xoves, 4 de marzo de 2010

San Martiño Mindoniense, románico fascinante


Hoxe irei por terceira vez á igrexa de San Martiño, a 5 kms de Foz, adentrándose na parte máis rural deste concello marítimo atopamos unha das mellores mostras do románico galego, e a primeira de Galicia con tres naves e tres capelas que se abren no cruceiro. Foi sede episcopal desde 870 ata o 1112, e por aquí estivo San Rosendo, o bispo fundador do mosteiro de Celanova e arcebispo de Santiago. A orixe desta arquitectura sorprendente está no século IX, cando San Martiño de Dumio, se veu obligado a fuxir debido ás invasións árabes na zona de Portugal. Fernando III fíxolle entrega destes territorios para instalarse. Pero tivo unha existencia azarosa de man en man e á morte do bispo Gonzalo, a raíña Urraca, no 1112 traslada a sé a Mondoñedo.
Aquí tamén xacen os restos do "Bispo Santo", San Gonzalo, (Gundisalvo), nun sartego visigótico, pechado con tres chaves. A lenda di que San Gonzalo guiou ó pobo de Foz cara o monte cando se achegaban os normandos e mentres subían el oraba, e en cada oración afundíase un barco, só deixou dous para que foran contar o suceso. En maio celébrase a famosa "festa do santo" que reúne á xuventude focense no monte do santo durante varios días de celebración desenfrenada.
Hoxe achegareime alí cunha especialista de Historia para volver a disfrutar dos magníficos capiteles e dos frescos que inda se poden apreciar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario