domingo, 23 de xuño de 2013

Que a deusa Fortuna che sexa favorable


 No solsticio de verán ocorren sucesos marabillosos. Como é ben sabido, cando o sol alcanza o seu cénit no trópico de Cáncer, no hemisferio Norte estamos festexando o tempo da sensualidade, a exaltación da terra e a colleita. Os ritos pagáns volven baixo a festividade do San Xoán, que tanto festexan as bruxas, que irán á Lanzada facer o aquelarre, como o resto dos mortais, que achegados ás cacharelas, botarán fóra as tristuras e as malas querencias, renovándose co lume novo das fogueiras.

 O 24 de xuño é unha data especial dende a Antigüidade. Os romanos celebraban a festa de Fors Fortuna, a quen Servio Tulio lle mandou construir un templo, pois sendo el fillo dunha escrava de guerra, chegou a convertirse en rei de Roma. Ovidio, nos Fasti VI, 773, deixa testemuña sobre esta festividade, na que se celebraba unha procesión a pé ou en barcas engalanadas polo Tíber, ata o templo, para facer na súa honra diversos sacrificios e o gran Cicerón tamén da conta desta festividade popular, na que o viño corría e os amos tiñan dádivas  cos seus escravos.

  Hoxe quero facer eu un agasallo; un agasallo en forma de poema para este tempo de amores e festa.
  Escollín estes versos de Catulo, por ser unha exaltación do amor, unha advocación á paixón e á inocencia desasosegada dos bicos dos amantes, que foxen dos ollares alleos para vivir intensamente un presente certo fronte ás tebras da morte. A vida simbolizada nas verbas "breve luz", escintila na escuridade do "non ser", e desbócase no desesperado intento dos amantes por vivir o seu amor.

 Para ti, que sentes coma min a vida en cada latexo, vai este poema de Caio Valerio Catulo, nacido no século I a. C. a rentes do río Po, en Verona. e que cantou os seus amores tumultuosos con Clodia (Lesbia).

Vivamus mea Lesbia, atque amemus,
rumoresque senum severiorum
omnes unius aestimemus assis.
Soles occidere et redire possunt;
nobis cum semel occidit brevis lux,
nox est perpetua una dormienda.
Da mi basia mille, deinde centum,
dein, cum milia secunda centum(...)

"Vivamos, miña Lesbia, o amor
e as faladurías dos vellos severos
estimémolas en nada,
 O sol cada día pode morrer e rexurdir.
 Nós, cando dunha vez esmoreza a breve luz,
unha noite perpetua teremos que durmir.
 Dame mil bicos, logo un cento,
logo, cando teñamos unha morea de miles,
enguedellémolos, para que non saibamos cantos,
ou para que ningún malfadado poida enmeigarnos
se sabe que houbo tanto bico".

Que Fors Fortuna che sea favorable!
(A Juan Carlos Lueiro Villaverde no seu aniversario)

1 comentario:

  1. Ah, Catulo! sempre tan fresco, parecen versos escritos onte. Así son os clásicos.

    ResponderEliminar