luns, 5 de maio de 2014

Apertas

  Hai apertas que funden o ferro e a cerna dura. Hai apertas que levan nos brazos todo o lume do sentimentos e todas as verbas palpitando nelas. Apertas sinxelas e efusivas de encontro, e apertas de despedida que son un "ola!, voltamos a vernos!". Esas son as apertas que me gustan. As apertas fermosas que nunca din adeus, máis ben son un repaso ó tempo compartido durante horas, e revivido nuns segundos antes da partida.
 Teño un amigo que é master en abrazos. Chámase Ángel e pode transmitir nun intre de silencio máis que todas as músicas do mundo. O seu sorriso é un corazón coas portas e as xanelas abertas de par en par. Por iso é moi sinxelo dirixirse a el para contarlle calquera confidencia, vanalidade ou preocupación; a súa expresión convida a falar; sabe escoitar coa atención absoluta do confesor da raíña. Estar ó seu carón é un pracer e un privilexio, porque é quen de facerte sentir importante con so quedarse mirando, agardando coa ollada asombrada calquera conversa por pequena e nimia que sexa.
 Aproveito esta xeira para enviarlle unha aperta que sei que será recibida con toda a forza e todo o cariño.

(Para Ángel Castro, que ten a extraordinaria virtude de saber abrazar e escoitar).