luns, 22 de agosto de 2011

Carboeiro ollando o Deza


Este verán foi, en canto a viaxes, o que eu chamo, un itinerario de "clásicos renovados". Non fixen senón darlle outra voltiña a lugares que xa coñezo dende hai moitos anos e ós que tiña ganas de voltar. Repasarei con vos algún deles, como a visita a Carboeiro. Para os que non fostes, direivos que é de preguiceiros non achegarse a este recanto sobre o río Deza, aló polas terras de Silleda. Máis alá da Semana Verde, hai verdadeiros reclamos turísticos que permanecen no tempo mil anos agardando por vós.
O mosteiro de Carboeiro está agora restaurado e pódese visitar por dentro a igrexa. Un home idoso, moi simpático que está na entrada foi quen me explicou que, voluntariamente está de garda no edificio xa que non hai fondos no concello para pagar visitas guiadas. Ofreceume unha lanterna para baixar ó soto pola escadiña de caracol das torres, e deume un folleto que percorre a historia do mosteiro e que foi publicado no Heraldo Gallego de Ourense, o 20 de marzo de 1879. Conta que o cenobio foi fundado a principios do século X onde xa había unha ermida propiedade dun señor chamado Egica, que lla vendeu ós condes Don Gonzalo e Dona Tareixa, cara o ano 939. Á morte do conde, seguiu co proxecto a súa muller, que escolleu como abade ó presbítero Félix e suplicoulle ó bispo D. Hero de Lugo que viñera consagrar a igrexa do convento. Acudiu tamén San Rosendo, que estaba en Celanova, e colocaron no altar as reliquias de San Lourenzo, San Hipólito, San Paio, San Xoán Bautista e Evanxelista entre outros santos e mártires. Despois dunha etapa brillante e opulenta, chegaron malos tempos para a abadía; os Reis Católicos determinaron reformar as ordes relixiosas benedictinas pola corrupción existente, e en 1500, pasou San Lourenzo de Carboeiro a ser un anexo do poderoso San Martiño Pinario de Compostela. No templo venerábase unha espiña da coroa de Cristo que foi roubada en tempos ben pretéritos. Hai unha inscrición que indica a fundación do lugar na era de1209, o primeiro de xullo. Velaí:
"E:I CC :VIII:
+ HIIS : HOC TEMPLUM : FUNDAVIT
ABB : FERNANDVS : CVM SVORUM :
CATERVA MONACORUM"

Por certo, fixádevos na última foto, a min faime lembrar o cadro do post anterior,
e a vós?

1 comentario:

  1. Ola Navegacruz!
    Moitas grazas pola visita e polas palabras no meu blogue Camelia Branca Do Ar...
    Alégrame moito que che gustaran as fotos, os nosos traxes (todo artesanía casera...),e a nosa cidade Pontevedra...
    Cando queiras, ou poidas, repites visita e quedamos para tomar algo... :-))

    Eu tamén visito o teu blogue de cando en vez... E penso que as túas fotos son tamén moi lindas, mellores que as nosas...

    Ata a próxima
    Bicos

    Mary Carmen

    ResponderEliminar