venres, 27 de xullo de 2012

Armenteira oculta no verán do Salnés





Xa non resisto un minuto máis de Sanxenxo e Raxó sen escapar. Esta tarde entre a néboa, saín fuxindo de madrileños e demáis fauna veraneante e pseudopija para buscar un pouco de autenticidade e patrimonio histórico, e desintoxicarme de tanta praia. Sí, gústame a praia e o mar, pero doutra maneira. Sobre todas as cousas, gosto de pasear polos lugares que nos traen un pouco de calma e nos fan afondar na raigame. Ás veces un esquece que no medio de tanta iniquidade hai un paraíso oculto ben perto; así, entre o campo de golf de Meis e a autovía do Salnés, ocúltase este tesouro artístico entre montaña e mar. O mosteiro de Santa María de Armenteira , no Monte Castrove, aséntase desde o 1149 cando o noble D. Ero de Armenteira funda o primeiro cenobio.
Todos coñecemos a lenda que recolle Afonso X nas Cantigas: Sendo Ero xa idoso, saíu pasear unha mañá ós montes próximos ó mosteiro e quedou escoitando absorto o canto dun paxariño. Cando regresa ó mosteiro, pensando que pasaran só unhas horas, non recoñece ós monxes e atopa todo mudado. Pasaran nada menos que 200 anos! Os monxes recoñéceno polas crónicas que falaban da súa desaparición. Tras da súa morte, empezan a chamarlle "o abade santo" e representarán a súa imaxe coa figura dun paxaro no seu hombreiro.
O mosteiro foi cisterciense e remata a súa construcción no s. XIII; sinxelo e austero, sen moito ornamento, pero destaca a igrexa de planta basilical e tres naves de catro tramos, rematada por un ábside semicircular orientado ó nacente. Ten un baldaquino de pedra do 1780 e tamén se atopa no templo o sepulcro de Don Álvaro de Mendoza. O que máis chama a atención é a portada da igrexa, con seis arquivoltas decoradas , e fustes con capiteis de motivos vexetais. O rosetón que preside esta fachada é impresionante. Ten un claustro visitable de sinxelo encanto.
Despois da desamortización do XIX, e o abandono total, no ano1961, por iniciativa de Carlos Valle-Inclán, fillo do literato, créase unha asociación de Amigos de Armenteira para recuperar o conxunto. No 1989 reponse a vida cisterciense con unha comunidade de monxas navarras. Teñen unha hospedería que se recomenda para "o descanso espiritual ou psicolóxico".
Eu xa estou pensando reservar habitación...

domingo, 15 de xullo de 2012

Malpica para estrear o verán


Hoxe por fin... praia...
Sí, amigos, a 15 de xullo e sen mollar os pés na auga salgada do Atlántico. Esta tarde puidéstesme atopar en Malpica, na esquina do final da praia Area Maior, que lle chaman Canido. Alí, a rentes das rochas, respirei profundo. Ulía a mar!
Por fin o primeiro paseo do verán pola beira do mar! Un xeado de mojito e chocolate no paseo marítimo.
Sentinme feliz. Esquecín a economía malfadada destes tempos e pensei que algunhas cousas sempre seguirán ahí a pesares do ser humano: o azul profundo do océano!

xoves, 7 de xuño de 2012

O Camiño Inglés pola freguesía de Poulo.



Ollade as imaxes e descubriredes un escudo, unha inscrición e a casa na que se atopa este pequeno tesouro histórico. Estamos na parroquia de San Xiao de Poulo, no Concello de Ordes, pero denantes do século XVIII, este lugar tivo máis importancia estratéxica que a vila actual que da nome ó concello (Sancta María Ordinis). A esta aldea chámaselle a "Calle Real de Poulo", e como o seu nome indica, foi o paso escollido por numerosos viaxeiros europeus (incluidos monarcas) que facían a travesía marítima para peregrinar a Compostela. Está no Camiño Inglés, e esta casa, pertenceu ós meus bisavós; estaba á beira da casa principal e habitada por caseiros, logo, durante anos, foi utilizada como corte para o gado, e unha parte como tulla. Así, coa entrada chea de estrume, lembro eu a casoupa nos meus anos infantís, cando algunha tarde de outono ía con meus pais coller os marmelos e as mazás no pomar da horta; aquela horta na que estaban os cobos das abellas e que non volvín ver nos últimos quince anos.
A horta da Casa do Escribano. Un vello cantar na aldea dicía en ton xocoso: "dónde se crían los repollos castellanos? En la Calle de Poulo, en la huerta del Escribano", así era coñecida a casa grande que estaba a rentes da outra, camiño de por medio.
Pois nesta casiña da foto pernoctou o gran Austria Felipe II, na súa viaxe de 1554, e así o di a pedra sita á esquerda da porta: EN STA CASA POSO EL REI D PHELIPE II AZS DE ANNO DE 1554. Existe a versión que relata a saída do rei dende o porto da Coruña, para casar con María Estuardo e a conseguinte parada neste lugar.
Xusto sobre o dintel aparece o escudo que serviu de modelo ó do concello ordense. Nel vese un castelo con torre sobreposta e tres flores de lis. Ademáis vai timbrado con coroa real. Parece ser que o castelo e as tres flores de lis aludiría ós Araújo, (segundo algúns heraldistas, lles foron concedidas cando o conde Rodrigo Veloso casou coa condesa de Alambert, de sangue real francesa). Meu bisavó foi un indiano que fixo fortuna coa cana de zucre en Porto Rico, así que algo me fai supor que estas propiedades pasaron ás súas mans non por rancio abolengo... lástima de glamour!
Síntome pouleira por parte de avoa paterna, e iso marca!

xoves, 17 de maio de 2012

Parabéns, Chonchiña!


Hoxe é o día das Letras, tamén a Ascensión en Santiago. Hoxe é un día especial no que quero felicitar á tía Chonchiña, a fermosa dona de ollos azuis que acaba de estrear os seus 99 anos o primeiro de maio, en México DF co resto da familia. Ela, a inmortalizada Marisa da novela de Manuel Rivas, O lápis do carpinteiro, está outra vez vivindo do outro lado do Atlántico, na terra que a acolleu nos seus máis de 30 invernos de exilio. Despois de 33 anos na Terra, rodeada de amizades na casa de Tui, a vida doulle outra volta no aire, e regresou ó calor azteca desa cidade inmensa. Ela ten o seu sangue alí, ten amigos, ten familia; mais, nós, privilexiados, desde a mesma terra que nunca tivemos que deixar, pensamos nela, e aquí segue presente. As súas flores, as súas macetas, teñen fortes raigames. Agromaron nesta primavera para ela. Querémoste, Chonchiña. Estás entre nós. Unha aperta enorme para a familia mexicana!

domingo, 13 de maio de 2012

Rosalía na primavera do Sar


Hai tempo que non abría a edición que Marina Mayoral fixo de En las orillas del Sar, esta romántica obra que lin por primeira vez nos meus primeiros andares universitarios, e que me fascinou pola súa variedade e profundidade. Esta tarde de calmizo, despois dun paseo polo campo, buscando un pouco de fresco por vellas corredoiras case esquecidas, sentei no salón e revisei este libriño. Pensei en Rosalía e pensei tamén no engano vivido durante anos con respeito á figura desta muller insigne de quen sempre nos dicían que estaba triste, e que a súa, fora unha desgrazada vida; de quen sempre nos dicían que era morriñenta, mimosa e digna de lástima; houbo un grande cambio; Rosalía ben lida, resultoume unha muller valente, forte, madura e loitadora. Arriscada e coraxuda. Quero brindarlle a ela toda a miña admiración, e lembrar a súa figura con un poema nesta primavera.

Adivínase el dulce y perfumado
calor primaveral;
los gérmenes se agitan en la tierra
con inquietud en su amoroso afán,
y cruzan por los aires, silenciosos,
átomos que se besan al pasar.

Hierve la sangre juvenil, se exalta
lleno de aliento el corazón, y audaz
el loco pensamiento sueña y cree
que el hombre es, cual los dioses, inmortal,
No importa que los sueños sean mentira,
ya que al cabo es verdad
que es venturoso el que soñando muere,
infeliz el que vive sin soñar.

¡Pero qué aprisa en este mundo triste
todas las cosas van!
¡Que las domina el vértigo creyérase!
La que ayer fue capullo, es rosa ya,
y pronto agostará rosas y plantas
el calor estival.

domingo, 6 de maio de 2012

A primavera en Frades





Chove. Así de verde se ve o noso interior galego. Deixo caer a cortina, que vai borrando tras de sí a xanela, e retomo a lectura de Flaubert:

"As flores non se estragaran; o guipure extendérase sobor do leito. Sacou do roupeiro as chinelas. Rosanette encontrou moi delicadas aquelas atencións.
Cara a unha espertou por algúns movementos lonxanos e viuno saloucar, coa cabeza afundida na almofada.
- Qué tes, meu amor?
- Demasiada felicidade -dixo Frèderic-. Había tanto tempo que te desexaba!"

Con estas liñas de A educación sentimental, pechei o libro e pensei na propia.

domingo, 22 de abril de 2012

De propietate serene


Aproveito esta foto feita na baía da Coruña polo meu amigo Antón, para falarvos do libro que rematei de ler esta tarde de chuvieiras en abril. É un bestiario medieval, unha edición bilingüe galego-latín, da editorial compostelana Positivas, intitulado LIBELLUS DE NATURA ANIMALIUM, que como fillos do latín que sodes case todos os meus lectores, non preciso de tradución. Trátase dunha obra anónima do século XIV, fonte do posterior Bestiario Valdense. É qué ten a ver a foto? Pois é unha serea, precisamente un dos "animais" que percorren as páxinas do libriño. Vou transcribir un anaco deste capítulo:
"A propiedade da serea é que a serea é biforme, porque da metade para arriba é unha muller, mentres que da metade para abaixo é como un peixe, e hai tres especies de sereas, porque unhas teñen a voz como a dunha arpa ou dunha viola, e outras teñen a voz como unha trompa ou unha frauta, e outras cantan como unha virxe. E por isto os navegantes, pola dozura do seu canto e pola melodía delas, adormecen e afúndense no mar".
A partires deste ponto, o autor/a do libro comeza a facer unha transposición á vida do ser humano, explicando que as sereas son "os vans praceres mundanos, que, a causa da súa dozura, son moitos os homes aos que se lle dormen os cinco sentidos". Remata o episodio citando a Boecio.
Recomendación da que suscribe: non escapedes de todas as sereas; algunha vai espertar algún dos vosos sentidos; havos de levar ó paraíso co seu canto. Non renunciedes a todos os praceres. O escuro abismo a que alude Boecio, agárdanos a todos no fin dos nosos días.

domingo, 15 de abril de 2012

14 de abril


Esta foto fíxena en Madrid, hai hoxe un ano. É a miña pequena homenaxe a todos os republicanos que non están pero que nunca nos deixaron orfos.

domingo, 25 de marzo de 2012

Dies irae


Estes días, e dende os Idus de marzo, ben sexa porque é o mes de Marte, ben sexa porque unha tamén se cansa de aturar, de ler nos xornais a palabra "crise" na boca da indesexable clase política, amén de certa necesidade combativa que levo dentro, o caso é que estou contestaria. O corpo pide rebelión, e a realidade circundante precisa dunha sacudida que faga reaccionar este noso mundo que xa non pode crer en nada. Os ladróns, os corruptos, as reformas laborais, a voracidade da economía neoliberal e o teito de cristal que se impón á muller. Sumo e sigo: a nova lei do aborto, feita por homes que non deixan decidir á muller sobre o seu propio corpo; a fenda entre clases sociais que medra día a día... Resúltame fácil enlearme en discusións e ata me sinto muller en conciencia. Por todas as mulleres que loitaron contra a invisibilidade feminina, hoxe digo "basta!" Eu non quero un mundo así.

domingo, 11 de marzo de 2012

Fin de semana na Toxa



Con este tempo tan agradable, non estaba de máis facer unha escapada a paraísos cercanos. A Toxa, co seu tempo parado baixo o sol de inverno, foi o escenario dunha fin de semana tranquila, mirando o mar quedo dende a piscina do talaso; relaxada e feliz, allea a todo o rebumbio da semana anterior, non tiven máis preocupacións que a de vestirme para ir ó casino, tan decadente, e pasear polos vellos xardíns do Gran Hotel e polo museu dos xabóns e sales de "La Toja", revisando fotos antigas e lembrando a lenda da orixe do balneario, aquela do burriño que o crego abandona na illa por estar sarnoso, e enfermo, e que atopa meses despois totalmente curado por se andar deitando nas arxilas da illa. Teño que dicir que na miña casa nunca faltou a pastilla de Magno, que segue sendo un dos meus olores favoritos.

domingo, 4 de marzo de 2012

O antroido carnal e colorido


Non vou falar das orixes desta festa, nin das tradicións de todos sabidas; quero facer unha chamada á loucura, á risa, á sátira viva que nos recorre nestas datas nas que o mundo se divide en dous: os disfrazados e os que van de paisano. Os que non soportades a máscara e sodes espectadores da befa e do absurdo reflexo dunha realidade desfigurada e esperpéntica, asistides excluidos á unha catarse que se produce no exército dos enmascarados. A transformación leva consigo a ocultación da dor e a procura dunha vida nova, efémera curación que expulsa os demos do espírito e que calma as conciencias cando ó remate da festa, se quitan as caretas, a roupa luxada e repousamos o cansazo para espertar mércores de cinza a unha primavera cercana; a vida volve con forza.
As fotos que vedes son do martes de antroido en Verín, onde cunha perruca azul e unha boa de prumas, agarrei a cámara para pillar na carreira ós cigarróns. Confirmei que isto ten futuro.

martes, 28 de febreiro de 2012

Brandeso ou a Arzúa valleinclaniana





Como tantas mañás eu pasaba polo pazo de Brandeso; nin un so día eu deixei de ver a sombra de Concha detrás dos cristais empañados daquel universo pechado detrás do muro verdoso de líquens vellos como o escudo do portón da entrada. Cara o traballo, conducindo entre as néboas do mencer, non podía evitar pensar en Sonata de Otoño mentres a miña mente repasaba aquela escena na que Bradomín percorría o pazo co cadáver de Concha nos brazos, mentres os seus cabelos negros longuísimos enguedellábanse nos manubrios da portas. Ai!... que afición a miña en ver tan reais os enredos amorosos daquel marqués "feo, católico e sentimental" que foi meu compañeiro de tantos intres de lectura repetida.

Chégase a Brandeso pola estrada que sae do centro de Arzúa en dirección Vila de Cruces, despois de pasar o río Iso. O edificio é de planta rectangular e iniciado no século XVII, con restos de antigas torres. O escudo mostra a águia dos Aguilar, as cinco cabezas de lobo en sotuer dos Mosquera e unha árbore con un can atado e unhas chaves dos Montero. O edificio é de mampostería, mais agora está revestida e pintada de branco. Enfronte do pazo está a capela, que é do 1544 e reformada no século XVII.


Valle-Inclán quizais atraído polo sonoro nome de Brandeso, cámbialle o de San Lourenzo, por San Clemente, e alí vai o marqués de Bradomín visitar a súa prima Concha, enferma e moribunda para recordar un seu amor de xuventude.


O pazo pertencía nos anos 80 ós Gasset.

Déixovos un anaco desta obra para que disfrutedes do pracer da palabra:


" Yo recordaba nebulosamente aquel antiguo jardín donde los mirtos seculares dibujaban los cuatro escudos del fundador, en torno de una fuente abandonada. El jardín y el Palacio tenían esa vejez señorial y melancólica de los lugares por donde en otro tiempo pasó la vida amable de la galantería y del amor.


Bajo la fronda de aquel laberinto, sobre las terrazas y en los salones, habían florecido las rosas y los madrigales, cuando las manos blancas que en lo viejos retratos sostienen apenas los pañolitos de encaje, iban deshojando las margaritas que guardan el cándido secreto de los corazones.

¡Hermosos y lejanos recuerdos! Yo también los evoqué un día lejano, cuando la mañana otoñal y dorada envolvía el jardín húmedo y reverdecido por la constante lluvia de la noche. Bajo el cielo límpido, de una azul heráldico, los cipreses venerables parecían tener el ensueño de la vida monástica. La caricia de la luz temblaba sobre las flores como un pájaro de oro, y la brisa trazaba en el terciopelo de la yerba, huellas ideales y quiméricas como si danzasen invisibles hadas.

Concha estaba al pie de la escalinata, entretenida en hacer un gran ramo con las rosas. Algunas se habían deshojado en su falda, y me las mostró sonriendo:


- ¡Míralas qué lástima!

Y hundió en aquella frescura aterciopelada sus mejillas pálidas.

- ¡Ah, qué fragancia!


Yo le dije sonriendo:

- ¡Tu divina fragancia!"