martes, 5 de xullo de 2011

Ourenseando II







Quero adicar esta nova edición de "Ourenseando" ós meus amig@s e compañeir@s de traballo ourensás, que tan bos momentos quixeron compartir comigo nestes últimos meses. Este foi un dos meus paseos pola cidade, que recoñezo fotoxénica para a miña ollada curiosa. Cando eu fotografaba á leiteira de Ramón Conde, unha señora maior achegouse para limparlle a cara cun pano. Eu fiquei abraiada. Logo seguín ata o casino, decadencia viva e fermosa, de mármore e madeiras nobres. Un cabaleiro de certa idade convidoume a pasar pero sempre hai quen ten que dar a puntilla: "A las señoras no les saque fotos que no quieren salir en ningún medio" (y quién le ha dicho que estas son famosas o que le interesan a alguien?). Qué resesas! O Casino é unha referencia histórica da vida social ourensá, a Vetusta galega, ou como di Mave, "Vetustérrima".
Ó pasar á altura do moucho que leva o rapaz voando reparei na estatua do Padre Feijoo e na música vocal que inundaba a rúa da "Cruz Roja" e que viña do balcón aberto dun primeiro piso onde ensaia o orfeón. Quedei un intre na sombra do xardín e perdín o sentido do tempo cando o sol se retiraba. Santa Eufemia agardoume mantendo a verticalidade sobre a miña insignificancia, e deixeime levar polas pasadas que outros facían soar polas rúas de pedra.

venres, 17 de xuño de 2011

Ourense, un gato e un texto.

Ese gatiño descansaba no xardín das Burgas. Agardei un pedazo e alí quedou. Dentro da espiral de mirto. Todos estamos no labirinto. A nosa vida enrédase sen nos decatar, e a miña vida enredouse coa túa, lector, nun intre de encontro na vida terrea ou na rede, e formamos un fermoso tecido máis ou menos duradeiro ou ben, permanente; "Textus" é no vello mundo herdeiro de Roma, a fermosa palabra que usamos a diario os que vivimos da lingua, e os amantes da lectura. Outro xeito de enredármonos en letras. Leo cada noite e misturo as verbas para tecer soños. Procuro non esquecer que todos os fíos se van enleando cada xornada, e que non teño a habilidade de Ariadna para salvar a Teseo, pero tamén penso que non é necesario devanar o seso ordeando a maraña para que un día destes, a Parca decida cortar o último fío da súa labor.

sábado, 11 de xuño de 2011

Chavela Vargas ou "Cruz de olvido"

Tarde de sábado. Nubes e clarencias. Regreso do paseo e sento diante do ordenador; correo de México; unha cariñosa aperta dos irmáns maiores mestizos e certa nostalxia de poder botar unha parola sentados tomando mezcal, café e unha augardente de herbas. Qué bonitos momentos pasamos xuntos! Puxen un cd de Chavela Vargas e unha tras doutra van discorrendo letras, voz, guitarra e alma, "Y siento en mi ser tus besos... qué importa que estés tan lejos.."
Amigos, fai ben anos que me gusta escoitar á Vargas, con esa lenda negra tan fascinante, con esa vida tan vivida, das consabidas borracheiras, de conducir a toda velocidade polas avenidas do DF, de amar tanto e quizais tan desesperadamente, de tantas noites sen durmir, que non deixa de ser unha heroína lírica para min. "Me están sirviendo ahorita mi tequila, ya va mi pensamiento rumbo a ti... yo sé que tu recuerdo es mi desgracia, y vengo aquí no más a recordar..." "Cuantas cosas quedaron prendidas, hasta dentro del fondo de mi alma, cuántas luces dejaste encendidas, yo no sé cómo voy a apagarlas"... Cancións para tinguir malos e bos momentos, Macorina que sempre estás connosco, "ponme la mano aquí". Está sonando Cruz de olvido, outra canción de desamor; cantos de vos cargastes con esa cruz na vosa vida? afortunado ti que sorrís; iso é estar vivo.
En días coma este, nos que o tempo e a soedade na casa me deixan botar unha ollada atrás, vexo que "como espuma que inerte lleva el caudaloso río, flor de azalea, la vida en su avalancha te arrastró".
Hoxe ren pasou. Quizais por iso me paro a pensar nos intres que vivín e que bordaron, pespuntearon ou zurciron o meu corazón. "Nada me han enseñado los años, siempre caigo en los mismos errores, otra vez a brindar con extraños, y a llorar por los mismos dolores. Tómate esta botella conmigo, y en el último trago nos vamos".

mércores, 8 de xuño de 2011

Arquitecturas ourensás

Levo unha tempada na "terra da chispa" e parece que xa vai prendendo lume no meu espírito aventureiro esta cidade; estoulle a coller gusto ó clima e ás persoas, así que anuncio que vou adicar un "Especial Ourenseando" neste voso blogue, cunha chea de fotos que son os meus ollares en Auria. Esta casa da rúa do Paseo chamoume moito a atención; é a das galerías Viacambre, un referente da arquitectura moderna galega. Os patios de luces interiores teñen pasarelas cos laterais de cristal, que comunican as diferentes plantas. Hai opinións para todos os gustos: uns din que é precioso, outros que é unha colmea e outros que os pisos son mediocres. A min este edificio setenteiro paréceme superorixinal.

domingo, 5 de xuño de 2011

O "Caudillo" en Ourense


No Concello de Vilar de Barrio, perto de Molgas, está o Caudillo. Ben, a súa Excremencia non está nin se lle espera, máis durante unha época non vivida por min, a súa presenza si estivo ben patente na vida de todos os que tedes máis de corenta aniños. Así, nun lugar tan afastado e solitario coma iste, e no alto do monte que hoxe chaman "Caudillo" agardouse sine die a visita do Idem que nunca chegou. Alí lle fixeron este refuxio de caza por si o Xeneralísimo se quería divertir cazando por las bellas montañas orensanas algún cervo, xabarín, perdiz ou o que lle puxeran diante. Pois daqueles tempos nos que se lle botaba a caza ou lla abatían aplaudíndolle a pericia coa escopeta ou coa cana de pescar salmóns ad hoc, quedan vestixios coma este. Agora é un albergue xuvenil no que aquela tarde só se escoitaba o vento.

luns, 30 de maio de 2011

Mi gin tonic II


Hoxe é luns, e estou orgullosa de chegar ás sete da tarde en perfectas condicións despois de traballar todo o día desde as oito da mañá seguindo a unha fin de semana abondosa en festa: foi unha sinfonía de gastronomía e copas. Fun comer a Arzúa, ó restaurante Os Muiñeiros, que está ás aforas da vila; o lugar é unha casiña restaurada, de pedra, ó lado dun muiño, coa súa caída de auga, que na tarde calurosa era un remanso de frescura e de tranquilidade. Despois de xantar como cregos, comezou o momento "copas". No rústico alpendre e nunha longa mesa de mármore branco, mirando para a agua botamos ata a tardiña. O restaurador ten unha boa colección de xenebras e unhas tónicas e oranges do máis variopinto. De sempre gorentoume o gin-tonic. Agora que está de moda, estou encantada porque a oferta é máis variada e sempre descobres cousiñas novas ben boas.

A recomendación do día: "Martin Miller´s" con "Fever Tree" (agradezo ó Ferrán Adriá a descoberta da tónica hindú). Para min é a combinación perfecta; con limón e mazá, of course.
Aternativas: "Geranium" con tónica italiana (só para os que disfrutan do aroma), e G´Vine con Nordic azul: fantástico, suave e perfumado, como todo o francés. Para ocasións e xente "de pelo en peito" queda o Black Wood 60 (como o seu nome indica, ten 60 graos), difícil de conseguir e para sibaritas.
Supoño que agora comprendedes mellor a miña afirmación inicial.
O que vedes na foto é o meu clásico: Tanqueray con tónica. Coincido no gusto con Frank Sinatra. Humilde, pero pero con un toque de limón é o máis refrescante para unha tarde de pegañento calor ourensá.
Xa non sei que fago no ordenador!!!

sábado, 21 de maio de 2011

Castelo de San Xes da Peroxa. Visita oficial da princesa do Tambre





Estes que no seu día foran os muros dunha fortaleza, son hoxe os restos encantados dun castelo que me recibiu con pompa e boato, seguindo o protocolo da primavera ourensá. Formidable mirador sobre as terras do Miño, aquí me vin eu rodeada de pedras-pedestais de granito, un arredor de herba nova e algún estalote que asomaba no patio de armas. Ascendendo ó outeiro do castelo baixo palios de espesura, atopaba dous refuxios de pedra (restos da feira do lugar) e un camiño empinado que se abría á luz conforme subía. Carballos agromados refrescaban a tarde. Fun feliz mentres ollaba dende as alturas o conglomerado de verdes montañas que rodean o curso do gran río, oculto entre a vexetación. Libre e ditosa princesa con/de conto que anda de viaxe oficial polas terras de Ourense.
Curiosidades do castelo: Os vestixios consolidados son posiblemente do s. XIII. As orixes non son precisas, algúns autores vinculan a construción do castelo coa liñaxe dos Temes, para defender as súas terras no 793, sendo rei Afonso II de Asturias.
Temos lenda antimusulmana: A culpa da destrución do castelo foi do Apóstolo Santiago que tivo que ir voando no seu cabalo branco para botar dalí a Abd Al-Karim, xa que tiña castigada á comarca cos seus abusos. Foron os Irmandiños no XV, os que deron conta da edificación, que tiña catro torres semicirculares na muralla exterior, e conserva un posto de garda cunha seteira á entrada do recinto, ademáis dos alicerces da torre da homenaxe; dende o século XIII pertenceu ós Condes de Ribadavia, ata a desamortización do século XVIII. Xa no 1920 foi adquirido por un tal Artemiro, que vendeu a pedra da torre para facer a igrexa parroquial.
Lóxico.



domingo, 15 de maio de 2011

Na fonte do pazo




Na saudade da túa noite
a lúa quedou valdeira
polos camiños da fonte,
meu amigo.

M. Carmen Kruckenberg

Esta é a fonte do pazo de Trasalba, onde escapei nunha tarde de calmizo desas que sabe Ourense.
Aquí vai un anaquiño da novela O señorito da Reboraina, para lembrar a Don Ramón Otero Pedrayo, que tan boas tardes debeu pasar nese xardín, no que me sentín camelia na caída da tarde.

"-Ai! e como o meu principiño galán atinou con esta noite?
-Alumeaban as túas trenzas, co seu lucir de estrelas...
-Veu para rirse da pobre laberquiña do rueiro e do esterco!
-Viñen para xurarche amor, e levarte á vila para vivir coma unha fidalga.
-Asús! Meu señor! O meu corpo só está afeito ó cosco dos xergóns da aldea...
-Ímolo facer ruxir outravolta, miña papoíña...
-A miña lingua non sabe pronunciar as palabras das donas e das costureiras...
-Dime outra palabriña ben celmosa, que esa lingua é a rica froita do pomar del rei...
(...)
-Ha de voltar ós camiños e ós pazos onde manxa requeixón e azucre, e adurmiña en finos liños...
...unhas veces figúrame un rapaciño, outras un anxo, algunhas un demo o que está no meu leito...
-...e non me chames anxo, que carezo de gromos de ás nos hombreiros, nin me alcumes de rei, pois non teño coroa como non sexa a do teu amor. Anda, fálame por bicos e arrolos..."


domingo, 8 de maio de 2011

Un ovni na Peroxa


Un acreditado amigo díxome que este meu blogue era "moi lírico". É dicir, é un topiquísimo devanar de entradas con galician country attitude; ou sexa, un "teño morriña, teño saudade" interminable a través das 101 entradas que levo feitas. 101 dálmatas que esta Cruella De Vil sacou a pasear ó longo dun ano, e xa iban sendo horas de botar algunha gargallada nesta singladura. Pois aproveito esta foto para reflexionar sobre os tópicos paisaxísticos galegos: Isto é un ovni. Tan extraterrestre coma o chalet con palmeiras que o pai de Julio Iglesias tiña na Peroxa, ben perto deste avistamento. O solar é urbanizable; supoño que os marcianos deberon pedir unha subvención á Xunta para rehabilitar a nave, e por isto da ordenación do territorio, as tellas teñen que ser do país, o que xustifica o acopio de materiais que hai no entorno. Quen dixo feísmo?
Recomendación culinaria do día: mercade "coquitos" en Casa Sila, onde están afeitos a tratar con visitantes interplanetarios, pois a pesares da insistencia en falarlles na lingua autóctona, seguían a falarnos en romance centropeninsular. Os doces, sen dúbida, poden explicar o desvío de órbita desta aeronave.

martes, 3 de maio de 2011

Rias Altas de Castrelo do Miño



A diferenza entre as dúas imaxes é de 5o anos.
Estiven en Castrelo do Miño nunha tarde de abril, de balnearios e leceres, e achei unha paisaxe case marítima pola extensión do río. Bauticeina para contra min como as Rías Altas de Ourense. Contáronme que onde hoxe se practican deportes acuáticos e se pasea coma pola beira do mar de Sada, houbo unha vila asolagada pola economía e a famosa moda dos encoros franquistas. Pero a xente que viviu o drama non se entregou sen máis; nos anos sesenta, eles foron os primeiros en mobilizarse contra a construcción dun encoro. O seu motín, que comenzou coa "rebelión dos fouciños" das mulleres, quedou na memoria colectiva. Como tantas revoltas, apagouse sen explicacións. Hoxe queda a testemuña calada da igrexa reconstruida no outeiro.


"Castrelo do Miño significou dentro da loita mantida desde hai moitos anos polo pobo galego -sempre ofendido e asoballado- contra a invasión bárbara que supuxeron -e aínda supoñen- os encoros. E porque en Castrelo de Miño, pese á ira e á oposición das súas xentes, e de todos cantos estiveron ó seu lado, morreron moitas cousas. Claro que tamén naceu o "non", rotundo e unánime, contra o medo e o silencio impostos polos caciques e os torturadores franquistas".

Morrer en Castrelo do Miño, Xosé Fernández Ferreiro.

A páxina web do Clube Náutico de Castrelo anuncia:

O THAMES ROWING CLUB ELIXIU CASTRELO DE MIÑO PARA A SÚA CONCENTRACIÓN DE SEMANA SANTA

Qué ideal!

Antes de deixar Castrelo do Miño, despedínme cunha ollada longa dos mortos daquel verán, dos paseados que no 36 foron tirados ó río coma despoxos defenestrados do odio e da senrazón nos cantís do Miño, nas escuras pozas nas que os verdugos dos soños afunden as ilusións.