martes, 24 de decembro de 2013

Tras Fonte do Briso


 Escribo nunha noite crúa de invernía, escoitando a choiva a pegar nas tellas en refachos que estarrecen. O vento asubía e a lámpada afrouxa a tenue luz, quizais algún poste caia co vento e quede ás escuras. Estou no campo, como é de supoñer, xa que, na cidade, a tempestade esvaece nas luces de cores dos carteis, anuncios ou farolas perdendo parte do seu poder medoñento.
 Quería falar nesta véspera de Nadal dun lugar que poucos coñecen e onde foron a parar os soños da nenez dun home forte e lanzal, que polas noites loita contra as pantasmas dos días pasados e polo día sorrí soñando con voltar ós verdes prados da inocencia.  En Tras Fonte do Briso durmen os anceios de liberdade, os recordos dun tempo mellor, onde a felicidade era trizar herbas sorbendo a dozura da savia e os sabores regalados pola Natureza. A felicidade era correr polo campo e ollar nas noites de verán as estrelas fuxidías pedindo desexos que sempre se cumprían. Tras Fonte do Briso é a Arcadia onde queremos regresar os desterrados da natura que, sen nos dar de conta, acabamos pisando a diario as baldosas e o asfalto, e os que, cando vemos agromar unhas herbiñas na xunta de dous bloques de cemento, unha certa emoción nos percorre dicindo "velaí a forza da natureza!".
 En Tras Fonte do Briso, esta noite o temporal brúa chamando polos tempos. Saloucando polos nenos que xa non irán xogar na herba sempre verde da infancia. A Tras Fonte do Briso chegarán outra vez os soños dun home que na súa grandeza fermosa acariña algunhas noites os meus.