mércores, 28 de abril de 2010

Cervo sorprendente. O sinxelo encanto.


Onte despois da miña recurrente visita a Sargadelos, de onde sempre saio con algún paquetiño e algún libro, puxen as deportivas e fun camiñar pola beira do río que rega o pequeno val da antiga fábrica de cerámica de Sargadelos. Primeira parada: a igrexa de Santiago de Sargadelos, a 500ms. das instalacións da moderna fábrica. Unha imponente fachada neoclásica sorprendente pola súa ubicación e campanario. Segunda parada: o pazo do marqués de Sargadelos, o Sr. Ibáñez, fundador da primeira industria. Un conxunto histórico no que chaman a atención tanto a casa da administración, o pazo como os restos da canle, cuarteis, fornos e enormes establos para as cabalgaduras. Logo está a parte natural, as árbores, as rutas botánicas, o paseo dos namorados, e unha fonte señorial ó fondo dun prado, cruzando unha pontella na que é fácil imaxinar ós habitantes do lugar, a contos nunha tarde de verán, ó fresco da fronda e do río. Pero o paseo que seguín, polo camiño de pescadores, na ribeira, leva ata esa pequena presa construida para as necesidades industriais, e que vos mostro na imaxe superior. É un verdadeiro "locus amoenus" que recomendo para os amantes da natura. De volta, cruzando costa abaixo, respirando o perfume de ducias de frutais en flor da finca da casona, atravesei o río de novo e vin ó lonxe un pequeno animal ó que silbei e me agardou un intre: era un raposiño que dúas veces virou as costas para observarme con curiosidade. Logo unha finca con dúas bestas e un potro e por fin un novo paseo río abaixo ata unha vella maquía abandonada.
De regreso, unha parada na igrexa de Cervo. Fermosa; de orixe románica e reconstruída no XVIII, garda moitos tesouros da arte: retablos barrocos, un cristo gótico e unha fermosa pía bautismal medieval. Unha vila pequeniña para deterse un anaco e respirar tranquilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario