venres, 6 de xaneiro de 2012

Isaac Díaz Pardo, a ollada asombrada



Hoxe dixemos adeus ó artista que formou parte da nosa vida diaria a través da pintura e da experimentación. Cánto lle debemos os galegos a este home de rostro engurrado e delgada figura! A través de Sargadelos, el rescatou a Historia con maiúscula de Galicia e conseguiu xunto con Seoane, impulsar un novo concepto empresarial e artístico impregnado de esencia galega. Encarnar ideas en obxectos. Cada deseño, cada peza, leva a dobre lectura estética e histórica que alude a un lugar, unha personaxe, un acontecemento ou un monumento galego. Todo coa depuración de liñas e cores. Coa finura da porcelana e o simbólico azul cobalto que se converteu en arte identitaria do noso país.
Coincidín con el nalgunhas ocasións. Lembro a última, na cafetería dun hotel santiagués, onde dúas persoas do mundo do business, tentaban convencelo de tomar medidas contundentes na propia empresa emblemática, ó que el, un pouco duro de ouvido, pero coas ideas firmes, se negaba rotundamente.
A amizade que lle uniu a algúns achegados meus fixo que sentira a Díaz Pardo de maneira case familiar. Os ollos abertos de todas as figuras da súa arte parecen exprimir a ánima do espectador, nunha actitude hierática, asombrada e inocente.
A túa obra estará sempre con nós. A túa visión foi a renovación da nosa Galicia.

1 comentario:

  1. Foise un bo e xeneroso, unha perda insustituible da Galiza, mais quedaranos por sempre a súa magnífica obra...

    ResponderEliminar