venres, 27 de xullo de 2012

Armenteira oculta no verán do Salnés





Xa non resisto un minuto máis de Sanxenxo e Raxó sen escapar. Esta tarde entre a néboa, saín fuxindo de madrileños e demáis fauna veraneante e pseudopija para buscar un pouco de autenticidade e patrimonio histórico, e desintoxicarme de tanta praia. Sí, gústame a praia e o mar, pero doutra maneira. Sobre todas as cousas, gosto de pasear polos lugares que nos traen un pouco de calma e nos fan afondar na raigame. Ás veces un esquece que no medio de tanta iniquidade hai un paraíso oculto ben perto; así, entre o campo de golf de Meis e a autovía do Salnés, ocúltase este tesouro artístico entre montaña e mar. O mosteiro de Santa María de Armenteira , no Monte Castrove, aséntase desde o 1149 cando o noble D. Ero de Armenteira funda o primeiro cenobio.
Todos coñecemos a lenda que recolle Afonso X nas Cantigas: Sendo Ero xa idoso, saíu pasear unha mañá ós montes próximos ó mosteiro e quedou escoitando absorto o canto dun paxariño. Cando regresa ó mosteiro, pensando que pasaran só unhas horas, non recoñece ós monxes e atopa todo mudado. Pasaran nada menos que 200 anos! Os monxes recoñéceno polas crónicas que falaban da súa desaparición. Tras da súa morte, empezan a chamarlle "o abade santo" e representarán a súa imaxe coa figura dun paxaro no seu hombreiro.
O mosteiro foi cisterciense e remata a súa construcción no s. XIII; sinxelo e austero, sen moito ornamento, pero destaca a igrexa de planta basilical e tres naves de catro tramos, rematada por un ábside semicircular orientado ó nacente. Ten un baldaquino de pedra do 1780 e tamén se atopa no templo o sepulcro de Don Álvaro de Mendoza. O que máis chama a atención é a portada da igrexa, con seis arquivoltas decoradas , e fustes con capiteis de motivos vexetais. O rosetón que preside esta fachada é impresionante. Ten un claustro visitable de sinxelo encanto.
Despois da desamortización do XIX, e o abandono total, no ano1961, por iniciativa de Carlos Valle-Inclán, fillo do literato, créase unha asociación de Amigos de Armenteira para recuperar o conxunto. No 1989 reponse a vida cisterciense con unha comunidade de monxas navarras. Teñen unha hospedería que se recomenda para "o descanso espiritual ou psicolóxico".
Eu xa estou pensando reservar habitación...

domingo, 15 de xullo de 2012

Malpica para estrear o verán


Hoxe por fin... praia...
Sí, amigos, a 15 de xullo e sen mollar os pés na auga salgada do Atlántico. Esta tarde puidéstesme atopar en Malpica, na esquina do final da praia Area Maior, que lle chaman Canido. Alí, a rentes das rochas, respirei profundo. Ulía a mar!
Por fin o primeiro paseo do verán pola beira do mar! Un xeado de mojito e chocolate no paseo marítimo.
Sentinme feliz. Esquecín a economía malfadada destes tempos e pensei que algunhas cousas sempre seguirán ahí a pesares do ser humano: o azul profundo do océano!