martes, 11 de maio de 2010

San Cibrao


a

Un dos poucos días soleados que viñeron neste mes de maio, pilloume na fermosa vila mariñeira de San Cibrao. Unha comida con amigos ó lado da praia, nun sinxelo restaurante e a bó prezo, e un paseo pola praia ata o faro, e polas rúas estreitas, descubriume un lugar dos máis auténticos e fermosos da Mariña. O peor é ver ó lonxe a industria que afea enormemente a paisaxe, pero é unha vila inesquecible. Despois de subir ó faro, descubrimos na baixada Oeste a excavación dun castro no medio do pobo. Seguimos de paseo entre casiñas con moitas flores e chegamos a unha capela e dalí de novo ó porto e á praia. Quiteille unha foto á Maruxaina, esa serea que da nome a unha festa do verán, e contáronme que é unha celebración moi vistosa e divertida onde se vai buscar en lancha á serea (unha boneca) e se leva para a vila para enxuizala por ter provocado a morte de mariñeiros co seu canto enganoso. Escollina para a foto do meu perfil, inda que eu non son nin medio peixe, nin canto, nin mato homes... de momento. Bromas aparte, recomendo a visita a San Cibrao a todos os amantes do mar e do auténtico. Mágoa do incipiente feismo urbanístico que non perdoa.

1 comentario:

  1. magoa que a industria se instalara neste paraxe, pero ainda podemos encontrar recunchos ben protexidos, fragas con olor a vello,rios que baixan sen frearse,praias que ainda son soitarias ,un tesouro que se garda!

    ResponderEliminar