mércores, 30 de xuño de 2010

Nunca nos imos para sempre



Non me despido desta costa porque normalmente teño o costume de voltar. Penso que mentres estamos neste mundo sempre existe a ocasión de volverse a ver. De todos os xeitos, marcho contenta de coñecer tanta xente estupenda e de aprender moito da xeografía do país, que sempre é motivo para congratularse. Hoxe o mar está calmo. A travesía promete ser tranquila, e eu seguirei contando cousiñas de outros lugares, novas rotas, novos camiños, pero sempre coa mesma ilusión.

martes, 29 de xuño de 2010

Navegamos cara outros mares




Estos días son de despedida desta costa lucense na que tan bos momentos e tantas paisaxes sorprendentes descubrimos nunha estadía inolvidable. Agora preparámonos para soltar amarras e guiar o noso barco rumbo ó Sur. Seguiremos xuntos.

martes, 22 de xuño de 2010

As gaivotas


As compañeiras inevitables de todo residente costeiro son estas aves non sempre de fiar: sospeitosas sempre de achegarse máis da conta con intencións avesas. O seu nome en latín é "Larus ridibundus", apelativo este referente ó seu característico grallo, que lembra unha risa un pouco maléfica. En todas as linguas indoeuropeas achegadas a nos alúdese a esta acepción: en catalán chámase "gavina riallera", en francés "movette rieuse", en inglés "laughing gull", en alemán "lachmöwe", pero en galego é... "gaivota chorona": será que os galegos resaltamos con frecuencia o negativo? A verdade é que a min tampouco que parece que rían, quizais o fagan amargamente.

luns, 21 de xuño de 2010

Chegou o verán


Hoxe 21 de xuño, podemos dicir que chegou o verán. O sol brilla no ceo e unha brisa do Norte indica que non choverá nos próximos días. a Mariña parece espertar.
A praia de Llas non presentará este aspecto tan solitario esta semana nin nos meses de estío, pero para os que foxen da aglomeración da praia da vila focega, é unha porta máis salvaxe aberta ó mar aberto. Sen dúbida, a miña preferida.

xoves, 17 de xuño de 2010

Filosofía para durmir a sesta


Hoxe empeza a mellorar o tempo, e aínda que as temperaturas non subiron, a tarde foi bastante soleada. Fun ata a Rapadoira a durmir a sesta ó sol tenue que rompía as nubes, e de paso levei un libro para entreterme un pouco: As Confesiones de San Agustín, unha disquisición acerca da natureza do tempo. Confeso que non o rematei de ler. É terriblemente aburrido. A foto que vos mostro é do que hoxe chaman "Porto Chico" e sempre foi Tupide. Os que son de Foz saben que isto era un areal. Agora é un embarcadoiro de lanchas de recreo, que para iates non da. Saúdos desde a Mariña.

martes, 15 de xuño de 2010

Foz está gris, para variar


"Foz es señor de esa luz tenebrosa que al hombre terreno sorprende siempre cuando va a la Marina"... Esta frase non é miña, senon do grande Álvaro Cunqueiro. A verdade é que levo tempo dándolle voltas á luz da Mariña luguesa, tan gris, tan fonda.
Hoxe, despois de tantos días ruíns, seguimos a ter o ceo escuro e o mar tamén está gris plomo.
Resulta chocante ese cartel que desde o alto de Foz recibe ó visitante e parece anunciar un lugar fascinante, no que poden ocorrer trepidantes aventuras, no que sempre é vacacións... Hollyfoz!
A realidade é que ó pé dese cartel está o cemiterio. Sí, o que ledes: o camposanto. Curiosa metáfora da vida! Seica foi un alcalde que tivo esta brillante idea; agora o letreiro ten a z rompida, outra metáfora do xoguete urbanístico que foi esta vila hoxe sembrada de edificios a medio facer que agardan outro boom: o da fin da crise.

xoves, 10 de xuño de 2010

Navegando a Malpica


"Malpica de Bergantiños, o rei te quixo vender... para comprar a Malpica, moitos cartos hai que ter".
Aquí estiven o fin de semana pasado, navegando do porto de Foz ó de Malpica: nunha xornada, dous mares. Malpica é o meu Finisterrae desde sempre. Esta vila mariñeira, en plena Costa da Morte é un istmo entre praia e porto. A praia de Area Maior soe estar ateigada de xente nas fins de semana estivais, pero a outra tarde "estabamos sós, o mar, o barco e máis nos". É unha vila valente, que desafía ó Atlántico desde a Atalaia, a pesar de que nos últimos tempos, parece que chegou a decadencia á súa actividade portuaria, a pesares dos fortes investimentos realizados. Contábanos un mariñeiro que se foron indo os barcos para A Coruña, e que xa só van quedando os máis pequenos. Non poido evitar recoñecer que teño debilidade por Malpica, pois foron moitos veráns de pasar polas súas rúas estreitas en chancletas, comendo un xeado e subindo a buscar unha empanada de pulpo á panadería Forno Novo.
Encontro un pouco cambiada a paisaxe: algúns edificios novos, algunha casa menos; falta A Roda, pero segue O Cornecho, e algunha variante máis hosteleira: o Isidoro xa non se chama así, pero o Burato segue no mesmo calexón sobre o porto. Hai un monumento xunto ó bar O Pescador que representa unha balea de bronce, e está adicada ós lobos de mar de Malpica, que nos tempos pasados surcaban os mares en barcos baleeiros. Nos tempos pasados... toda unha metáfora do que é hoxe a pesca en Galicia.

luns, 7 de xuño de 2010

Felicidades Lúa!


Hoxe cumpre un ano a miña Lúa. Este aniversario ven acompañado dunha xornada de entrenamento con codornices na que a cadeliña non fallou unha. Estamos sorprendidos coa capacidade olfativa e o instinto que ela ten. Asombrosa demostración de habilidade coa que esperamos seguir disfrutando na tempada cinexética deste outubro.
A pequecha ten un pedigree excelente, pois é neta de Radentis España, nada menos que o campión internacional de traballo, campión trialer/ internacional de gran busca e campión de caza práctica. Por outra banda é descendente de Líder de Playabarri, outro campión, e por liña materna, da casa de Bosende. Como se di en Galicia, "só lle falta falar", porque ben é certo que comprende todas as ordes, busca, porta e para como os grandes. Na foto podedes apreciar que é blue belton con pintas marróns ( Belton é o nome especial utilizado para descreber o moteado característico do pelaxe do setter inglés. Belton é unha vila de Northumberland. Esta denominación foi creada por Edward Laverack, criador influinte no aspecto actual da raza). Espero que siga con nós moitos anos, é unha máis da familia!
http://www.club-caza.com/

venres, 4 de xuño de 2010

"Todo pertence a quen sabe disfrutalo"

Con esta afirmación de A. Gide, quero animar a todos os que ledes estas pobres páxinas a disfrutar das pequenas viaxes. Cada espazo ten o seu encanto, e se sabedes mirar con asombro, sempre poderedes disfrutar de calquer lugar no que vos atopedes. Esta que escribe, sempre está in itinere, e anda aprendendo a vivir con entusiasmo en cada recuncho que vai coñecendo. Non desaproveites nin un paseo de media hora para descubrir algo novo nas vosas pasadas, ainda que só sexa o seu son.

xoves, 3 de xuño de 2010

Castropol, o encanto decadente



Xa hai días que fun a Castropol, vila asturiana sita xusto enfrente de Ribadeo, que toda ela parece un mirador sobre a ría. Hai tempo que tiña anceios de ir cando tomando o té no Parador de Ribadeo ollaba ese promontorio poboado de tellados no que destacaba o afilado campanario dunha igrexa que me lembrou a Santa María de Tyn, en Praga. A panorámica era, cando menos, pintoresca, e a visita a Castropol non me decepcionou. Rúas e balcóns descolgados sobre o Eo, ademáis de moitas casas señoriais dos séculos XVII e XVIII que durmen o soño dos esquecidos. Polas rúas empinadas conseguin aparcar onde o consultorio médico, e dalí camiñei ata a casa consistorial, que segundo rezaba unha placa, foi un lugar emblemático na loita contra os franceses, ademáis de ser confirmada segunda capital do Principado.
A vila ten un aire indiano, como non podía ser menos, pois a emigración sobre todo a Arxentina e Cuba, deixou fonda pegada. Un monumento a Fernando Villamil, importante mariño que morreu na guerra de Cuba, preside o parque decimonónico onde está o Casino, de estilo modernista e aire decadente. A estatua, feita por suscrición popular é de bronce; ten a efixie do heroi, e tras del, unha figura feminina representa a "patria". Qué terrible fracaso o do 98! sempre os mesmos malos gobernos sobre bos súditos! Cántos mártires da nada houbo e haberá sempre neste país ós que nunca se lles ha de adicar un monumento!
E seguindo por Castropol, descubriredes o pazo dos marqueses de Santa Cruz, o das Catro torres, ou Villarosita, unha casona con torre e orixe no XVI. Marabilloso paseo polo século XIX.

martes, 1 de xuño de 2010

Penélope


Hoxe o día segue igual de anubrado que onte, as néboas non teñen presa por marchar de Foz, e eu pasarei o día entre Burela e Ribadeo, comendo con amigas e indo de compras. Aparte dos meus plans, quero compartillar con vós este poema fantástico de Xohana Torres, que lin onte:

PENÉLOPE:

DECLARA o oráculo:
"Que á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima
QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten
QUE un sumario de xerfa polos cons"

Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A qué tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR."