mércores, 28 de abril de 2010

Sargadelos. Único.



Onte e hoxe. Unha porcelana elevada á categoría de mito.

Cervo sorprendente. O sinxelo encanto.


Onte despois da miña recurrente visita a Sargadelos, de onde sempre saio con algún paquetiño e algún libro, puxen as deportivas e fun camiñar pola beira do río que rega o pequeno val da antiga fábrica de cerámica de Sargadelos. Primeira parada: a igrexa de Santiago de Sargadelos, a 500ms. das instalacións da moderna fábrica. Unha imponente fachada neoclásica sorprendente pola súa ubicación e campanario. Segunda parada: o pazo do marqués de Sargadelos, o Sr. Ibáñez, fundador da primeira industria. Un conxunto histórico no que chaman a atención tanto a casa da administración, o pazo como os restos da canle, cuarteis, fornos e enormes establos para as cabalgaduras. Logo está a parte natural, as árbores, as rutas botánicas, o paseo dos namorados, e unha fonte señorial ó fondo dun prado, cruzando unha pontella na que é fácil imaxinar ós habitantes do lugar, a contos nunha tarde de verán, ó fresco da fronda e do río. Pero o paseo que seguín, polo camiño de pescadores, na ribeira, leva ata esa pequena presa construida para as necesidades industriais, e que vos mostro na imaxe superior. É un verdadeiro "locus amoenus" que recomendo para os amantes da natura. De volta, cruzando costa abaixo, respirando o perfume de ducias de frutais en flor da finca da casona, atravesei o río de novo e vin ó lonxe un pequeno animal ó que silbei e me agardou un intre: era un raposiño que dúas veces virou as costas para observarme con curiosidade. Logo unha finca con dúas bestas e un potro e por fin un novo paseo río abaixo ata unha vella maquía abandonada.
De regreso, unha parada na igrexa de Cervo. Fermosa; de orixe románica e reconstruída no XVIII, garda moitos tesouros da arte: retablos barrocos, un cristo gótico e unha fermosa pía bautismal medieval. Unha vila pequeniña para deterse un anaco e respirar tranquilidade.

martes, 27 de abril de 2010

Modernismo en estado puro



Figueras é unha pequena vila asturiana no outro lado da ría do Eo, mesmo fronte ó porto de Ribadeo xa se ven as casiñas, o porto deportivo e os astaleiros da outra beira. Garda un tesouro modernista que sorprende, oculto nun vasto xardín con pequenas estátuas e fontes, con árbores frondosos e camiños que serpentean como nun poema de Rubén Darío. Chámase palacete de Peñalba e agora funciona como hotel. Foi deseñado no 1912 por un discípulo de Gaudí, e parece que o tempo se detivo nese lugar que case parece un museo. Se vos gusta o art nouveau, deixádevos estar un par de días rodeados de perfumes, aromas, ninfas e quizais vos estea agardando "la marquesa Eulalia, risas y desvíos,..."

luns, 26 de abril de 2010

Ribadeo señorial


Ribadeo é unha vila nos traslada ó pasado, fin de século XIX ou principios do XX, casonas señoriais, palacetes de indianos, que nos falan dun tempo de sombreiros panamá e sombrillas de señoras que gastaban as horas do verán en interminables paseos ó fresco da brisa mariña. Ai! qué tempos de mañás rosicler e de doces encontros pola beira do Eo, rematando no mar. Un paseíño en barca, unha viaxe en coche de cabalos, unha voltiña ata Vegadeo e outra ata Castropol. Voltade ós tempos do Modernismo dende este rincón de Galicia.

Un atardecer en Barreiros


A pesar de que estos días a néboa oculta a costa, lembro este atardecer do outro lado da ría, onde puiden pasear e despedir o día ollando como o os últimos raios do sol tinguían de dourado as pedras e as ondas do mar.

Benvida ós meus novos seguidores

Quero dar a benvida a bordo ós meus novos seguidores blogueiros, que nesta singladura me acompañan durante os días focegos, unhas veces con máis interese, e outras con comprensible abulia, dadas as circunstancias. Agardo que sexan sempre defensores desta terramar que ten unha forte identidade propia, e espírito de refuxio invernal. Seguirei contando máis cousiñas desta miña estancia na Mariña.

xoves, 22 de abril de 2010

Seguimos polo val de Lourenzá

Será certo que o topónimo deste lugar se debe ós fillos do famoso Conde Santo Lourenzo e Ana? a mín paréceme que non, pero é unha bonita forma de contar. Agradezo a Xoan Xacobe os seus comentarios tan atinados nos meus artigos mindonienses e invítovos a dar unha voltiña por estas terras. No mosteiro de San Salvador, hai un museo de arte sacro, no que existe un sartego antiquísimo de mármore, que o Conde trouxo de Asia Menor nunha viaxe, e que é único no país. Teño pendiente esa visita, mais neste tempo é necesario concertar cita para visitas guiadas, e podedes atopar o número na páxina do concello de Lourenzá.
Despois non debemos deixar de pasar polo fértil val lourenzano onde se dan tan ben as famosas fabas, que se poden mercar na maior parte das casas labregas da zona. É fermosa a vista desde a parte alta do final do val, antes de comenzar a subir cara Trabada. Saudiños.

mércores, 21 de abril de 2010

Lourenzá na tardiña



Un punto de partida para unha visita ó val de Lourenzá ou simplemente un paseo para deixarse mimar polos últimos raios do sol á caída da tarde. Precioso mosteiro, que se enseñorea desde o centro da vila, e que se deixa ver dende a estrada nacional, invitando a desviarse, ou prometendo unha visita inesquecible. Sorprende este mosteiro de San Salvador, ca fachada do gran Casas e Nóvoa, barroco tardío galego, tan recoñecible no edificio.Fundado sobre o ano 969 polo "Conde Santo" o señor Osorio, para ingresar nel tras a morte da súa esposa e ata a fin dos seus días. Algo máis vos contarei, é só unha idea máis, bicade o sapo da fonte; quizais sexa un príncipe ou te convirta en princesa.

martes, 20 de abril de 2010

merlín e familia



Meu dito meu feito. Ó regreso da viaxe mindoniense, prometín que volvería a ler aquel libro que levaba tantos anos durmindo no anaquel da biblioteca familiar e atopeime de novo con Dona Ginebra e o fiel Felipe de Amancia, que me agardaban como tantos herois da materia de Bretaña, alá no seu pazo de Miranda para recebirme con tanto cumprimento como merecen as donas que onda Merlín van buscar remedia amoris ou toda clase de solucións para asuntos máis mundanos. Obra fundacional da narrativa fantástica de Cunqueiro, estou a disfrutar de veras con estas páxinas cheas de palabras encantadas.

Mondoñedo merece unha parada no camiño


Mondoñedo cativoume desde a primeira vez que pisei as lousas das súas rúas íntimas e segredas. Era eu ben pequena e xa lembro unha estreita pasaxe que subía desde a catedral, cando fomos mercar unha tarta ó famoso rei nunha tendiña pequena ateigada de cadros onde eu ficaba coa boca aberta diante tanto famoseo dos anos 80. Agora que xa vou alta no dente, como din na miña terra, busquei outras tortas de améndoa e atopei unha confeitaría de nome "La Alianza" na que merquei unha tortiña que me soubo a gloria, bastante máis rica que as outras que probara mais eu non son larpeira. Chamoume a atención un cadro grande que había na parede e que representaba un obradoiro de pastelaría coa catedral ó fondo, con dous cregos sentados á mesa ó lado do forno.Gostei moito desa pintura ó modo de Laxeiro e souben que fora un dos padres que se pintara a sí mesmo no conxunto. Saín dalí coa promesa de dar a miña opinión sobre o pastel no foro da confeitaría e aínda non o fixen, máis visitei a páxina. Quedei un minuto ollando a estatua de Cunqueiro, quixen comprender mellor como vía o mundo mindoniense o noso autor, sentado na praza e sentín moitas ganas de retomar as súas lecturas, abandonadas desde os meus 20 anos. Entrei no templo e quedei pasmada diante as pinturas medievais restauradas que falaban "de quando el rei Herodes mandó degoyar a los inoccentes", que segundo me contou logo un compañeiro moi entendido, quizais sexa unha alusión ó castigo recebido polos inconformes seguidores de Pardo de Cela. A verdade é que ben vale a pena entrar, ficar un intre ollando o rosetón da entrada e ver a luz de cores, dar unha volta á xirola e permanecer un pouco obsevando esos soldados medievais e esas mulleres e nenos de teta con rostros expresivos de dor e temor.

xoves, 15 de abril de 2010

Volvemos ó mar

Queridos todos, estou de novo con ganas de contarvos máis rutas luguesas e cantábricas, xa que tiven moito tempo de facer visitas polas marabillosas terras focegas e mindonienses. Lugares imprescindibles para deixar que o tempo pase sen o sentir: Lourenzá, Mondoñedo, Ferreira do Valadouro, Alfoz, Sargadelos, Viveiro e San Cibrao das Viñas. Foi unha Semana Santa na que houvo momentos para disfrutar da paisaxe e da devoción popular. Poñereivos ó día das miñas andanzas pouco a pouco. Volvemos navegar.