luns, 20 de decembro de 2010

Bo Nadal a todos


Desde a praza do Obradoiro quero desexarvos a todos unhas felices festas. Disfrutade destes días e pensade en facer felices tamén a quen vos rodea, non deixedes nin un milímetro de espazo no voso corazón á nostalxia dos tempos vividos e seguide adiante no camiño, que vos agardan momentos fermosos que botar na vosa mochila.
Feliz Nadal!

xoves, 9 de decembro de 2010

Castelo de Vimianzo. A pegada da Historia.


O castelo de Vimianzo foi construido a finais do XII e comenzos do XIII, inda que apenas quedan vestixios da primeira construcción. O aspecto actual data do S. XIV. Foi a familia Mariño de Lobeira a que comezou esta obra, que no 1348 confiscou o rei Afonso XI a Roi Soga Mariño de Lobeira para venderlla ó arcebispo de Compostela Xoán García de Manrique.
Cara 1429 pasou a mans dos Moscoso de Altamira, parentes dos Traba; de ahí o escudo coa cabeza de lobo que se atopa no castelo.
Pedro Álvarez de Sotomayor, de quen teremos ocasión de tratar outro día, o famoso "Pedro Madruga", tivo preso nesta fortaleza ó bispo de Tuy, Diego de Muros. Tamén sofreu cativerio no 1465 o arzobispo Alonso de Fonseca II, encarcelado nunha gaiola durante dous anos. O castelo sucumbeu baixo a furia dos Irmandiños no 1467. Será reconstruído por orde deste Fonseca, e finalmente pasa a mans dos Moscoso pola esixencia do Conde de Altamira. Ata o século XVI será Vimianzo o centro xurisdiccional de Camariñas, Laxe, Zas e Muxía.

mércores, 8 de decembro de 2010

Parabéns a todas as Concepcións

Hoxe non é un festivo indiferente; un día de descanso sen máis. Quero felicitar desde aquí a todas as Concepcións, Conchis, Conchitas e Chitinas que seguides o meu blog. Desde a terra ou desde o Ceo, onde estarán sen dúbida algunhas das persoas máis especiais na miña vida. Despois de tantos anos sigo botándovos de menos. Sinto que nunca se encherán esos espazos do meu corazón. Felicidades desde este recuncho sentimental.

martes, 30 de novembro de 2010

Muller con sombreiro en Cee


Cando tiña dez anos regaláronme un sombreiro coma o da foto. É un sombreiro de palla cunha cinta negra, ó estilo do país, que lucín con ilusión vestida como unha labradora nalgúns festivais folklóricos; Despois viñeron os tempos en que pensaba que había moito por cambiar e que en Galicia agromaban os vellos carballos con follas novas. Hoxe, non estou tan segura.

luns, 22 de novembro de 2010

Cee cara a fin do camiño


Fai unha lúa estiven en Cee e aquí vos traio unha foto do plenilunio de outubro que puiden observar mentres paseaba pola beira do mar. O fascinante Oeste galego ten o engado da última fronteira. Máis aló o mar infindo, este océano que nos une ó resto do mundo.

martes, 16 de novembro de 2010

Zas medieval


As Torres do Allo. Esta é a miña proposta de hoxe, para un paseo por un camiño de carballos que remata diante desta construcción de arquitectura renacentista a cal se ergue onde na Idade Media houbo unha fortaleza, destruída no século XV por orde dos Reis Católicos. Está situada no Concello de Zas, na estrada C-552, km 58, antes de chegar a Baio en dirección Fisterra. Construída a comenzos do XVI polo fidalgo Gómez de Rioboo, este dato queda rexistrado no escudo da familia (unha torre con motivos vexetais). Son fermosos os dinteis das xanelas, con arcos apuntados góticos, ademáis do seu aspecto pacego: as dúas torres ós lados, unidas por un corpo principal. Hoxe en día é un museo e un punto de información da Deputación. Fermosos tamén son os hórreos de pedra asentados ó redor.

luns, 8 de novembro de 2010

" Le cimetière marin" Paul Valery


Velaí tedes un fermoso camposanto que fotografiei en Cee. Lembroume un poema de Paul Valery, "Le cimetière marin": transcriboo aquí para que disfrutedes del aqueles que tedes ganas de practicar a lingua diplomática por excelencia.
Deixovos con Valery:
LE CIMETIÈRE MARIN
Ce toit tranquille, où marchant des colombes
entre les pins palpite, entre les tombes;
midi le juste y compose de feux
la mer, la mer, toujours recommencée
o récompense aprés une pensée
qu'un long regard sur le calme des dieux.
(...)
Le vent se léve...il faut tenter de vivre
làir immense ouve et referme mon livre
la vague en poudre ose jaillir des rocs!
envolez-vous; pages tout éblouies!
Rompez, vagues! Rompez d'eaux réjouies
ce toit tranquille où picoraint des focs!

martes, 2 de novembro de 2010

Sinfonía nº 34 de Mozart

Este outono é tempo de música. A música que nos acompaña en cada minuto da nosa vida ten o valor de facernos sentir, medrar cada instante en intensidade; e cando temos a oportunidade de sentarnos nun patio de butacas para disfrutar dunha orquestra sinfónica e dun bo programa, eu podo dicir que merece a pena deixar que o ritmo cardíaco siga a batuta do director. Disfrutade moito da música, namorádevos do clasicismo.

venres, 22 de outubro de 2010

Carballo, na encrucillada


Carballo é a capital da comarca de Bergantiños, e inda que xa somos vellos conocidos, sempre hai un momento para as descobertas, como por exemplo, esta bonita imaxe que vos ofrezo hoxe, e que está no Pazo da Cultura desta vila. Cos últimos arranxos o entorno do río Anllóns, que atravesa o centro do pobo, quedou francamente ben. Un paseo que alegra unha vila á que poucos encantos lle atopaba, igual que a veciña Ordes. Outro tema é a comarca, que sempre me pareceu unha marabilla.



xoves, 21 de outubro de 2010

Outono cara a costa Oeste


Vivimos este outono como unha viaxe personal cara diante, sen mirar atrás e con ilusión; cansa de avatares non azuis, comenzo a pensar no importante que é quererse un pouco máis, ollar con indulxencia o pasado e continuar o camiño seguindo o sol.

luns, 18 de outubro de 2010

Inauguramos unha nova tempada cinexética


Lúa merece hoxe o meu recoñecento pola actuación sobervia que tivo onte, domingo, primeiro día de caza, comportándose coma unha auténtica veterana na busca e parada da orgullosa perdiz. Ahí vos propoño unha imaxe da artista en acción, da que agardamos formidables lances. Saúdos a todos os amantes da natureza e a todos os cazadores bos e xenerosos que non disparan ós tímidos corzos, habitantes intranquilos dos nosos bosques galegos.

xoves, 14 de outubro de 2010

¿quién me ha robado el mes de abril? Sabina en Santiago

Non quería deixar pasar un día máis sen contarvos o último concerto que me roubou o corazón: Sabina en Santiago o sábado pasado foi como revisar os últimos quince anos da miña vida en dúas horas e corenta minutos. Só houbo tres temas do seu último disco "Vinagre e rosas", e a pesar de que o concerto levaba ese título, no Multiusos sentíronse todas as cancións que marcaron a carreira do home do bombín; "soy mucho más tímido de lo que ustedes se creen; me disfrazo para superarlo pero además, me gusta llevar sombrero para quitármelo en ocasiones como esta. Muchas gracias". Joaquín Sabina estivo perfecto. Sen un resquicio de cansazo, malia estar 20 días na cama cunha costela rota, e con moito xeito na interpretación, que sonaba a recén estreada, despois de tantos anos na escea. Pediu disculpas polo malogrado concerto con Serrat por mor da choiva, e agradeceu con sincero xesto a entrega do público. Mentres, eu, na grada VIP, daba boa conta dun gin tonic de Bombay, que me axudou a cantar: "lo nuestro duró...lo que duran dos peces de hielo en un whisky on the rocks..."

xoves, 30 de setembro de 2010

O mundo nunca é suficiente


Durante as festas do Apóstolo 2009, puidemos ver esta curiosa imaxe tomada no Pazo de Fonseca, sede da Universidade compostelana. É tan suxestiva como inédita, e hoxe, revisando o meu arquivo, pensei que esta podía ser a alegoría do que supón en ocasións a nosa vida, tan pesada e complexa, con tanto en que pensar que ás veces parece que todo o peso do mundo estivera enriba dun, como a Terra sobre Atlas. Pero o que non se ve, é precisamente a imaxe positiva que puiden admirar en directo: o mundo era un globo xigante e luminoso que saiu voando na noite máxica de Santiago. Eis como todo é relativo: a carga sobre Fonseca era ficticia. As nosas dificultades son efímeras. Deixemos voar os nosos pensamentos!
(Graciñas a Luz Infinda pola súa aportación gráfica, pola torta de Mondoñedo e por estar sempre ahí, tan cerca).

xoves, 23 de setembro de 2010

"Verxel de Bergantiños e terra da pataca"

Isto é o que di o cartel que da a benvida a Coristanco. Ata esta terra me levou o vento Nordés, que virou a Suroeste o día do San Mateo. Hoxe empezo a normalizar a rutina despois de tanto movemento estival. Agora con prudencia, direi que este é un lugar que "parece" tranquilo, se todo segue como esta semana. Un dato revelador: nunca vin nunha vila tan pequena, tantas patrullas da Garda Civil... Outro día falaremos das patacas...
Quero ter un momento especial para mandar afectuosas apertas á xente da Mariña, que tan ben me tratou, e que estes días está interesándose pola miña singladura e mandándome mostras de cariño e invitacións a regresar.

luns, 13 de setembro de 2010

Leonard Cohen ou a elegancia atemporal


Onte viaxei a Ourense para o ver ó poeta que canta con voz grave e susurrante. Desde as 9.10 da noite ata a 1 da madrugada disfrutei de todo un repertorio clásico, e cada tema ía acompañado dos aplausos dun público entregado dende o primeiro momento: non merecía menos. Eu tiña certo reparo en facerme ilusións con este artista porque os seus setenta e... non llos quita ninguén, pero asegúrovos que non perdeu un ápice do seu bo facer e o seu encanto. Sorprenderon as irmás do coro que no segundo tema e na seriedade da canción fixeron unha acrobacia inesperada, e digoo textualmente.
Leonard Cohen parece que está cantando a soas para cada un dos asistentes. Cando che di "if you want another kind of love,... I'm your man..." É tan íntimo que semella cantar só pra ti. O mítico Suzanne, e todos os seus éxitos, cantados como por primeira vez. El é elegante na voz, nas presentacións ou no modo de quitarse o sombreiro. Xeonllo en terra, entregaba os seus poemas como un gentleman que regalaba o mellor de sí. "First, we take Manhattan, then we take Berlin...". Cando sonaron os primeiros compases do vals "Now in Viena there is ten pretty women, there's a shoulder where dead comes to cry...", regresei ós meus 17 anos, cando por primeira vez descubrin a Cohen, a través desta canción, mentres estudiaba ó Lorca de Poeta en Nueva York.
"Good night, darling".

venres, 10 de setembro de 2010

Clausuramos o verán

Facendo un balance deste verán, quero destacar a cantidade de concertos nos que disfrutei ou me aburrín, pero sen dúbida foron unha experiencia máis que inolvidable: o primeiro e máis impactante: Mark Knopfler; cando os primeiros compases de Sultans of swing empezaron a sonar, tiña a pel de ghaliña. Tiven a sorte de estar sentada e en primeira fila, tan cerca que case lle podía sentir a respiración. Único.
Segundo: concerto de Jean Michel Jarre; ata o cuarto tema, moi ben; no décimo case me da unha volta, ata quixemos abandonar o Obradoiro antes de rematar; non nos deixou a policía, que se non... Menos mal que a noite non acabou tan mal.
Terceiro: Miguel Bosé. Sí, dame igual o que pensen a maioría de machos; ainda que sexa da outra banda, de ilusión tamén se vive. En Noia estivo marabilloso.
Cuarta: Mañá se non hai novidade, veremos a Carlos Núñez e The Chieftains, coa Sinfónica de Galicia; e de gratis. E o domingo, ainda teño a posibilidade de ir a Ourense a ver a Leonard Cohen. Qué planazo non?
Seguindo o meu lema: Carpe Diem

martes, 7 de setembro de 2010

Rianxo (II)

"E cazaremos a vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión"

Con estes versos de Manuel Antonio regreso a Rianxo para comentar algunha sorpresa máis que descubrín desta vila: por exemplo, que na zona do naútico houbo un pequeno campo de concentración para "rojos", ou que o hórreo máis grande do mundo, non é o de Carnota, senon o do Araño, que é a parroquia máis grande do concello rianxeiro. As ruinas do Castelo da Lúa lembran que houbo un tempo de cabaleiros que gardaban desde as torres os segredos dunha terra fértil en ilusións e misterios. As rúas manteñen o engado mariñeiro de sempre, e non poido imaxinar que exista alí outra estación que non sexa o verán.

venres, 3 de setembro de 2010

Rianxo (I)


Entre as viaxes do verán, hai unha especial, pola súa cercanía e o sorprendente descubrimento dunha nova paisaxe. Cando menos o esperas aparece... un color novo no mar, unha luz distinta a todas e un vento salgado que te devolve á vida.
Rianxo deitadiño frente á ría, a mesma ría que lle da a personalidade e que está na raigame do seu nome: Rivi Angulum, (a faculdade ó menos serviume para algo), e un longo paseo mostroume o por qué do topónimo. Ata a desembocadura do río Te cheguei camiñando, conversando e aprendendo que se pode ver bailar o sol desde o castelo da Lúa.

venres, 20 de agosto de 2010

Hoxe todo vai máis lento

Espertei moi cedo e estiven agardando que houbese algún ruído na casa para levantarme e darme unha ducha. Onte disfrutei dunha xornada de praia nas Rías Altas, e moito cotilleo con unhas amigas que xa case facía un ano que non vía. Estiven realmente ben, tranquila e feliz, repasando a miña vida nos últimos dez meses e recoñezo que non me poido queixar, e que non debo perder o meu espírito optimista e ás veces iluso que sempre tiven. Mañá casa outra amiga da infancia, e síntome alegre por ver como se van cumprindo os soños da xente. Eu tamén soño, ainda que o faga esperta. Bó día a todos!

xoves, 19 de agosto de 2010

Amstel e outras imaxes






Na rúa á beira do río Amstel, aprécianse as casas inclinadas das que vos falaba o outro día. A figuriña dos holandeses bicándose puiden vela en todas as tendas e volvín se saber o que representa. Se alguén o sabe que mo conte. Non sei ... Moita inocencia para Amsterdam!

luns, 16 de agosto de 2010

Mil flores en Amsterdam




Navegando polas canles de Amsterdam


Aquí tedes unha típica rúa da capital holandesa. Para unha navegante, non está mal facer un pequeno cruceiro na paz das rúas bordadas de árbores, sen apenas ruído de coches e con moita tranquilidade ás catro da tarde, envolta no sopor da lentitude da lancha.
A cidade está construída sobre troncos de árbores traídas de Dinamarca no século XVII para gañar terreo nesta zona encharcada e plana, regada polo río Amstel. Por iso nalgunhas casas se nota certa inclinación das fachadas, que é debida ó asentamento das construccións ó longo do tempo.


martes, 27 de xullo de 2010

Amsterdam

Tras da pista do Holandés errante, puxemos rumbo ós mares do Norte, chegamos a Amsterdam e perdémonos nos incontables canais desta cidade fascinante pola súa identidade marcadamente europea e a sensación de seguridade que un sinte paseando polas rúas. Amsterdam pode ser destino para os que buscan os "paraísos artificiais" da maría, ou mellor, simplesmente un sorprendente paseo por un urbanismo único e unha forma de vida libre sobre unha bicicleta. Xente nova, e cannabis... todo é fume!

xoves, 15 de xullo de 2010

Arousa Sur


Fantástica semana no Sur galego, en praias con pouca afluencia e un mar azul turquesa, frío, pero ben apetecible. San Vicente, O Grove, a Toxa, sen dúbida, todo un clásico do veraneo en Galicia, pero non por iso desprezable. Recomendamos o restaurante Culler de Pau para os amantes da nouvelle cuisine, en Reboredo, minimalista e con vistas ó mar.

martes, 6 de xullo de 2010

Nordesía


Navegamos con Nordés e chegamos para descansar a praias bergantiñás. Non estaba moi fría a auga; digo isto, porque o habitual é a friaxe nestas latitudes. Razo, Malpica, Barizo, e todas as marabillosas praias da Costa da Morte proporcionan calma, paz e natura salvaxe para o cansado viaxeiro. Moitos saúdos e continuamos a singladura.

mércores, 30 de xuño de 2010

Nunca nos imos para sempre



Non me despido desta costa porque normalmente teño o costume de voltar. Penso que mentres estamos neste mundo sempre existe a ocasión de volverse a ver. De todos os xeitos, marcho contenta de coñecer tanta xente estupenda e de aprender moito da xeografía do país, que sempre é motivo para congratularse. Hoxe o mar está calmo. A travesía promete ser tranquila, e eu seguirei contando cousiñas de outros lugares, novas rotas, novos camiños, pero sempre coa mesma ilusión.

martes, 29 de xuño de 2010

Navegamos cara outros mares




Estos días son de despedida desta costa lucense na que tan bos momentos e tantas paisaxes sorprendentes descubrimos nunha estadía inolvidable. Agora preparámonos para soltar amarras e guiar o noso barco rumbo ó Sur. Seguiremos xuntos.

martes, 22 de xuño de 2010

As gaivotas


As compañeiras inevitables de todo residente costeiro son estas aves non sempre de fiar: sospeitosas sempre de achegarse máis da conta con intencións avesas. O seu nome en latín é "Larus ridibundus", apelativo este referente ó seu característico grallo, que lembra unha risa un pouco maléfica. En todas as linguas indoeuropeas achegadas a nos alúdese a esta acepción: en catalán chámase "gavina riallera", en francés "movette rieuse", en inglés "laughing gull", en alemán "lachmöwe", pero en galego é... "gaivota chorona": será que os galegos resaltamos con frecuencia o negativo? A verdade é que a min tampouco que parece que rían, quizais o fagan amargamente.

luns, 21 de xuño de 2010

Chegou o verán


Hoxe 21 de xuño, podemos dicir que chegou o verán. O sol brilla no ceo e unha brisa do Norte indica que non choverá nos próximos días. a Mariña parece espertar.
A praia de Llas non presentará este aspecto tan solitario esta semana nin nos meses de estío, pero para os que foxen da aglomeración da praia da vila focega, é unha porta máis salvaxe aberta ó mar aberto. Sen dúbida, a miña preferida.

xoves, 17 de xuño de 2010

Filosofía para durmir a sesta


Hoxe empeza a mellorar o tempo, e aínda que as temperaturas non subiron, a tarde foi bastante soleada. Fun ata a Rapadoira a durmir a sesta ó sol tenue que rompía as nubes, e de paso levei un libro para entreterme un pouco: As Confesiones de San Agustín, unha disquisición acerca da natureza do tempo. Confeso que non o rematei de ler. É terriblemente aburrido. A foto que vos mostro é do que hoxe chaman "Porto Chico" e sempre foi Tupide. Os que son de Foz saben que isto era un areal. Agora é un embarcadoiro de lanchas de recreo, que para iates non da. Saúdos desde a Mariña.

martes, 15 de xuño de 2010

Foz está gris, para variar


"Foz es señor de esa luz tenebrosa que al hombre terreno sorprende siempre cuando va a la Marina"... Esta frase non é miña, senon do grande Álvaro Cunqueiro. A verdade é que levo tempo dándolle voltas á luz da Mariña luguesa, tan gris, tan fonda.
Hoxe, despois de tantos días ruíns, seguimos a ter o ceo escuro e o mar tamén está gris plomo.
Resulta chocante ese cartel que desde o alto de Foz recibe ó visitante e parece anunciar un lugar fascinante, no que poden ocorrer trepidantes aventuras, no que sempre é vacacións... Hollyfoz!
A realidade é que ó pé dese cartel está o cemiterio. Sí, o que ledes: o camposanto. Curiosa metáfora da vida! Seica foi un alcalde que tivo esta brillante idea; agora o letreiro ten a z rompida, outra metáfora do xoguete urbanístico que foi esta vila hoxe sembrada de edificios a medio facer que agardan outro boom: o da fin da crise.

xoves, 10 de xuño de 2010

Navegando a Malpica


"Malpica de Bergantiños, o rei te quixo vender... para comprar a Malpica, moitos cartos hai que ter".
Aquí estiven o fin de semana pasado, navegando do porto de Foz ó de Malpica: nunha xornada, dous mares. Malpica é o meu Finisterrae desde sempre. Esta vila mariñeira, en plena Costa da Morte é un istmo entre praia e porto. A praia de Area Maior soe estar ateigada de xente nas fins de semana estivais, pero a outra tarde "estabamos sós, o mar, o barco e máis nos". É unha vila valente, que desafía ó Atlántico desde a Atalaia, a pesar de que nos últimos tempos, parece que chegou a decadencia á súa actividade portuaria, a pesares dos fortes investimentos realizados. Contábanos un mariñeiro que se foron indo os barcos para A Coruña, e que xa só van quedando os máis pequenos. Non poido evitar recoñecer que teño debilidade por Malpica, pois foron moitos veráns de pasar polas súas rúas estreitas en chancletas, comendo un xeado e subindo a buscar unha empanada de pulpo á panadería Forno Novo.
Encontro un pouco cambiada a paisaxe: algúns edificios novos, algunha casa menos; falta A Roda, pero segue O Cornecho, e algunha variante máis hosteleira: o Isidoro xa non se chama así, pero o Burato segue no mesmo calexón sobre o porto. Hai un monumento xunto ó bar O Pescador que representa unha balea de bronce, e está adicada ós lobos de mar de Malpica, que nos tempos pasados surcaban os mares en barcos baleeiros. Nos tempos pasados... toda unha metáfora do que é hoxe a pesca en Galicia.

luns, 7 de xuño de 2010

Felicidades Lúa!


Hoxe cumpre un ano a miña Lúa. Este aniversario ven acompañado dunha xornada de entrenamento con codornices na que a cadeliña non fallou unha. Estamos sorprendidos coa capacidade olfativa e o instinto que ela ten. Asombrosa demostración de habilidade coa que esperamos seguir disfrutando na tempada cinexética deste outubro.
A pequecha ten un pedigree excelente, pois é neta de Radentis España, nada menos que o campión internacional de traballo, campión trialer/ internacional de gran busca e campión de caza práctica. Por outra banda é descendente de Líder de Playabarri, outro campión, e por liña materna, da casa de Bosende. Como se di en Galicia, "só lle falta falar", porque ben é certo que comprende todas as ordes, busca, porta e para como os grandes. Na foto podedes apreciar que é blue belton con pintas marróns ( Belton é o nome especial utilizado para descreber o moteado característico do pelaxe do setter inglés. Belton é unha vila de Northumberland. Esta denominación foi creada por Edward Laverack, criador influinte no aspecto actual da raza). Espero que siga con nós moitos anos, é unha máis da familia!
http://www.club-caza.com/

venres, 4 de xuño de 2010

"Todo pertence a quen sabe disfrutalo"

Con esta afirmación de A. Gide, quero animar a todos os que ledes estas pobres páxinas a disfrutar das pequenas viaxes. Cada espazo ten o seu encanto, e se sabedes mirar con asombro, sempre poderedes disfrutar de calquer lugar no que vos atopedes. Esta que escribe, sempre está in itinere, e anda aprendendo a vivir con entusiasmo en cada recuncho que vai coñecendo. Non desaproveites nin un paseo de media hora para descubrir algo novo nas vosas pasadas, ainda que só sexa o seu son.

xoves, 3 de xuño de 2010

Castropol, o encanto decadente



Xa hai días que fun a Castropol, vila asturiana sita xusto enfrente de Ribadeo, que toda ela parece un mirador sobre a ría. Hai tempo que tiña anceios de ir cando tomando o té no Parador de Ribadeo ollaba ese promontorio poboado de tellados no que destacaba o afilado campanario dunha igrexa que me lembrou a Santa María de Tyn, en Praga. A panorámica era, cando menos, pintoresca, e a visita a Castropol non me decepcionou. Rúas e balcóns descolgados sobre o Eo, ademáis de moitas casas señoriais dos séculos XVII e XVIII que durmen o soño dos esquecidos. Polas rúas empinadas conseguin aparcar onde o consultorio médico, e dalí camiñei ata a casa consistorial, que segundo rezaba unha placa, foi un lugar emblemático na loita contra os franceses, ademáis de ser confirmada segunda capital do Principado.
A vila ten un aire indiano, como non podía ser menos, pois a emigración sobre todo a Arxentina e Cuba, deixou fonda pegada. Un monumento a Fernando Villamil, importante mariño que morreu na guerra de Cuba, preside o parque decimonónico onde está o Casino, de estilo modernista e aire decadente. A estatua, feita por suscrición popular é de bronce; ten a efixie do heroi, e tras del, unha figura feminina representa a "patria". Qué terrible fracaso o do 98! sempre os mesmos malos gobernos sobre bos súditos! Cántos mártires da nada houbo e haberá sempre neste país ós que nunca se lles ha de adicar un monumento!
E seguindo por Castropol, descubriredes o pazo dos marqueses de Santa Cruz, o das Catro torres, ou Villarosita, unha casona con torre e orixe no XVI. Marabilloso paseo polo século XIX.

martes, 1 de xuño de 2010

Penélope


Hoxe o día segue igual de anubrado que onte, as néboas non teñen presa por marchar de Foz, e eu pasarei o día entre Burela e Ribadeo, comendo con amigas e indo de compras. Aparte dos meus plans, quero compartillar con vós este poema fantástico de Xohana Torres, que lin onte:

PENÉLOPE:

DECLARA o oráculo:
"Que á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima
QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten
QUE un sumario de xerfa polos cons"

Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A qué tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR."


luns, 31 de maio de 2010

Ferreira do Valadouro


Ferreira e Alfoz distan 3 kms, por iso nun mesmo paseo visitei as dúas vilas. De Alfoz xa vos teño falado, pero Ferreira chamoume a atención por ser un pobo urbanisticamente máis concentrado e con sabor antigo, un pouco finisecular, con edificios de pedra, balcóns e galerías que falan dun pasado florecente e dun "presente histórico". O río Ouro percorre a vila, aínda pequeno, antes de baixar cara Alfoz. A tarde presentábase tranquila: Dúas monxiñas con un radiocedé baixaron dun coche para entrar nun convento-residencia; un can palleirán quedouse mirando ó pasar pola beirarrúa, e un silencio absoluto, de pobo de interior en día domingo, era a tónica desta visita. E falando de tónica, fun tomar unha á terraza do hotel Vila do Val, que está na prazaonde se fai a feira, e é un edificio restaurado que ocupa tres fachadas: antigo por diante e de deseño moderno pola parte traseira, onde está a terraza que da ó río, no que vin tres troitas pequeniñas, quedas na corrente, sobre o dourado fondo do Ouro. Gustoume o hotel pola súa decoración cun aire sinxelo e señorial a un tempo, e a súa colección de porcelana de Sargadelos antiga que mostran na recepción. Moi agradable, e como se di agora: "con encanto". Noutra ocasión que estiven en Ferreira fun a unha viñoteca chamada Asturias, que me gustou moito, moderna, e cunha variedade máis que aceptable de Riojas. Enfrente hai unha confitaría que se cansa de vender roscóns. Esto coméntoo por se hai algún larpeiro entre vos.
Noutra orde de cousas, Ferreira é unha zona de asentamento castrexo, destacando o Castro d'Ouro, Santa Cilla ou Santa Cruz. Hoxe en día esos lugares repoboáronse, e a pedra das construccións foi reutilizada, perdéndose moitos vestixios, inda que nalgún deles, como o de Santa Cruz, foron atopadas moedas romanas, cerámica e outros restos que confirman a existencia de romanización no Valadouro. Na Idade Media, a comarca estivo ligada ó mítico Mariscal Pardo de Cela, e xa na etapa moderna, destaca a importancia comercial deste lugar, no que se asentaron comerciantes maragatos e mercaderes de Castela, sendo un foco importante para a economía da zona, potenciada polos emigrantes cubanos que invertiron na mellora da vila.
Unha última curiosidade: en 1894, a raíña rexente María Cristina, otorgoulle o título de "villa".
Este enlace móstravos a etapa indiana da vila:
http://elvalledeoro.blogspot.com/2007_08_01_archive.html

xoves, 27 de maio de 2010

Mondoñedo é arte


Mondoñedo outra vez


Ó final estiven en Mondoñedo onte, e volvín a pasear polas rúas ata a catedral. A praza estaba ateigada de coches, e entrei no edificio para recordar as fermosas pinturas da parte do coro e o rosetón multicolor. Estaban rezando o rosario e ó rematar comenzaba a misa, por iso decidín rodear a xirola e sair do templo para tomar algo nunha terraza cos meus amigos, xa que un cartaz indicaba que durante as misas, non se permitía a visita turística. Chamoume a atención que por tres veces me saudaron uns xubilados e funme sorrindo porque creo que me confundían con algúen. Despois tomamos un viño contando historias e regresei a Foz pensando en que a amistade é un bálsamo para os momentos nublados. Grazas a todos os amigos que estades ahí e facedes que sempre saia o sol.

mércores, 26 de maio de 2010

Cerca de Celeiro, a praia de Esteiro


A praia de Esteiro é paradisíca: salvaxe, solitaria e con unha auga limpa e azul. Queda cerca de Celeiro, pero indo da Punta Roncadoira cara Viveiro. Ten mesas para comer pero fáltalle sombra. De todos modos, a temperatura actual permite estar ó sol, non sei no medio do verán. O outro día había unha parella surfista e toda a praia para nos. Repaso estas fotos da semana pasada para alegrarme o día, mentres penso na sesta que botarei esta tarde gris. Despois igual vou a Mondoñedo, a pasar o resto da tarde e a pensar nas miñas cousas, como di María a coruñesa "onde nunca pasa o tempo". Xa vos contarei mañá.

martes, 25 de maio de 2010

De San Cibrao a Burela: a Rueta e a Marosa


Cóntovos que a semana pasada estiven recorrendo a costa entre San Cibrao e Burela pola estrada antiga, a que vai pegada ó mar, e descubrín un recuncho na desembocadura do río Xunco que lle chaman a praia Rueta e que está moi oculta da vista porque hai que baixar andando 50m. por un camiño asfaltado ata a area. É unha praia moi recollida que apenas ten oleaxe, porque o mar entra calmo nunha pequena bahía. Chamoume a atención que haxa duchas, unha fonte e uns bancos en semellante miniatura de praia, o que considero nestes tempos un derroche económico inútil e degradante desta paisaxe que apenas acolle unha ducia de persoas. A seguinte praia é a Marosa, praia colonizada polos de Burela, moi bonita e limpa, pero co feísmo dun cutre-estadio de fútbol ó seu carón. A praia ten un aparcadoiro e están facendo obras. Non quero nin saber para qué.

Esperando na ventá un soño de verán


Cando xa parecía que por fin se alonxaran os nebulosos días do inverno e o sol triunfante chegara como un veraneante máis, a tardiña chuviosa de onte e esta mañá fresca con charcos no chan, voltan a traer o repouso dos días invernais. Agardo a primavera detrás dunha fiestra. En palabras de Silvio Rodríguez: "como esperando abril".
Sempre me gustaron as rosas amarelas, a pesar da súa simboloxía negativa. Hoxe estou tan poética! Será que non durmín en toda a noite por mor dos pesadelos! Algún me dirá que non teño a conciencia tranquila...

luns, 24 de maio de 2010

A bahía de Ha-Long galega


Viveiro (a 40 kms de Foz) lémbrame o encanto das vilas coruñesas como Betanzos, das galerías da Marina da Coruña, Ferrol Vello, e a paisaxe das Rías Altas. Tres visitas lle fixen neste tempo que levo polo Norte lucense e sempre descubro algo novo que me encanta. A xente, arregladiña como na Coru, a pasear polas rúas de pedra. As tendas, ideais para quitarse o "mono" de compras que empezaba a padecer en Foz, e a temperatura moi agradabe ó atardecer. A Semana Santa chama a atención, (moi andaluza), pero disfrutei moito máis da vila nestes últimos días. Recomendo os bombóns da confitería Vale, (sobre todo os de chocolate e améndoa, que lembran á pedras de Santiago) sita intramuros, ó lado do arco da muralla Oeste, adicado a Carlos V por ter redimido á vila de impostos despois dun grande incendio.
Recorrín a praia de Covas e o grupo de pequenas illas lembroume a bahía de Ha-Long vietnamita, en miniatura. A foto adícolla a todos os Pacos que conocín na miña vida, sempre bos homes.

venres, 21 de maio de 2010

Os días de primavera dan para moito



Dende Foz e con un bocata saimos na procura das últimas fronteiras septentrionais galegas e alá chegamos ó faro da punta Roncadoira. Qué inmensidade! qué sensación de liberdade e qué vento! A costa é diferente á focega, máis granítica, lembra os riscos da costa atlántica. Antes de subir ó faro pasamos por Portocelo, un portiño encantador, ó que entra o mar despois de pasar unha garganta de pedra, cunha pequena praia ó fondo, e unhas augas azul turquesa que invitaban ó baño. As fotos teñen un efecto "azul Avatar" que non foi intencionado, pero tampouco queda tan mal.
Despois de comer nunha praia na que só había dous surfeir@s, subir a un monte que domina a ría de Viveiro e baixar por Celeiro, aínda me quedaron ganas de baixar á praia en Foz (do libro de Nietzsche nin falamos).