xoves, 7 de xuño de 2012

O Camiño Inglés pola freguesía de Poulo.



Ollade as imaxes e descubriredes un escudo, unha inscrición e a casa na que se atopa este pequeno tesouro histórico. Estamos na parroquia de San Xiao de Poulo, no Concello de Ordes, pero denantes do século XVIII, este lugar tivo máis importancia estratéxica que a vila actual que da nome ó concello (Sancta María Ordinis). A esta aldea chámaselle a "Calle Real de Poulo", e como o seu nome indica, foi o paso escollido por numerosos viaxeiros europeus (incluidos monarcas) que facían a travesía marítima para peregrinar a Compostela. Está no Camiño Inglés, e esta casa, pertenceu ós meus bisavós; estaba á beira da casa principal e habitada por caseiros, logo, durante anos, foi utilizada como corte para o gado, e unha parte como tulla. Así, coa entrada chea de estrume, lembro eu a casoupa nos meus anos infantís, cando algunha tarde de outono ía con meus pais coller os marmelos e as mazás no pomar da horta; aquela horta na que estaban os cobos das abellas e que non volvín ver nos últimos quince anos.
A horta da Casa do Escribano. Un vello cantar na aldea dicía en ton xocoso: "dónde se crían los repollos castellanos? En la Calle de Poulo, en la huerta del Escribano", así era coñecida a casa grande que estaba a rentes da outra, camiño de por medio.
Pois nesta casiña da foto pernoctou o gran Austria Felipe II, na súa viaxe de 1554, e así o di a pedra sita á esquerda da porta: EN STA CASA POSO EL REI D PHELIPE II AZS DE ANNO DE 1554. Existe a versión que relata a saída do rei dende o porto da Coruña, para casar con María Estuardo e a conseguinte parada neste lugar.
Xusto sobre o dintel aparece o escudo que serviu de modelo ó do concello ordense. Nel vese un castelo con torre sobreposta e tres flores de lis. Ademáis vai timbrado con coroa real. Parece ser que o castelo e as tres flores de lis aludiría ós Araújo, (segundo algúns heraldistas, lles foron concedidas cando o conde Rodrigo Veloso casou coa condesa de Alambert, de sangue real francesa). Meu bisavó foi un indiano que fixo fortuna coa cana de zucre en Porto Rico, así que algo me fai supor que estas propiedades pasaron ás súas mans non por rancio abolengo... lástima de glamour!
Síntome pouleira por parte de avoa paterna, e iso marca!