domingo, 22 de xaneiro de 2012

Castro de Viladonga, voltar a Lugo


Non era a primeira vez que ía a Viladonga, pero descubrín algo novo: a lenda da princesiña-troita na fonte do Couto de A, na parroquia de Ramil, en terras de Castro de Rei. Na fonte hai unha troita que está alí dende tempos remotos, (alguén se encargará de repoñela...) e polo visto é unha princesiña moura encantada. Non me extraña que estea encantada, porque o lugar é ben bonito. Estou a falar de Castro de Rei, vila xeitosa, e se non coñecedes a zona, perdédevos e disfrutade da paisaxe do interior de Lugo, que sempre me resultou fascinante.
As fotos de hoxe son do castro de Viladonga; lugar de interese arquelóxica, pois ademáis da propia excavación, o conxunto ten un museo aberto desde o 1983 e reformado no ano 94 no que se expoñen os achádegos de todo tipo, útiles, ferramenta, adobíos para persoas e cabalería, xogos, amuletos, etc., que se foron atopando dende os anos 70. O castro é un asentamento da época tardorromana, (entre os séculos III e V da nosa era), e consta de varias murallas e foxos, xunto con dous antecastros e unha gran coroa central ou acrópole interior, onde están a maioría das construccións descubertas ata agora, articuladas á beira de dous camiños que cruzan o castro de Norte a Sur e de Leste a Oeste e unha rolda interior paralela á muralla principal.
Se vos apetece ir, é sinxelo, dende o km 70 da estrada N-640 de Lugo a Asturias, a 23 kms da cidade lucense.

xoves, 19 de xaneiro de 2012

Para os amig@s


Non será esta a foto máis fermosa do blogue, pero é unha das máis queridas para min. Esta é a miña homenaxe ós amigos que compartiron comigo o tempo, as risas e o traballo. Vós que fixestes de irmáns na lonxanía do fogar, estaredes sempre no corazón.
Estas verbas son para dar grazas a todos. Cada quen sabe cántos contos rimos xuntos. E cada un sabe que sempre estou.
En calquera momento da miña vida sumei unha man amiga. Quén me dera non deixar nunca de sentir o calor que me dades! Ata pronto compañeiros!

venres, 6 de xaneiro de 2012

Isaac Díaz Pardo, a ollada asombrada



Hoxe dixemos adeus ó artista que formou parte da nosa vida diaria a través da pintura e da experimentación. Cánto lle debemos os galegos a este home de rostro engurrado e delgada figura! A través de Sargadelos, el rescatou a Historia con maiúscula de Galicia e conseguiu xunto con Seoane, impulsar un novo concepto empresarial e artístico impregnado de esencia galega. Encarnar ideas en obxectos. Cada deseño, cada peza, leva a dobre lectura estética e histórica que alude a un lugar, unha personaxe, un acontecemento ou un monumento galego. Todo coa depuración de liñas e cores. Coa finura da porcelana e o simbólico azul cobalto que se converteu en arte identitaria do noso país.
Coincidín con el nalgunhas ocasións. Lembro a última, na cafetería dun hotel santiagués, onde dúas persoas do mundo do business, tentaban convencelo de tomar medidas contundentes na propia empresa emblemática, ó que el, un pouco duro de ouvido, pero coas ideas firmes, se negaba rotundamente.
A amizade que lle uniu a algúns achegados meus fixo que sentira a Díaz Pardo de maneira case familiar. Os ollos abertos de todas as figuras da súa arte parecen exprimir a ánima do espectador, nunha actitude hierática, asombrada e inocente.
A túa obra estará sempre con nós. A túa visión foi a renovación da nosa Galicia.

domingo, 1 de xaneiro de 2012

Benvido 2012!


Cantos tedes resaca hoxe? A Noitevella foi unha xornada de contrastes para a navegadora: pola tarde nun enterro e de noite brindando pola vida e por cen esperanzas que se poñen no ano novo. Agardamos que a estrea anual nos traia a renovación e unha choiva de momentos felices, pero no fondo sabemos que a loita continúa, que non haberá que descoidarse e que precisamos todo o apoio da nosa xentiña para cumplir eses desexos que pensamos antes das uvas. Apertas a todos, que estades nas miñas preces para anonovo.
A nota chic da noite: un cóctel de cava, pétalos de rosa e unha flor de hibiscus. Nin se me subiu o cava nin me deitei ó amencer; estou perdendo facultades...