martes, 21 de outubro de 2014

Edipo en Mérida


 Este verán por fin puiden disfrutar do festival de teatro clásico de Mérida. Foi unha noite morna, cunha brisa tépeda, e no espazo escénico unhas inquedantes máscaras agardaban ós centos de espectadores que se ían asentando no anfiteatro. A impresión de trasladarse na historia aos tempos de Augusto podía percebirse  percorrendo os túneles de acceso ó graderío, onde a iluminación semellaba fachos ardendo, e o rumor dos expectantes furaba na semioscuridade. Perdín a noción do tempo e deixei que a obra me absorbera completamente.
 Os mesmos conflitos do ser humano tantos centos de anos despois, seguen a ser os mesmos. Edipo vai a enfrentarse ó seu destino, e a sí mesmo. Na obra comprendín que a anagnórise que se produce no protagonista, é a mesma que nalgún momento da vida se pode producir en nós. Cando se toma de conciencia de un mesmo, ás veces acontece unha revolución.
  Desta experiencia compartida xurdiu unha reflexión. Vivimos entre un certo determinismo estoico, e un epicureísmo mal entendido. O Fatum, lei cósmica na que todo está determinado polo destino, pon en dúbida a existencia da liberdade, e do libre albedrío. Edipo non é quen de fuxir do seu destino tráxico, e sen sabelo, está dando cumprimento en cada paso que da cara o seu malfado.
 O destino segue a ser un tema de discusión actual. Preguntade quen cree no destino e sempre haberá dúas opinións. Eu concordo con Epicuro na súa mistura de hedonismo e ascetismo e tomo nota dos seus remedios para sobrelevar esta vida: Prescindir do temor a Deus, prescindir do temor á morte, pois non estaremos alí para vivila nin poderemos chorar por nós; e considerar que o único temor fundado é o medo á dor.
 Cando Edipo, envolto na súa extrema desesperación arrinca os ollos para vivir nas tebras, está renunciando ó suicidio, ainda sentíndose indigno da súa existencia. Cando o sangue corría polas meixelas do heroi, eu sentín unha fonda compaixón, e comprendín que os homes e mulleres do século XXI podemos vibrar coas mesmas emocións que os antergos, coas bágoas correndo no aplauso final.