martes, 15 de novembro de 2011

Montefurado. Unha de romanos


Montefurado é o vestixio doutra explotación mineira romana. Xa que vos levei ás Médulas, agora non podía deixar o roteiro sen vos ensinar outro recuncho SPQR da época de Traxano.
A febre do ouro nas terras de Auria, aló polo século II, trouxo unha nova forma de extracción: construir canalizacións para desviar o curso dos ríos. Unha vez enxoito o leito, extraíase o ouro da area depositada lavando o lodo; foi o caso do río Sil en Montefurado, concello de Quiroga, xa perto do límite coa Rúa. O túnel da Boca do Monte ten uns 52 metros de longo por 12 de profundidade, tras o seu derrubamento coa riada do 1934, pero na súa orixe chegaba aos 120 metros, e ten unha altura media de 17 metros. No curuto dese monte existiu unha fortaleza, o castelo da Pena do corvo, que aparece nalgúns grabados de mediados do século XIX, e puido ser unha soa torre de vixiancia. A cor turquesa do Sil, e a luz da tardiña filtrándose a través do túnel, dan como resultado a visión dunha auga esmeralda que emociona.
 Confirmo a miña admiración polos enxeñeiros e a miña compaixón polos escravos que tiveron a desgraza de nacer nese tempo e polos que están a nacer agora.

2 comentarios:

  1. Montefurado é unha paraxe singular. Xa era hora de que alguén falara diso. Noraboa. En San Clodio son célebres os xemelgos de Montefurado, que cantan coma os anxos "no sé que tienen tus labios que cuando los beso tiemblo..." ou algo así.

    ResponderEliminar
  2. Tan ferinte coma fermoso! Non tiven ocasión de visitar este lugar, pois teño "déficit" en Ourense, pero ten algo especial. Espero visitalo en breve. Moita sorte no camiño, compañeira!

    ResponderEliminar