Un
nunca sabe se vai voltar a Roma, pero iso non importa, porque a Cidade está en
nós, está no noso sangue mestizo de colonos e vencidos; levamos a Roma en cada
verba, en cada pedra dos camiños, eses que sempre levan a Ela. A Urbs é a cidade aberta no noso imaxinario de
Provincia latina.
Dúas veces pisei a Cidade eterna, e as dúas
sen pensar. Era Roma, na deslumbrante luz dourada e morna dun mediodía de xaneiro,
atravesando as cortinas ata a cama art decó dun hotel da longa vía Cavour. Roma tiraba por nós para percorrela sen
descanso, ávidos de ver cada rúa, cada fonte, cada inscrición. De Norte a Sur
as rúas sucedíanse cruzadas de calexas estreitas, de predios que lembraban as insulae dos antigos, e os nosos pés
sentían o latexo dos vellos augures soterrados nos templos en ruina. A noite
apreixounos na columna Traxana. Subidos na baranda ficamos mirando o monumento
con extrañeza. Xa facía frío e seguimos
camiñando…
Pola mañá, na
Ponte de San Angelo, as estatuas cruzaban olladas baleiras que me estarrecían,
el paseaba despistado contracorrente mentres todos parecían ir con presa. O
Tévere tiña unha curiosa cor gris, como a cinza que deixa o paso do tempo por
este mundo. Así o Circo Máximo parecía un fochanco pantasmal cando a noite o
cubriu de escuridade. Ecoaban os berros dos miles de espectadores das carreiras
de quadrigas no meu maxín, e case tiven medo. Apenas había luz naquel espazo, e
sentín que de detrás de calquera árbore ía sair unha sombra asaltante. Revivín
o espíritu da Roma tabernaria, suxa, perigosa, pero tamén gloriosa e
fermosísima no Foro, onde roubei laurel, para que Xúpiter alonxe tronadas e
Apolo coroe os teus versos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario