domingo, 9 de decembro de 2012

Fervenza das Hortas nun conto de fadas





A terra de Arzúa garda segredos tan fondos como os desta fervenza tamén chamada de Santa Marta por unha lenda que non é do caso. Esta entrada da bitácora é para quen compartiu comigo confidencias e inquedanzas, pero tamén para quen cree coma min na esperanza e no cambio, porque o río non leva nunca a mesma auga. Este da foto chámase Ufa, igual que un río da conca do Volga, alá en Rusia. Pero o noso río arzuano, está en Dombodán, que nada ten que envexar á paisaxe da terra dos zares.
 Quixen coñecer ese lugar e leváronme as súas pasadas por un vieiro costento, por unha baixada que se ía internando na fronda conforme nos achegábamos ó río e ós muíños. Pensaba no decurso da vida, cando descubrín a magnífica caída de auga de vinte metros, que me fixo abrir os ollos e pararme nun dos travesaños que forman a escada descendente. As cores do inverno tinguían as abeleiras centenarias. A catarata bruaba no fondo do sendeiro, mentres os nosos pasos se apagaban nas follas mortas do camiño, molladas pola choiva dos días pasados.
 Enfeitizada pola imaxe, fiquei ollando un intre, e a certa distancia, o conxunto. Puiden  velo sorrindo, formando parte daquel espazo. A súa figura lanzal estaba envolta no misterio arborescente. Quixen achegarme mainiño, tocar a súa pel, acariñar o seu rostro e verme reflexada nos seus ollos silvestres; mais os seres de auga, na súa proteica figura, nunca son tanxibles.
 Eu vin como as fadas, fillas da miña ilusión, se mollaban naquela tarde de decembro. Esvaraban pola fervenza desfeitas en millóns de minúsculas partículas acuosas e xélidas.
 Busquei a man daquel mítico ser. Seguín a súa estela pola encosta do monte e perdeuse entre as miñas verbas, cantos de serea para un Ulises sen Ítaca.
 Quixen aquecer as miñas mans naquela tarde de inverno, pero a pel de fada, como a da serea, sempre estará fría e suave porque é de cristal. No entanto, o meu corazón ardía coas faíscas de Hécate. O meu corazón sempre entregado á ilusión de vivir, sempre a carón do lume da esperanza, da risa fresca e da música dos soños.
Quén non soñou con un mundo de fadas, inda que non se deitara con elas?

2 comentarios:

  1. Ola, Navegacruz,
    fantástica esa fervenza1
    eu que son amante das camiñadas aínda non a descubrín, pero prometo chegar ata ela o máis pronto posible!
    Maravillosas e emotivas as túas palabras.
    Un bico e ata pronto!
    Mary Carmen

    ResponderEliminar
  2. Fermosísima entrada, Navegacruz, e nada que dicir da pedazo de fervenza que mostras; quedei pampo!. Recoñezo que non a coñecía, a pesares de estar relativamente preto de Santiago. Cantos recunchos marabillosos temos a sorte de coñecer na nosa Galicia, "nai e señora" de bos e xenerosos, terra farturenta de paz e beleza. Moita sorte, compañeira!

    ResponderEliminar