindarlle a ela toda a miña admiración, e lembrar a súa figura con un poema nesta primavera.

Adivínase el dulce y perfumado
calor primaveral;
los gérmenes se agitan en la tierra
con inquietud en su amoroso afán,
y cruzan por los aires, silenciosos,
átomos que se besan al pasar.

Hierve la sangre juvenil, se exalta
lleno de aliento el corazón, y audaz
el loco pensamiento sueña y cree
que el hombre es, cual los dioses, inmortal,
No importa que los sueños sean mentira,
ya que al cabo es verdad
que es venturoso el que soñando muere,
infeliz el que vive sin soñar.

¡Pero qué aprisa en este mundo triste
todas las cosas van!
¡Que las domina el vértigo creyérase!
La que ayer fue capullo, es rosa ya,
y pronto agostará rosas y plantas
el calor estival.

domingo, 6 de mayo de 2012

A primavera en Frades





Chove. Así de verde se ve o noso interior galego. Deixo caer a cortina, que vai borrando tras de sí a xanela, e retomo a lectura de Flaubert:

"As flores non se estragaran; o guipure extendérase sobor do leito. Sacou do roupeiro as chinelas. Rosanette encontrou moi delicadas aquelas atencións.
Cara a unha espertou por algúns movementos lonxanos e viuno saloucar, coa cabeza afundida na almofada.
- Qué tes, meu amor?
- Demasiada felicidade -dixo Frèderic-. Había tanto tempo que te desexaba!"

Con estas liñas de A educación sentimental, pechei o libro e pensei na propia.

domingo, 22 de abril de 2012

De propietate serene


Aproveito esta foto feita na baía da Coruña polo meu amigo Antón, para falarvos do libro que rematei de ler esta tarde de chuvieiras en abril. É un bestiario medieval, unha edición bilingüe galego-latín, da editorial compostelana Positivas, intitulado LIBELLUS DE NATURA ANIMALIUM, que como fillos do latín que sodes case todos os meus lectores, non preciso de tradución. Trátase dunha obra anónima do século XIV, fonte do posterior Bestiario Valdense. É qué ten a ver a foto? Pois é unha serea, precisamente un dos "animais" que percorren as páxinas do libriño. Vou transcribir un anaco deste capítulo:
"A propiedade da serea é que a serea é biforme, porque da metade para arriba é unha muller, mentres que da metade para abaixo é como un peixe, e hai tres especies de sereas, porque unhas teñen a voz como a dunha arpa ou dunha viola, e outras teñen a voz como unha trompa ou unha frauta, e outras cantan como unha virxe. E por isto os navegantes, pola dozura do seu canto e pola melodía delas, adormecen e afúndense no mar".
A partires deste ponto, o autor/a do libro comeza a facer unha transposición á vida do ser humano, explicando que as sereas son "os vans praceres mundanos, que, a causa da súa dozura, son moitos os homes aos que se lle dormen os cinco sentidos". Remata o episodio citando a Boecio.
Recomendación da que suscribe: non escapedes de todas as sereas; algunha vai espertar algún dos vosos sentidos; havos de levar ó paraíso co seu canto. Non renunciedes a todos os praceres. O escuro abismo a que alude Boecio, agárdanos a todos no fin dos nosos días.

domingo, 15 de abril de 2012

14 de abril


Esta foto fíxena en Madrid, hai hoxe un ano. É a miña pequena homenaxe a todos os republicanos que non están pero que nunca nos deixaron orfos.

domingo, 25 de marzo de 2012

Dies irae


Estes días, e dende os Idus de marzo, ben sexa porque é o mes de Marte, ben sexa porque unha tamén se cansa de aturar, de ler nos xornais a palabra "crise" na boca da indesexable clase política, amén de certa necesidade combativa que levo dentro, o caso é que estou contestaria. O corpo pide rebelión, e a realidade circundante precisa dunha sacudida que faga reaccionar este noso mundo que xa non poder crer en nada. Os ladróns, os corruptos, as reformas laborais, a voracidade da economía neoliberal e o teito de cristal que se impón á muller. Sumo e sigo: a nova lei do aborto, feita por homes que non deixan decidir á muller sobre o seu propio corpo; a fenda entre clases sociais que medra día a día... Resúltame fácil enlearme en discusións e ata me sinto muller en conciencia. Por todas as mulleres que loitaron contra a invisibilidade feminina, hoxe digo "basta!" Eu non quero un mundo así.

domingo, 11 de marzo de 2012

Fin de semana na Toxa



Con este tempo tan agradable, non estaba de máis facer unha escapada a paraísos cercanos. A Toxa, co seu tempo parado baixo o sol de inverno, foi o escenario dunha fin de semana tranquila, mirando o mar quedo dende a piscina do talaso; relaxada e feliz, allea a todo o rebumbio da semana anterior, non tiven máis preocupacións que a de vestirme para ir ó casino, tan decadente, e pasear polos vellos xardíns do Gran Hotel e polo museu dos xabóns e sales de "La Toja", revisando fotos antigas e lembrando a lenda da orixe do balneario, aquela do burriño que o crego abandona na illa por estar sarnoso, e enfermo, e que atopa meses despois totalmente curado por se andar deitando nas arxilas da illa. Teño que dicir que na miña casa nunca faltou a pastilla de Magno, que segue sendo un dos meus olores favoritos.

domingo, 4 de marzo de 2012

O antroido carnal e colorido


Non vou falar das orixes desta festa, nin das tradicións de todos sabidas; quero facer unha chamada á loucura, á risa, á sátira viva que nos recorre nestas datas nas que o mundo se divide en dous: os disfrazados e os que van de paisano. Os que non soportades a máscara e sodes espectadores da befa e do absurdo reflexo dunha realidade desfigurada e esperpéntica, asistides excluidos á unha catarse que se produce no exército dos enmascarados. A transformación leva consigo a ocultación da dor e a procura dunha vida nova, efémera curación que expulsa os demos do espírito e que calma as conciencias cando ó remate da festa, se quitan as caretas, a roupa luxada e repousamos o cansazo para espertar mércores de cinza a unha primavera cercana; a vida volve con forza.
As fotos que vedes son do martes de antroido en Verín, onde cunha perruca azul e unha boa de prumas, agarrei a cámara para pillar na carreira ós cigarróns. Confirmei que isto ten futuro.

martes, 28 de febrero de 2012

Brandeso ou a Arzúa valleinclaniana





Como tantas mañás eu pasaba polo pazo de Brandeso; nin un so día eu deixei de ver a sombra de Concha detrás dos cristais empañados daquel universo pechado detrás do muro verdoso de líquens vellos como o escudo do portón da entrada. Cara o traballo, conducindo entre as néboas do mencer, non podía evitar pensar en Sonata de Otoño mentres a miña mente repasaba aquela escena na que Bradomín percorría o pazo co cadáver de Concha nos brazos, mentres os seus cabelos negros longuísimos enguedellábanse nos manubrios da portas. Ai!... que afición a miña en ver tan reais os enredos amorosos daquel marqués "feo, católico e sentimental" que foi meu compañeiro de tantos intres de lectura repetida.

Chégase a Brandeso pola estrada que sae do centro de Arzúa en dirección Vila de Cruces, despois de pasar o río Iso. O edificio é de planta rectangular e iniciado no século XVII, con restos de antigas torres. O escudo mostra a águia dos Aguilar, as cinco cabezas de lobo en sotuer dos Mosquera e unha árbore con un can atado e unhas chaves dos Montero. O edificio é de mampostería, mais agora está revestida e pintada de branco. Enfronte do pazo está a capela, que é do 1544 e reformada no século XVII.


Valle-Inclán quizais atraído polo sonoro nome de Brandeso, cámbialle o de San Lourenzo, por San Clemente, e alí vai o marqués de Bradomín visitar a súa prima Concha, enferma e moribunda para recordar un seu amor de xuventude.


O pazo pertencía nos anos 80 ós Gasset.

Déixovos un anaco desta obra para que disfrutedes do pracer da palabra:


" Yo recordaba nebulosamente aquel antiguo jardín donde los mirtos seculares dibujaban los cuatro escudos del fundador, en torno de una fuente abandonada. El jardín y el Palacio tenían esa vejez señorial y melancólica de los lugares por donde en otro tiempo pasó la vida amable de la galantería y del amor.


Bajo la fronda de aquel laberinto, sobre las terrazas y en los salones, habían florecido las rosas y los madrigales, cuando las manos blancas que en lo viejos retratos sostienen apenas los pañolitos de encaje, iban deshojando las margaritas que guardan el cándido secreto de los corazones.

¡Hermosos y lejanos recuerdos! Yo también los evoqué un día lejano, cuando la mañana otoñal y dorada envolvía el jardín húmedo y reverdecido por la constante lluvia de la noche. Bajo el cielo límpido, de una azul heráldico, los cipreses venerables parecían tener el ensueño de la vida monástica. La caricia de la luz temblaba sobre las flores como un pájaro de oro, y la brisa trazaba en el terciopelo de la yerba, huellas ideales y quiméricas como si danzasen invisibles hadas.

Concha estaba al pie de la escalinata, entretenida en hacer un gran ramo con las rosas. Algunas se habían deshojado en su falda, y me las mostró sonriendo:


- ¡Míralas qué lástima!

Y hundió en aquella frescura aterciopelada sus mejillas pálidas.

- ¡Ah, qué fragancia!


Yo le dije sonriendo:

- ¡Tu divina fragancia!"











jueves, 16 de febrero de 2012

No pazo dos Condes de Taboada


Velaquí o pazo dos condes de Taboada, en San Pedro, ás aforas da vila luguesa onde fun xantar non hai moito a un pequeno restaurante no que, por bo prezo, comemos coma cregos, unhas impresionantes anchoas do Cantábrico feitas na casa, ademáis dunhas carnes excepcionais (rabo de boi, tenreira da terra...) servidos con fineza e protocolo por unha señora catalana que falaba un exquisito galego. O lugar está no centro da vila de Taboada, e chámase "Anduriña". E despois do refectorio, imos á arte: O pazo da foto foi mandado construir no 1413 polos Condes de Taboada, orixinarios da torre-fortaleza de Castro Candaz, en Chantada, destruida polos normandos, e a súa imaxe actual é anterior ó barroquismo galego de principios do XVIII. Ten unha planta en forma de U e un anexo ó mediodía onde está a torre ameada de tres andares. Abaixo do gran pazo, derrámase a aldea, na que destaca outra casa señorial, hoxe deshabitada, con un gran patio interior, xardíns é galería ó Sur, onde naceron algúns meus parentes. Seguindo o camiño entre as casas, que esbara rodeado de castiñeiros, chegamos á igrexa de San Pedro de Bembibre. Fastástico románico.





A portada coas súas decoracións animais e as columnas e capiteis tan historiados destacan na fachada. No muro sur, hai outra portada tan bonita como a principal onde aparece grabado o epígrafe "ERA DE 1219", que se corresponde co ano 1181 do noso calendario. No interior ten pinturas murais do s. XVI e tamén está o sepulcro do nobre D. Xoán Taboada Ribadeneira. As vistas dende o camposanto son fermosas cara as ribeiras.

domingo, 5 de febrero de 2012

Tomamos un café?



Acabo de tomar un café. Un café caseiro, da cafeteira italiana, (nada cool, comparado co da Nespresso), lixeiro e aromático. Unha infusión de café para aquecer o corpo nesta tarde de domingo cincenta.

Dende sempre gustei de compartir cafés; todas as miñas amizades pasaron comigo horas de café en bares, tabernas, cafeterías chic ou enxebres, de vila ou de cidade; de sobremesa ou de máñá, sempre as citas nos cafés; non podería vivir sen ter un café perto da casa. Compartimos un café e un poema de Verlaine?:


Ti cres no ron do café, nos presaxios,
e cres no xogo;
eu non creo máis que nos teus ollos azulados
Ti cres nos contos de fadas, nos días nefastos e nos soños;
eu creo somentes nas túas belas mentiras.

Ti cres nun vago e quimérico Deus , ou nun santo especial,

e, para curar males, nalgunha oración.

Mais eu creo nas horas azuis e rosadas

que ti a mín me procuras

e en voluptuosidades de fermosas noites brancas.
e tan profunda é a miña fe

e tanto es para mín,

que en todo o que eu creo só vivo para ti.

Verlaine


domingo, 22 de enero de 2012

Castro de Viladonga, voltar a Lugo


Non era a primeira vez que ía a Viladonga, pero descubrín algo novo: a lenda da princesiña-troita na fonte do Couto de A, na parroquia de Ramil, en terras de Castro de Rei. Na fonte hai unha troita que está alí dende tempos remotos, (alguén se encargará de repoñela...) e polo visto é unha princesiña moura encantada. Non me extraña que estea encantada, porque o lugar é ben bonito. Estou a falar de Castro de Rei, vila xeitosa, e se non coñecedes a zona, perdédevos e disfrutade da paisaxe do interior de Lugo, que sempre me resultou fascinante.
As fotos de hoxe son do castro de Viladonga; lugar de interese arquelóxica, pois ademáis da propia excavación, o conxunto ten un museo aberto desde o 1983 e reformado no ano 94 no que se expoñen os achádegos de todo tipo, útiles, ferramenta, adobíos para persoas e cabalería, xogos, amuletos, etc., que se foron atopando dende os anos 70. O castro é un asentamento da época tardorromana, (entre os séculos III e V da nosa era), e consta de varias murallas e foxos, xunto con dous antecastros e unha gran coroa central ou acrópole interior, onde están a maioría das construccións descubertas ata agora, articuladas á beira de dous camiños que cruzan o castro de Norte a Sur e de Leste a Oeste e unha rolda interior paralela á muralla principal.
Se vos apetece ir, é sinxelo, dende o km 70 da estrada N-640 de Lugo a Asturias, a 23 kms da cidade lucense.