xoves, 16 de febreiro de 2012

No pazo dos Condes de Taboada


Velaquí o pazo dos condes de Taboada, en San Pedro, ás aforas da vila luguesa onde fun xantar non hai moito a un pequeno restaurante no que, por bo prezo, comemos coma cregos, unhas impresionantes anchoas do Cantábrico feitas na casa, ademáis dunhas carnes excepcionais (rabo de boi, tenreira da terra...) servidos con fineza e protocolo por unha señora catalana que falaba un exquisito galego. O lugar está no centro da vila de Taboada, e chámase "Anduriña". E despois do refectorio, imos á arte: O pazo da foto foi mandado construir no 1413 polos Condes de Taboada, orixinarios da torre-fortaleza de Castro Candaz, en Chantada, destruida polos normandos, e a súa imaxe actual é anterior ó barroquismo galego de principios do XVIII. Ten unha planta en forma de U e un anexo ó mediodía onde está a torre ameada de tres andares. Abaixo do gran pazo, derrámase a aldea, na que destaca outra casa señorial, hoxe deshabitada, con un gran patio interior, xardíns é galería ó Sur, onde naceron algúns meus parentes. Seguindo o camiño entre as casas, que se desliza rodeado de castiñeiros, chegamos á igrexa de San Pedro de Bembibre. Fastástico románico.






A portada coas súas decoracións animais e as columnas e capiteis tan historiados destacan na fachada. No muro sur, hai outra portada tan bonita como a principal onde aparece grabado o epígrafe "ERA DE 1219", que se corresponde co ano 1181 do noso calendario. No interior ten pinturas murais do s. XVI e tamén está o sepulcro do nobre D. Xoán Taboada Ribadeneira. As vistas dende o camposanto son fermosas cara as ribeiras.

1 comentario:

  1. Fermoso e nobre pazo, o dos Condes de Taboada, e que non tiven o pracer de coñecer. Sorte e moito camiño por descobrer!

    ResponderEliminar