domingo, 2 de decembro de 2012

No frío de Compostela sempre hai versos




 Vai frío. Moito frío nas rúas da cidade. Paseaba ocultándome detrás da bufanda e quedei ollando as pedras no día gris, lembrando palabras de Rosalía que eu imaxinaba pensadas detrás dos cristais da súa casa da rúa do Vilar. Nesa casa perto do Casino, onde criou fillos entre apuros económicos e versos preñados de amargos sentimentos, fiquei un intre parada mirando e lembrei aquel poema:

   III
Tal coma as nubes
...............que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
...............así as ideas
...............loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estranas feituras, de cores incertos,
...............agora asombran,
...............agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.


   Agora que regresei á casa, e no salón entro en calor, aproveito estas últimas horas de luz para mirar pola fiestra "as nubes que leva o vento" e dalgunha maneira convirto o inverno que non chegou en esperanza de primavera prometida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario