domingo, 25 de marzo de 2012

Dies irae


Estes días, e dende os Idus de marzo, ben sexa porque é o mes de Marte, ben sexa porque unha tamén se cansa de aturar, de ler nos xornais a palabra "crise" na boca da indesexable clase política, amén de certa necesidade combativa que levo dentro, o caso é que estou contestaria. O corpo pide rebelión, e a realidade circundante precisa dunha sacudida que faga reaccionar este noso mundo que xa non pode crer en nada. Os ladróns, os corruptos, as reformas laborais, a voracidade da economía neoliberal e o teito de cristal que se impón á muller. Sumo e sigo: a nova lei do aborto, feita por homes que non deixan decidir á muller sobre o seu propio corpo; a fenda entre clases sociais que medra día a día... Resúltame fácil enlearme en discusións e ata me sinto muller en conciencia. Por todas as mulleres que loitaron contra a invisibilidade feminina, hoxe digo "basta!" Eu non quero un mundo así.

domingo, 11 de marzo de 2012

Fin de semana na Toxa



Con este tempo tan agradable, non estaba de máis facer unha escapada a paraísos cercanos. A Toxa, co seu tempo parado baixo o sol de inverno, foi o escenario dunha fin de semana tranquila, mirando o mar quedo dende a piscina do talaso; relaxada e feliz, allea a todo o rebumbio da semana anterior, non tiven máis preocupacións que a de vestirme para ir ó casino, tan decadente, e pasear polos vellos xardíns do Gran Hotel e polo museu dos xabóns e sales de "La Toja", revisando fotos antigas e lembrando a lenda da orixe do balneario, aquela do burriño que o crego abandona na illa por estar sarnoso, e enfermo, e que atopa meses despois totalmente curado por se andar deitando nas arxilas da illa. Teño que dicir que na miña casa nunca faltou a pastilla de Magno, que segue sendo un dos meus olores favoritos.

domingo, 4 de marzo de 2012

O antroido carnal e colorido


Non vou falar das orixes desta festa, nin das tradicións de todos sabidas; quero facer unha chamada á loucura, á risa, á sátira viva que nos recorre nestas datas nas que o mundo se divide en dous: os disfrazados e os que van de paisano. Os que non soportades a máscara e sodes espectadores da befa e do absurdo reflexo dunha realidade desfigurada e esperpéntica, asistides excluidos á unha catarse que se produce no exército dos enmascarados. A transformación leva consigo a ocultación da dor e a procura dunha vida nova, efémera curación que expulsa os demos do espírito e que calma as conciencias cando ó remate da festa, se quitan as caretas, a roupa luxada e repousamos o cansazo para espertar mércores de cinza a unha primavera cercana; a vida volve con forza.
As fotos que vedes son do martes de antroido en Verín, onde cunha perruca azul e unha boa de prumas, agarrei a cámara para pillar na carreira ós cigarróns. Confirmei que isto ten futuro.