Aquel día fomos percorrer as fortalezas que pechaban de lado a lado a bocana da ría cunha cadea cuxos restos mostramos nos amarres da penúltima foto. San Felipe foi un baluarte construido no 1598, para actuar de modo defensivo perante os ataques especialmente ingleses. Xunto co castelo da Palma, xusto enfrente, na terra de Mugardos, e o de San Martiño, poñían difícil a penetración por mar de buques inimigos. No 1800 tivo lugar un episodio bélico notable, con máis de 100 barcos e 15000 homes, no que a Armada británica tenta a destrución dos estaleiros e a conquista do territorio. Na batalla de Doniños, e despois de tres intentos do almirante Warren por traspasar a ría, foi vencido grazas á estratéxica posición do Castelo da Palma, que coa súa batería potente de canóns, repeliu o ataque inglés. Cousa que aledou moito a Napoleón, quen brindou polos "valentes ferroláns", xa que esta armada posteriormente ía dirixida para combatelo en Exipto.
Durante a Guerra Civil, no 1938, foron moitos os Republicanos fusilados en San Felipe. Nos anos 80, o Castelo da Palma foi o cárcere militar no que estivo Tejero. Hoxe en día, ironías dos Tempos, esta prisión foi vendida á cadea hoteleira "Diana Grandes Hoteles" para facer alí un Spa de luxo en primeira liña de mar. O caso é que o proxecto, con 15 millóns de euros previstos para o investimento, leva cinco anos na neveira debido a catas arqueolóxicas e papeleos de tres administracións distintas.
Case me alegro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario