mércores, 6 de abril de 2011

Praza de Santa Eufemia

Onte á tardiña saín pasear pola cidade. Ourense inauguraba a tempada de calor a pesares de estar estreando a primavera. Camiñando cheguei ata a praza de Santa Eufemia. Deixei atrás esmolantes na porta da catedral e rostros indiferentes nos viandantes cos que me cruzaba. No lugar proliferan as terrazas. Senteime e mentres Eloísa estaba debaixo dun almendro, eu estaba debaixo do parasol do Latino co libro de Jardiel na man para distraerme mentres me servían o café.
A praza é recollida, pechada, con unha certa inclinación que parece empuxarnos cara a fachada da igrexa que ás sete da tarde recortaba a súa silueta no azul desvaído do ceo. De repente as badaladas sonaron. As oito. Levantei a vista da lectura. Responden doutro campanario, e beatos saen da misa. As rúas áureas son unha almoneda humana que observo desde a transparencia do anonimato. Sigo sentíndome allea ó palpitar desta vila grande que é un escaparate de xente ociosa nas rúas de pedra.

1 comentario:

  1. Cóncava fachada da igrexa de Santa Eufemia onde se agochan os esmorgantes de Blanco Amor na esmorga interminable de alcohol, putas e amizade. E fíxate que só ten unha torre, e chégalle ben. Fermosa praza para tomar un respiro, un café, unha copa ou simplemente mirar aos ociosos. Bicos para a artista.

    ResponderEliminar