sábado, 10 de decembro de 2011

Valdeorras terra gigvrrorvm




Estaban sendo horas de falar do Barco de Valdeorras e de convidarvos á visita deste recuncho galego que ten xa aires leoneses nas casas vellas da vila e na fala onde os nenos son "ninos" e onde por fin escoitei dicir o plural en -ois (pantalois), que xa pensaba que era unha lenda no tema das isoglosas! "Sentaivos" un momento comigo no Malecón, que non é o da Habana, e veredes voar os últimos parrulos que quedan no Sil; veredes a montaña de enfrente cambiar de cor conforme esvaece a tarde, e se pechades os ollos, o rumor constante do río lembraríanos a ondas mainas das rías, que morren unha tras doutra na area.
O Barco ten forma de X. Son dúas rúas formando unha grande tixeira, máis o longo paseo do río. Cruzo a pasarela que me leva á outra ribeira e observo cada día a cor do Sil, uns días gris e avolta, e outros clara e verdosa coma a pedra esmeralda. Todo envolto e rodeado por altísimas montañas que me parecen propias para vivir a miña adorada Heidi da infancia.
O topónimo ven dos seus antigos habitantes, os guigurros (Gigvrri no orixinal, tamén con derivación "cigurros"), e eu que non quería afondar na etimoloxía, so vos deixo caer que no protocelta, esta raiz significaba "parrulo salvaxe", animal totémico quizais destes pobos, pero tamén hai a opinión de que o sufixo -urros, se relacionaría con río, zona fluvial. Así os romanos, cando chegaron a esta terra, deron conta da existencia do Forum Gigurrorum, na Vía XVIII que unía Bracara Augusta con Asturica Augusta, perto da Rúa, como un lugar de comercio no seu convento astur. Os guigurros ocupaban tamén o suroeste do Bierzo. Na Alta Idade Media, chamóuselle Vallem de Iorres. E ata hoxe: Valdeorras.
Debo confesar que a primeira vez que cheguei ó Barco e fun tomar algo a un local chamado Guigurri, o primeiro que pensei é que era unha franquicia vasca de pintxos... ejem...


1 comentario:

  1. Non fai moito estiven polas intrincadas ladeiras de viñedos da Comarca de Valdeorras, terras sanguentas e ben fermosas. Un saúdo dende a Fraga, e que este vindeiro ano 2012, se che abran máis e novos camiños cos que sorprendernos!

    ResponderEliminar