venres, 25 de novembro de 2011

O outono na fraga



Son moitos os camiños que andamos a descubrir nesta andanza por terras de Valdeorras. Nas estribacións da Serra da Enciña da Lastra paseamos nunha tarde fría á procura das últimas castañas e dalgunha seta, máis polo pracer de pisar a alfombra de follas que pola colleita. Esta zona montañosa ten unha fauna fascinante (aguia real, falcón peregrino, e outras aves rapaces, ademáis de colonias de morcegos nas covas agochadas que aquí chaman "palas"). É un paraíso para naturalistas e para amantes da paisaxe coma nós.

martes, 15 de novembro de 2011

Montefurado. Unha de romanos


Montefurado é o vestixio doutra explotación mineira romana. Xa que vos levei ás Médulas, agora non podía deixar o roteiro sen vos ensinar outro recuncho SPQR da época de Traxano.
A febre do ouro nas terras de Auria, aló polo século II, trouxo unha nova forma de extracción: construir canalizacións para desviar o curso dos ríos. Unha vez enxoito o leito, extraíase o ouro da area depositada lavando o lodo; foi o caso do río Sil en Montefurado, concello de Quiroga, xa perto do límite coa Rúa. O túnel da Boca do Monte ten uns 52 metros de longo por 12 de profundidade, tras o seu derrubamento coa riada do 1934, pero na súa orixe chegaba aos 120 metros, e ten unha altura media de 17 metros. No curuto dese monte existiu unha fortaleza, o castelo da Pena do corvo, que aparece nalgúns grabados de mediados do século XIX, e puido ser unha soa torre de vixiancia. A cor turquesa do Sil, e a luz da tardiña filtrándose a través do túnel, dan como resultado a visión dunha auga esmeralda que emociona.
 Confirmo a miña admiración polos enxeñeiros e a miña compaixón polos escravos que tiveron a desgraza de nacer nese tempo e polos que están a nacer agora.

venres, 11 de novembro de 2011

As Médulas: a paisaxe con maiúscula




Non terei que facer moitos comentarios da foto de hoxe. Sen dúbida a visión desta dourada montaña deixa pampo a calquera. Subín tres veces na miña vida. A última foi a máis custosa porque subir a pé nunha das últimas tardes de calor de outubro, deixoume esgotada. Pagou a pena. De novo aspirei o aire máis fresco do cumio e permanecín queda no mirador ata que a imaxe quedou fixa na miña memoria.

Os meus coñecidos saben que sempre andiven fascinada cos romanos. Como dixo Borges, todos os occidentais somos uns romanos no desterro. Estou segura de que, de ter nacido nunha tribo galaica, poñamos por caso "Supertamarci", cando chegaran os invasores, eu era das primeiras en cambiar de bando! Pois outra vez voltei a ler cómo os invasores desfixeran a montaña na busca do ouro. O proceso: conducir a auga con canles durante kilómetros, embalsala e cavar túneis e galerías baleirando o monte. Logo abrir as presas (piscinae) e deixar que a auga rachara o ventre da montaña con forza titánica. É o que chamaban "ruina montium". Plinio, nos seus escritos, afirmaba que o ruido era estarrecedor; unha bomba no val berciano. Moveron máis de 240 millóns de metros cúbicos de terra.
Abandonaron o xacemento cando no século III o aurífero deixa de ser rendible. O tempo foi o encarregado de deixarnos esta paisaxe terrosa, acesa en ocres, a favorita dalgúns amigos meus, e no top ten da que suscribe.