mércores, 31 de agosto de 2011

Navegacruz na Lanzada


Moito navegamos pola Lanzada, San Vicente, O Grove... A Lanzada é a praia lendaria por excelencia para os galegos, lugar de reunión das meigas no San Xoán; a das milagreiras ondas que preñan, a de auga conxelada que corta os pés ós friorentos. Quén non foi á Lanzada? Esta fin de semana celebrábase a Nosa Señora, na capela senlleira sobre a que caían luminarias de cor na noite. Navegacruz ten a ollada posta no mar inda que estea terra adentro. Este verán non ía ser distinto. Esta foto é do mes de xuño, pero antonte inda estiven frente á illa de Ons, deitada na area da Pragueira despedindo o mes de agosto e mentalizándome para o regreso á rutina. Adicamos ó mar o fermoso poema de Manuel Antonio:

LIED OHNE WÖRTE

...Aboya un esbardar de marusías
tentando os ceos sin atopar a Lua
...Pero a Lua esta noite
desertou d'os almanaques
...Murcha antre duas follas
...............-violedas pensamentos-
d'o manual póstumo
...............-outono madrigaes-
que versifiquei eu

...Mansas vagas unánimes
reorgaizan-se detrás d?o vento
...Cando pase a rafega derradeira
dirá-nos adeus
c'o pano branco d'o gaf-tope

...Alude a un fracaso
de follas amarelas
...e renov-ase a surrisa d'os mastros
...sempre c'as ponlas novas e xoviaes

...Noiva miña
..................vestida de lua
...que romantizas
........................tan cursi!
....................................pol-o xardín

...Sentei-me a proa

fumando a miña pipa
...Pero outra noite pensarei en tí.



luns, 22 de agosto de 2011

Carboeiro ollando o Deza


Este verán foi, en canto a viaxes, o que eu chamo, un itinerario de "clásicos renovados". Non fixen senón darlle outra voltiña a lugares que xa coñezo dende hai moitos anos e ós que tiña ganas de voltar. Repasarei con vos algún deles, como a visita a Carboeiro. Para os que non fostes, direivos que é de preguiceiros non achegarse a este recanto sobre o río Deza, aló polas terras de Silleda. Máis alá da Semana Verde, hai verdadeiros reclamos turísticos que permanecen no tempo mil anos agardando por vós.
O mosteiro de Carboeiro está agora restaurado e pódese visitar por dentro a igrexa. Un home idoso, moi simpático que está na entrada foi quen me explicou que, voluntariamente está de garda no edificio xa que non hai fondos no concello para pagar visitas guiadas. Ofreceume unha lanterna para baixar ó soto pola escadiña de caracol das torres, e deume un folleto que percorre a historia do mosteiro e que foi publicado no Heraldo Gallego de Ourense, o 20 de marzo de 1879. Conta que o cenobio foi fundado a principios do século X onde xa había unha ermida propiedade dun señor chamado Egica, que lla vendeu ós condes Don Gonzalo e Dona Tareixa, cara o ano 939. Á morte do conde, seguiu co proxecto a súa muller, que escolleu como abade ó presbítero Félix e suplicoulle ó bispo D. Hero de Lugo que viñera consagrar a igrexa do convento. Acudiu tamén San Rosendo, que estaba en Celanova, e colocaron no altar as reliquias de San Lourenzo, San Hipólito, San Paio, San Xoán Bautista e Evanxelista entre outros santos e mártires. Despois dunha etapa brillante e opulenta, chegaron malos tempos para a abadía; os Reis Católicos determinaron reformar as ordes relixiosas benedictinas pola corrupción existente, e en 1500, pasou San Lourenzo de Carboeiro a ser un anexo do poderoso San Martiño Pinario de Compostela. No templo venerábase unha espiña da coroa de Cristo que foi roubada en tempos ben pretéritos. Hai unha inscrición que indica a fundación do lugar na era de1209, o primeiro de xullo. Velaí:
"E:I CC :VIII:
+ HIIS : HOC TEMPLUM : FUNDAVIT
ABB : FERNANDVS : CVM SVORUM :
CATERVA MONACORUM"

Por certo, fixádevos na última foto, a min faime lembrar o cadro do post anterior,
e a vós?

mércores, 3 de agosto de 2011

O encontro na escaleira


Esta pintura de Frederic William Burton, romántica do século XIX, da que teño unha copia no meu cuarto, lembra a lenda de amor clandestino que tivo Helellil, a filla dun noble de alta alcurnia co seu gardaespaldas, Lord Hildebrand, home forte e destro no exercicio das armas, que tivo que enfrontarse á ira do pai da doncela descubertos os amores. O infeliz proxenitor pediu ós seus sete fillos varóns que mataran ó soldado, cando el mesmo foi abatido, máis o cabaleiro, imbatible, conseguiu acabar coa vida de seis dos seus verdugos. Cando se lle presentou diante o irmán pequeno, case adolescente, a dama pediulle piedade para o cativo. El accedeu á petición, pero o rapaz non podendo rematar co cabaleiro, matou á bela doncela. Hay outra versión na que o cabaleiro morre e ela suicídase, pero ésta gustoume máis.

They stood at the door with spear and shield:
‘Up Lord Hildebrand! out and yield!’
He kissed me then mine eyes above:-
‘Say never my name, thou darling love’
Out of the door Lord Hildebrand sprang;
Around his head the sword he swang.

Ai! os amores segredos... fonte lírica inagotable! amores que de verdade interesan ós artistas pola forza das paixóns, agochado lume que arrasa o mundo cada noite.
Grazas por contarme estas historias, que tanto me gustan.
E grazas de novo a todos os que embarcades comigo no Navegacruz cando vos apetece e vos da a gana, para dar unha voltiña por este mar non proceloso...