sábado, 9 de abril de 2011

Na ribeira do Miño

O calor dos días pasados, consecuencia caprichosa do vento africano, trouxo a Ourense un ambiente irrespirable, unha transpiración constante dos corpos e a envolvente sensación de estar nadando en vapor de auga. Barra de Miño, con este nome tan pouco poético para un lugar idílico, situada a uns oito kms. da cidade, río arriba, é unha terraza sobre as augas. Breve aldea con unha estación de ferrocarril ruinosa derramada ó lado dun enorme remanso do Miño. Como son muller de ollos sorprendidos diante calquera paisaxe, non podía deixar pasar a ocasión de recrear a postal. Do outro lado das vías aparece un recinto pechado, e no medio da parede un portón aberto con un cartel de neón: "Gaddaffi". Sorpresa número 1: nos tempos que corren o nome do establecemento non podía ser máis axeitado. Sorpresa número 2: é un extraño local aberto ó río, con unha estética mistura de prostíbulo, restaurante de bodas e bautizos, discoteca e clube naútico. Non pensedes mal. Digo só estética. Ó final ven sendo un xardín con mesas e antucas. Un camareiro do país, xente sentada parolando e o río lambendo a ribeira, sen traer a frescura agardada. Inquedantemente inmóvil, as augas non se ven correr, xerando a miña eterna desconfianza diante o aparentemente inofensivo. Bo lugar para fumar un cigarro que non acendín, perder o tempo e vixiar o crecemento dos piñeiros mansos galegos que tan sequera se ven do outro lado da enormidade fluvial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario