venres, 27 de xullo de 2012

Armenteira oculta no verán do Salnés





Xa non resisto un minuto máis de Sanxenxo e Raxó sen escapar. Esta tarde entre a néboa, saín fuxindo de madrileños e demáis fauna veraneante e pseudopija para buscar un pouco de autenticidade e patrimonio histórico, e desintoxicarme de tanta praia. Sí, gústame a praia e o mar, pero doutra maneira. Sobre todas as cousas, gosto de pasear polos lugares que nos traen un pouco de calma e nos fan afondar na raigame. Ás veces un esquece que no medio de tanta iniquidade hai un paraíso oculto ben perto; así, entre o campo de golf de Meis e a autovía do Salnés, ocúltase este tesouro artístico entre montaña e mar. O mosteiro de Santa María de Armenteira , no Monte Castrove, aséntase desde o 1149 cando o noble D. Ero de Armenteira funda o primeiro cenobio.
Todos coñecemos a lenda que recolle Afonso X nas Cantigas: Sendo Ero xa idoso, saíu pasear unha mañá ós montes próximos ó mosteiro e quedou escoitando absorto o canto dun paxariño. Cando regresa ó mosteiro, pensando que pasaran só unhas horas, non recoñece ós monxes e atopa todo mudado. Pasaran nada menos que 200 anos! Os monxes recoñéceno polas crónicas que falaban da súa desaparición. Tras da súa morte, empezan a chamarlle "o abade santo" e representarán a súa imaxe coa figura dun paxaro no seu hombreiro.
O mosteiro foi cisterciense e remata a súa construcción no s. XIII; sinxelo e austero, sen moito ornamento, pero destaca a igrexa de planta basilical e tres naves de catro tramos, rematada por un ábside semicircular orientado ó nacente. Ten un baldaquino de pedra do 1780 e tamén se atopa no templo o sepulcro de Don Álvaro de Mendoza. O que máis chama a atención é a portada da igrexa, con seis arquivoltas decoradas , e fustes con capiteis de motivos vexetais. O rosetón que preside esta fachada é impresionante. Ten un claustro visitable de sinxelo encanto.
Despois da desamortización do XIX, e o abandono total, no ano1961, por iniciativa de Carlos Valle-Inclán, fillo do literato, créase unha asociación de Amigos de Armenteira para recuperar o conxunto. No 1989 reponse a vida cisterciense con unha comunidade de monxas navarras. Teñen unha hospedería que se recomenda para "o descanso espiritual ou psicolóxico".
Eu xa estou pensando reservar habitación...

Ningún comentario:

Publicar un comentario