martes, 20 de abril de 2010

Mondoñedo merece unha parada no camiño


Mondoñedo cativoume desde a primeira vez que pisei as lousas das súas rúas íntimas e segredas. Era eu ben pequena e xa lembro unha estreita pasaxe que subía desde a catedral, cando fomos mercar unha tarta ó famoso rei nunha tendiña pequena ateigada de cadros onde eu ficaba coa boca aberta diante tanto famoseo dos anos 80. Agora que xa vou alta no dente, como din na miña terra, busquei outras tortas de améndoa e atopei unha confeitaría de nome "La Alianza" na que merquei unha tortiña que me soubo a gloria, bastante máis rica que as outras que probara mais eu non son larpeira. Chamoume a atención un cadro grande que había na parede e que representaba un obradoiro de pastelaría coa catedral ó fondo, con dous cregos sentados á mesa ó lado do forno.Gostei moito desa pintura ó modo de Laxeiro e souben que fora un dos padres que se pintara a sí mesmo no conxunto. Saín dalí coa promesa de dar a miña opinión sobre o pastel no foro da confeitaría e aínda non o fixen, máis visitei a páxina. Quedei un minuto ollando a estatua de Cunqueiro, quixen comprender mellor como vía o mundo mindoniense o noso autor, sentado na praza e sentín moitas ganas de retomar as súas lecturas, abandonadas desde os meus 20 anos. Entrei no templo e quedei pasmada diante as pinturas medievais restauradas que falaban "de quando el rei Herodes mandó degoyar a los inoccentes", que segundo me contou logo un compañeiro moi entendido, quizais sexa unha alusión ó castigo recebido polos inconformes seguidores de Pardo de Cela. A verdade é que ben vale a pena entrar, ficar un intre ollando o rosetón da entrada e ver a luz de cores, dar unha volta á xirola e permanecer un pouco obsevando esos soldados medievais e esas mulleres e nenos de teta con rostros expresivos de dor e temor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario