domingo, 22 de abril de 2012

De propietate serene


Aproveito esta foto feita na baía da Coruña polo meu amigo Antón, para falarvos do libro que rematei de ler esta tarde de chuvieiras en abril. É un bestiario medieval, unha edición bilingüe galego-latín, da editorial compostelana Positivas, intitulado LIBELLUS DE NATURA ANIMALIUM, que como fillos do latín que sodes case todos os meus lectores, non preciso de tradución. Trátase dunha obra anónima do século XIV, fonte do posterior Bestiario Valdense. É qué ten a ver a foto? Pois é unha serea, precisamente un dos "animais" que percorren as páxinas do libriño. Vou transcribir un anaco deste capítulo:
"A propiedade da serea é que a serea é biforme, porque da metade para arriba é unha muller, mentres que da metade para abaixo é como un peixe, e hai tres especies de sereas, porque unhas teñen a voz como a dunha arpa ou dunha viola, e outras teñen a voz como unha trompa ou unha frauta, e outras cantan como unha virxe. E por isto os navegantes, pola dozura do seu canto e pola melodía delas, adormecen e afúndense no mar".
A partires deste ponto, o autor/a do libro comeza a facer unha transposición á vida do ser humano, explicando que as sereas son "os vans praceres mundanos, que, a causa da súa dozura, son moitos os homes aos que se lle dormen os cinco sentidos". Remata o episodio citando a Boecio.
Recomendación da que suscribe: non escapedes de todas as sereas; algunha vai espertar algún dos vosos sentidos; havos de levar ó paraíso co seu canto. Non renunciedes a todos os praceres. O escuro abismo a que alude Boecio, agárdanos a todos no fin dos nosos días.

domingo, 15 de abril de 2012

14 de abril


Esta foto fíxena en Madrid, hai hoxe un ano. É a miña pequena homenaxe a todos os republicanos que non están pero que nunca nos deixaron orfos.