xoves, 21 de maio de 2015

María do Carme Kruckenberg na memoria


  Admiro a poesía de María do Carme Kruckenberg dende hai tempo. Admiraba a súa imaxe de muller resolta e de mundo, que superaba a imaxe da poeta etérea e espiritual a que estamos acostumados. Muller de carácter, viaxeira impenitente alén mar,  parecía imposible imaxinar que por ela pasaba o tempo; a súa contemporaneidade era para min a proba de que existen persoas con selo de modernidade permanente. Esa que nunca pasa de moda. A poesía de María do Carme, fascinante, natural, sen forzar imaxes, provoca no lector a inmediata anagnórise que supón recoñecerse no sentir, pero tamén na palabra directa que acerta de pleno no pensamento. Dende a crítica social, de A sombra ergueita, ata a máis intimista de Poemas sen resposta, a autora bate no esencial. Remexe na nosa conciencia coa mesma claridade que a luz da mañá. Con versos que, disfrazados de sinxeleza, agochan un conceptismo latente. Profundos pensamentos que quedan esvaecidos detrás das liñas.
                                       
                                            "Dóenme os cravos do tempo
                                             día e noite
                                             porque xa me inventaches,
                                             e a min crávanseme
                                             esas horas que se perden
                                             cando non te sinto"

  Amiga da elite intelectual da xeración do 27, de artistas varios, como Buero Vallejo ou Carlos Barral, devoradora de paisaxes dende a Arxentina ao Caurel de Novoneyra, amante da liberdade como eixo vital, e escritora vocacional, na década dos 80, a autora reinvéntase, "inventa o amor e a vida para non morrer", e recupera a herdanza da lírica medieval galega en obras como Cantigas para un tempo esquecido.

 Desa obra escollín este fragmento para que disfrutedes dos versos desta muller libérrima:

                                                   MEU amor, meu amante, meu amigo
                                                   Quero compartir contigo o feitizo
                                                   e tremelar polas follas verdecidas
                                                   da túa mirada no río.

 E do medievo pasando por diferentes etapas, María do Carme Kruckenberg, achegounos ata o século XX, ao mundo do Jazz, en poemas adicados a grandes músicos como "Louis Amstrong na invisibilidade da noite"; esta muller incríbel percorreu temáticas, tempos e tendencias para non deixar impasible ao lector.
 E percorrendo todo o mundo de cando en vez voltaba a Galicia, ao seu Vigo natal, para retomar forzar e voar. Así queda patente o seu amor á Terra, en versos de permanencia sentida coma esta declaración,
     "Todo o meu ser está ligado á Terra, / sábeme a Terra todo na memoria, /
         Terra o camiño,  Terra a miña historia, / Terra esta voz que no deserto berra."

     Foise un día de maio. Na primavera galega.
                             
    "Amo a vida a morrer". Así permanece na nosa memoria.


 (Recomendo a biografía elaborada por Mercedes Queixas Zas, intitulada Vivir, unha aventura irrepetíbel, coa que me sorprendín e disfrutei coñecendo máis fondamente a María do Carme Kruckenberg).